Compositor e director de corosAntonio Ignacio Paz Valverde naceu no Porriño en 1937. Realizou estudos no Colexio dos Xesuítas de Camposancos (A Guarda) onde aprendeu as primeiras nocións de linguaxe musical e piano. Foi rexeitado, inicialmente, na agrupación coral do centro pola súa sobria timidez que non lle permitía tirar a voz, pero pouco ...
Compositor e director de corosAntonio Ignacio Paz Valverde naceu no Porriño en 1937. Realizou estudos no Colexio dos Xesuítas de Camposancos (A Guarda) onde aprendeu as primeiras nocións de linguaxe musical e piano. Foi rexeitado, inicialmente, na agrupación coral do centro pola
súa sobria timidez
que non lle permitía tirar a voz, pero pouco despois dirixía o coro do colexio; tería daquela 14 anos de idade. Sobre a súa formación musical quedou apuntado:
É este un caso de case-autodidactismo excepcional
, complementado coa tutela de mestres como Antonio Uriz Susperregui, organista na catedral de Tui e mestre de capela en Ourense, que colaborou na orquestración dalgunha das primeiras composicións relixiosas do porriñés; ou de Jesús Yepes Cote, director do Conservatorio de Música de Vigo, con quen traballou dous anos
dos que tirou grande proveito
. Tras dirixir o coro do colexio, a partir de 1952 traballaba con coros da Acción Católica do Porriño, tocaba o órgano en misas e funerais ou o piano en veladas musicais. En 1953, con 16 anos, compoñía a peza de piano titulada
María Teresa, valse que figura como a primeira das súas obras. En novembro de 1959 participaba como peza esencial na fundación da Coral Polifónica do C.R.C. do Porriño propiciando a fusión de dous coros de música litúrxica aos que engadían outras voces de diversa procedencia. Nesta primeira época Antonio aínda non achegaba as súas propias composicións pero resolvía todas as cuestións de organización, selección de repertorio, distribución de voces, arranxos musicais, etc. Era a alma da coral, unha agrupación que, sen dúbida, brillou como unha das dúas ou tres propostas máis relevantes de Galicia dos anos sesenta e setenta do século XX.
A Coral Polifónica do Porriño, composta por setenta voces mixtas, fixo a súa estrea en xuño de 1960 destacando o afán por divulgar a obra de grandes autores do Clasicismo e do Romanticismo europeo xunto a diversos xéneros asociados ao mundo coral popular. Unha primeira gravación non comercial, de 1961, tivo grande impacto na emigración arxentina a través de audicións en diversas sociedades e no programa radiofónico
Recordando a Galicia da actriz Maruxa Boga. Unha parte destacada deste éxito da coral porriñesa en Arxentina foi a súa interpretación do
Himno galego, ata tal punto que a Federación de Sociedades Galegas e os colectivos que a integraban adoptaron esta versión nos seus eventos desprazando ás que os propios coros da emigración tiñan gravado. A partir de 1962 sumaban os primeiros apuntes do que serían propostas características da coral porriñesa: o madrigalismo, os espirituais negros (
Meu vello río de S. Foster) e as primeiras composicións galegas de Antonio Paz Valverde. En xullo de 1964 as voces do Porriño eran convidadas ao Festival do Mundo Céltico celebrado na Bretaña con base na cidade de Lorient e realizaron diversos concertos nas principias cidades bretoas. En maio de 1965, visitaban Madrid con motivo da celebración da
VI Feria Internacional del Campo e alí deron varios concertos no pavillón de Pontevedra, e tamén, no Centro Galego. O ano de 1969 foi estelar para as cantoras e cantores porriñeses, que volvían a Madrid para realizar a gravación histórica dos once temas rexistrados nos estudios Fonogram e que foron editados inicialmente por BCD en tres EPs baixo un título xenérico de
Canzón Galega. Os discos espalláronse por diversos países (Alemaña, Inglaterra, Brasil, EE.UU., Australia, Canadá…) e tiveron unha especial repercusión en Arxentina e, na celebración do Día das Letras Galegas de 1971, foron presentados no Centro Galego de Bos Aires madurecendo a idea de realizar unha edición propia naquel país, que se materializou por Ediciones Galicia un ano despois en formato LP.
En relación aos formatos audiovisuais, a viaxe a Madrid de 1969 tamén serviu para a realización dunha reportaxe para Televisión Española. Na radio foron múltiples as emisións con presenza da coral e, entre elas, poñemos como exemplos a realizada para a Radio Clube portuguesa que se emitiu no programa
Assim é Espanha, a gravación para Radio Galicia de Santiago dun monográfico sobre cancións galegas, ou a utilización dos materiais porriñeses nas emisoras arxentinas, especialmente Radio Ribadavia, relacionadas coa Galicia emigrante.
