Suso Díaz amosou desde novo unha “creatividade que xa se plasmara nas funcións escolares e noutras representacións estivais na aldea”, destaca o texto biográfico de Abad de Larriva, “pero o principal pulo para que conectase de cheo co mundo do teatro foi coñecer a Ánxeles Cuña Bóveda na Universidade Laboral, e asistir ás súas clases de Creación e Escenificación”, despois das cales puido entrar na compañía Sarabela Teatro. Foi neste grupo no que colleitou máis experiencia, xa que formou parte do elenco de numerosas montaxes como Xacobe ou a submisión, de Eugène Ionesco, no ano 1988; Super tot, de Benet i Jornet, no 1989; Madame de Sade, de Yukio Mishima, no ano 1990; Xacobe e o seu amo, de Milan Kundera, no 1993; A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, en 1996 ou O lapis do carpinteiro, adaptación dos relatos de Manuel Rivas, no ano 2000, na que fixo o papel do doutor Daniel Da Barca, por mencionar só algúns dos títulos.
Ademais de intérprete, Suso Díaz destacou por ser “un artista multidisciplinar”, remarca Abad de Larriva, xa que tamén se ocupou de áreas como a escenografía, iluminación, técnica, deseño gráfico, formación e dirección nas tarefas desenvolvidas no marco da Aula Universitaria de Teatro de Ourense, a Mostra de Internacional de Teatro Universitario e a Mostra de Teatro Infantil, ademais de ter sido director técnico do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) ao longo de oito anos. Traballos similares puido realizar, tamén, no grupo Sarabela Teatro, no que foi escenógrafo de producións A gata con botas, de Ánxeles Cuña Bóveda, no ano 2004; O heroe, de Manuel Rivas, en 2005 ou a representación de A esmorga no ano 2009, entre máis traballos. Como deseñador, Suso “levou o deseño corporativo da compañía así como o deseño do material que acompañaba as producións, tanto carteis como dosieres, dunha maneira constante dende 1999, con Os soños de Caín, aínda que xa o viñera facendo dende antes coa colaboración de Araceli Gallego”, traslada Abad de Larriva.
No ano 2006 o intérprete creou a súa propia compañía, La Imagina Machina, vinculada a Arteficción S.L. Nela estreou A viaxe de Efi, unha na que a dirección, escenografía e deseño gráfico correron ao seu cargo, “unha peza dirixida ao público familiar chea de fondura que recollía o universo creativo de Suso e que tivo moi boa acollida”, remarca a súa entrada biográfica, xa que foi esta representación a que lle fixo obter o premio do público no Festival do Teatro Galego do ano 2006. Despois da súa repentina morte o Teatro Principal de Ourense acolleu en 2011 o Sufestival, un xeito de homenaxe á súa memoria. Na nova entrada do Álbum, ademais do texto biográfico, pódense consultar textos de homenaxe, referencias en prensa e recursos audiovisuais, como imaxes do propio actor, tamén en escena. É o caso do vídeo dispoñible con fragmentos da montaxe de Margar no pazo do tempo, de Ánxeles Cuña Bóveda, na montaxe feita por Sarabela Teatro no ano 2007 e na que Suso Díaz, ademais de como actor, se ocupou das tarefas do deseño de escenografía e iluminación; xunto a esta tamén hai fragmentos de A esmorga, no que Suso Díaz interpreta ao personaxe do Bocas.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 744 entradas, das cales as máis recentes son as de María Teresa Fernández Rodríguez, Antonio Paz Valverde e Xosé María Díaz Castro. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras. É tamén o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros temas.


