----

A científica e investigadora Benita Silva Hermo entra no Álbum de Galicia

Benita Silva Hermo (A Pobra do Caramiñal, 1951 – Santiago de Compostela, 2023), muller que abriu camiño a nivel europeo dentro dos estudos dos monumentos graníticos, entra hoxe no Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG). Foi catedrática e docente na facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o seu esforzo científico acadou recoñecemento a nivel dentro do seu campo de investigación, que, ademais dos estudos da rocha e do solo, abrangueu dende as alteracións das pinturas murais e rupestres de Galicia ata os efectos dos cambios no clima. A súa entrada está asinada polo científico Francisco Díaz-Fierros

A pegada desta recoñecida investigadora está “en máis dun cento de publicacións, moitas delas en revistas de ámbito internacional, tres libros, doce proxectos de investigación (3 europeos) e sete teses de doutoramento”, apunta Francisco Díaz-Fierros na súa entrada do Álbum de Galicia. Un traballo científico ao que se lle suma o feito de ter sido a coordinadora do Grupo de Estudos Medioambientais Aplicados ao Patrimonio Cultural e Natural da USC, alma mater da que foi, ademais, presidenta e, logo, presidenta de honra na asociación Alumni USC, conformada por antigos alumnos da universidade santiaguesa. Dentro do eido da xestión universitaria, Silva Hermo foi, asemade, vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da USC (2010-2014), cargo no que destacou por desenvolver “unha actividade moi singular coa promoción de novos proxectos e actividades”, destaca Díaz-Fierros na súa entrada biográfica.

Silva Hermo, despois de doutorarse, comezou o seu traballo nos solos co foco posto na alteración dos solos na zona das Mariñas coruñesas, dedicándose logo ao estudo doutras áreas da xeografía galega, con repercusión en forma de traballos para revistas científicas nacionais e estranxeiras é neste período “cando pon a punto e aplica aos procesos de alteración de rochas e outros procesos edafoxenéticos as importantes técnicas micromorfolóxicas que ata ese momento non se tiñan empregado no estudo dos solos galegos”, o que marcou o seu carácter de abrir camiños neste eido.

A esta iniciativa sumouse, máis adiante, o estudo do deterioro ambiental dos monumentos construídos con granito, “unha liña de traballo que continuaría e ampliaría a outros materiais e no que chegaría a ser, ademais de pioneira, unha das máis recoñecidas especialistas europeas”, sinala Díaz-Fierros. Destacou tamén na investigación de temas tan variados como as alteracións das pinturas murais e rupestres de Galicia, “nas que habería que destacar o amplo estudo dedicado as pinturas murais da Ribeira Sacra” ou o estudo da influencia do cambio climático sobre as alteración no granito empregado na construción.


Álbum de Galicia

En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 744 entradas, das cales as máis recentes son as de Suso Díaz, María Teresa Fernández Rodríguez, Antonio Paz Valverde e Xosé María Díaz Castro. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras. É tamén o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros temas.