Nada en Barakaldo, estableceuse de nena en Ourense. Cursou Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela, para despois dedicarse á docencia no IES Otero Pedrayo. Centro no que empregou ferramentas do teatro de xeito didáctico e desenvolveu proxectos escénicos que destacaban, incide Ana Abad de Larriva na entrada, pola súa creatividade, polo fomento da cohesión grupal e pola expresión vocal e corporal do alumnado que fixo que a materia “gozaba dunha grande acollida”. Esta iniciativa permitiulle descubrir e apoiar o talento de novos actores aos que tivo como parte do seu alumnado, como foi o caso da actriz Myriam Gallego, á que axudou nos seus primeiros pasos cara á Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid.
A súa paixón polas artes escénicas levouna a colaborar estreitamente coa compañía Sarabela Teatro, grupo co que realizou traducións e adaptacións de pezas como Madame de Sade, de Yukio Mishima; As sillas, de Eugène Ionesco e A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, unha adaptación que foi recoñecida co Premio María Casares. No ámbito escolar foi galardoada por proxectos coma Tics, co que acadou o premio ao mellor texto no Festival Internacional de Teatro para la Infancia y la Juventud de Xixón en 1998.
Ao longo da súa traxectoria, Muñoz Saa explorou temas vinculados á perspectiva de xénero e á renovación da dramaturxia galega, incorporando figuras femininas en roles destacados, como na adaptación de La vida es sueño de Calderón de la Barca, rebautizada como Sexismunda. Tivo entre as súas liñas de traballo a do mito clásico de Medea, que foi, de feito, obxecto da súa intervención como relatora na xornada “O teatro afeccionado. Situación e perspectivas”, organizada polo CCG. Ademais, colaborou na elaboración do método educativo “Claro e seguido, un enfoque comunicativo na didáctica da lingua”, que segue a ser unha referencia no ensino do galego, O recoñecemento a esta profesional perdura até os nosos días, xa que dende o ano 2018 o profesorado e o alumnado do centro vén reclamando ao Concello de Ourense a dedicación dunha rúa da cidade á memoria de Begoña Muñoz Saa.
A obra creativa e pedagóxica desta artista, que incluíu tamén a participación na Aula de Teatro Universitario de Ourense e en diversas xornadas sobre teatro organizadas polo CCG, é mostra dunha muller que foi “unha dramaturga marabillosa, unha investigadora fecunda e entregada, e unha loitadora comprometida activamente coa creación, coa educación, co país coas mulleres e coa vida” como a define as docente de arte dramático Ánxeles Cuña Bóveda.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 744 entradas, das cales as máis recentes son as de Benita Silva Hermo, Suso Díaz, María Teresa Fernández Rodríguez, Antonio Paz Valverde e Xosé María Díaz Castro. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras. É tamén o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros temas.