Na década de 1970 xurdía o Coro Infantil formado con corenta voces mixtas mentres a Coral abría o camiño á zarzuela, xénero que explorou de abondo naqueles anos (
Katiuska,
Gigantes y cabezudos,
La rosa del azafrán e
Los gavilanes). A aceleración do inevitábel proceso de relevos das e dos coralistas, as dificultades para captar novas voces e a intención de afrontar un proxecto de maior capacidade artística que profundaba na técnica vocal marcaron os últimos anos da agrupación que tivo vida ata arredor do ano 1990. Catorce anos despois, Antonio Paz creaba o Orfeón Porriñés –un proxecto máis sosegado que o anterior- no que seguiu mantendo acesa a luz do canto coral e a súa propia obra compositiva.
A cronoloxía das súas composicións ten data de inicio en 1953 se ben existe despois un baleiro, seguramente non exento de exercicios compositivos, dando paso a partir do
Vilancico creado en 1960, a un labor creativo que vai ser continuo e prolífico figurando como primeiras obras
Nouturno e
Canzón do paxariño en 1962,
O neno dormía en 1963 ou a composición
Ave María asinada en 1964. Nos seguintes anos continuaba compoñendo o resto das cancións e a misa galegas que foron gravadas e publicadas en disco en 1969, así coma o resto da súa obra que en boa parte pode situarse cronoloxicamente con data precisa ou aproximada.
A catalogación da súa obra realizada en 2010 elevaba o número de composicións e arranxos musicais ata os 158 títulos. Destaca en cantidade o apartado de música relixiosa con 73 partituras entre misas, motetes e arranxos, de xeito que esta inspiración ocupa case a metade do espazo produtivo do autor. As cancións galegas (39 temas) e en idioma castelán (10) elaboradas a partir de poemas de diversa autoría superan o trinta por cento, quedando o resto dos seus materiais dedicados a 8 pezas para piano, 17 arranxos de música de América e 12 proxectos e
performances varias. Queda engadir a estes 158 títulos o labor que Antonio Paz puido realizar entre 2010 e 2022. No aspecto relixioso cabe destacar que Antonio escribiu nove misas. A metade delas teñen data: a
Misa Galega é anterior a 1969, a
Misa Alabanza espiritual é de 1971, a
Missanova de 2000 e a
Misseta de 2001. En 2002 realizou unha nova versión da
Misa Alabanza espiritual. As restantes son unha
Misa Solemne, a
Misa Angélica, (ambas as dúas anteriores a 1986), e outras dúas misas grafadas –unha delas para dous coros- nunha libreta pautada sen data.
A composición de cancións galegas partindo de poemas e, moi especialmente de poetas de Galicia na súa propia lingua, acabaría por dar espléndidos resultados converténdose na parte máis significativa e valorada da súa obra creativa. O primeiro grupo dos poemas galegos musicados foron creados entre 1962 e 1969.
O asubío,
Solo quedeime,
Era un airiño soave,
No niño novo do vento,
Si eu souper,
Ao ver que non tiñas nome,
O neno dormía e
Non cho direi (Adeus) e outras xa citadas, son un grupo de pezas de grande interese polo seu propio valor artístico, pola época en que foron creadas, pola selección poética realizada (Manuel María, X. M. Álvarez Blázquez, Cunqueiro e Pimentel, entre outras voces), polo momento en que foron gravadas e comercializadas ou pola propia proposta de enfoque dunha música galega contemporánea que se anunciaba décadas antes –pensemos en Xesús Bal y Gay ou a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra- como reacción ao que se entendía como decadencia dos coros galegos.
Non se trata aquí da exposición de melodías da tradición oral e nin sequera da súa harmonización, fórmulas que caracterizaron unha boa parte da música coral galega. Antonio Paz non utilizou material folclórico no seu labor compositivo e, en certo modo, retomaba o
lieder que practicaron figuras do denominado nacionalismo musical galego, é dicir, Baldomir, Montes, Veiga, Chané, Rey, Roxelio Groba, etc. A creación propia do compositor asentaba sobre a idea de crear unha música contemporánea cunha identidade galega manifestada basicamente na lingua. Na década de 1970 o compositor seguía explorando esta vía e novos títulos como
O ceo alumiado,
O Cuco,
María Soliña, incrementaban a súa produción na que algúns autores eran máis utilizados como fonte creativa, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro ou Manuel María. Con moitas destas persoas da literatura –ou cos seus herdeiros- mantivo o compositor un amplo epistolario que foi máis extenso con Manuel María quen, formando parte no proceso de Voces Ceibes por 1969, dicíalle ao porriñés:
Agora que se está intentando unha nova canción moderna en galego, coido que é moi interesante –fundamental- unha renovación da nosa música polifónica, que se estaba quedando con letras de poetas do século pasado e con poemas populares. O intento feito por vostede de utilizar versos de poetas autuales é un indudábel e importante acerto. Penso que a súa laboura pode ser renovadora, fecunda e importante prá nosa cultura. Compre, pois, non desmaiar no camiño emprendido
.
Cabe apuntar que Antonio Paz utilizou a mesma técnica das cancións galegas cun pequeno grupo de poemas en castelán do romanceiro renacentista, de Rafael Alberti, de Juan Ramón Jiménez e outras autorías. Neste labor destaca a súa tendencia á forma dos trípticos do que son boa mostra
Tres Canciones,
Tres tonadillas ou
Tres sonetos. A obra de Paz Valverde en xeral, pero moi en destaque as cancións galegas, tivo e segue a ter unha relevante difusión no eido coral e foron gravadas ou cantadas ao vivo por moitísimas agrupacións galegas ou foráneas (Casablanca, De Ruada, Grup Coral CenGaLlei de Lleida, Coral Villa de Salas de Asturias, Coral de Bielefeld –Alemaña- ou Ondarreta Abesbatza de Bilbao). E máis alá do ámbito coral, estas composicións foron reinterpretadas por unha chea de artistas, entre elas e eles citaremos só algún nomes: Carlos Núñez en
Os amores libres, Tereza Salgueiro –a fermosa voz dos portugueses Madredeus- en
Obrigado, María Manuela en
Para Miguel, María do Ceo en
No bico un cantar, o grupo madrileño Rara Avis ou, incluso, unha artista pop que pasou polo programa televisivo Operación Triunfo, Eva Carreras, en
Aries imperfecto de 2009. A cantora lírica Teresa Novoa e o pianista Alejo Amoedo incluíron con frecuencia as obras de Paz Valverde nos seus programas.
Foi home de fina sensibilidade musical, con moi boas dotes organizativas para as masas corais e autor prolífico de obras continuamente reinterpretadas por múltiples artistas. E ademais foi un caso extremo de persoa que fuxía das louvanzas, os recoñecementos e as homenaxes. O seu compromiso era coa Arte. O seu legado é parte destacada do Patrimonio musical de Galicia.
Bibliografía e fontes documentaisXornais, boletíns, revistas
Acougo (Boletín informativo do C.R.C.), O Porriño, números de maio, xuño, agosto e decembro de 1971; xuño e xullo de 1972; xaneiro-febreiro e decembro de 1973; xaneiro-febreiro, marzo e xullo 1974.
Boletín de la Sociedad de Residentes del Municipio de Porriño, Bos Aires, 157-162 (1959/1961); 163-166 (1961/1962); 167-170 (1962/1963); 203-206 (1971-1972).
El Pueblo Gallego, Vigo, (26-VIII-1924), 5; (26-IX-59); (24-IX-60), 11; (26-IX-65), 22; (28-IX-6).
Galicia Cantat (Boletín da Federación Coral Galega): «Raúl Rodríguez Pazo», 2 (1986) ; «Antonio Paz Valverde», 3 (1986).
Hoja Oficial del Lunes, Vigo, (18-VI-62), 4.
O Tranvía, O Porriño, 11 (xaneiro-marzo de 1995), 4-8.
Artigos e monografías
Paz Antón, Xosé Ramón: «As cancións galegas de Antonio Paz Valverde», A Peneira 500, Ponteareas, 2010.
Paz Antón, Xosé Ramón: «A Coral Polifónica e o compositor Antonio Paz Valverde». En Malladoura: 10 anos entre nós. O Porriño: Seminario de Estudos Porriñés Alfredo Bautista Alconero
, 2010; 34-41.
Paz Antón, Xosé Ramón: A Coral Polifónica do Porriño e o compositor Antonio Paz Valverde. O Porriño: Concello, 2010, [Edición electrónica], descarga gratuita en https://antoniopazvalverde.wordpress.com/.
Vaqueiro, Nicolás Iván: «O C.R.C., berce cultural e social do Porriño», Malladoura, 3 (xaneiro de 2002), 23-29.
Recursos en internet
https://antoniopazvalverde.wordpress.com/galeria
https://arquivodaimaxedoporrino.org/outros-documento
https://manuelmariaporrino.eu/antonio-i-paz-valverde