Poliédrico e fulgurante primeiro catedrático de literatura galaico-portuguesaEra fillo de Federico Saiz Sánchez, madrileño de Morata de Tajuña, establecido en Pontevedra ao facerse cargo da cátedra de ciencias na Escola Normal (Maxisterio). Coñece así a unha prima do filósofo hegeliano, masón e activista republicano Indalecio Armesto: Ama...
Poliédrico e fulgurante primeiro catedrático de literatura galaico-portuguesaEra fillo de Federico Saiz Sánchez, madrileño de Morata de Tajuña, establecido en Pontevedra ao facerse cargo da cátedra de ciencias na Escola Normal (Maxisterio). Coñece así a unha prima do filósofo hegeliano, masón e activista republicano Indalecio Armesto: Amalia. Casan e, ao pouco de nacer o fillo, sepáranse. "Vitín", "Vitiño", críase cos avós maternos –Constantino e Carmen Aldao– e coa guía do heterodoxo "tío" Indalecio.
Naquela Boa Vila de tan intensa e destacada vida sociocultural e política, Víctor Said –o troco ortográfico do apelido é decisión propia– axiña mostra capacidades para a poesía, o teatro, a música, o xornalismo, a crítica literaria e a oratoria.
No académico, estuda leis en Compostela. O moito tempo precisado para rematar a carreira (1891-1900) explícase polo desinterese no asunto e preferir outros, incluídos os propios da elite xuvenil á que pertencía. Mesmo presidiu a Tuna Clásica. Porén, en apenas tres anos (1895-1898) tamén se licencia en Filosofía e Letras por Salamanca.
En acordo co rexeneracionismo con que os sucesos de 1898 marcan a España da época, Said muda. Abandona as inquedanzas poéticas. Rexeita a militancia política. É mais, de anticlerical e republicano, transita ao catolicismo e ao liberalismo democrático.
En 1902 casa con Amadora Santoro, de Cuñas, Cenlle. Terán seis fillas e un fillo. A situación familiar resultará máis ortodoxa cá anterior, xa que, por exemplo, os avós que criaran a Víctor tamén chegaran a separarse. Acontecera en 1890, logo de que dona Carmen disparase ao seu cuñado Indalecio; ataque que causa escándalo, a reclusión da señora e –logo duns meses de aparente recuperación– a morte do "tío" de Víctor.
En 1901 comeza a carreira docente como axudante gratuíto de historia no instituto de Pontevedra. Entre 1903-1906 xa é profesor axudante da sección de letras. Gañada a praza de
Catedrático de Lengua y Literatura Castellana
estivo un curso no instituto de Reus e desde 1907 no da cidade de León. Con todo, o obxectivo profesional ambicionado por Said era ser catedrático de lingua e literatura galego-portuguesa na Universidad Central de Madrid. E acadouno, non sen esforzo, logo de vencer a forte oposición de quen consideraba mellor crear esa cátedra na universidade compostelá.
Naquel difícil triunfo (nomeamento do 27 de febreiro de 1914) foron decisivos os seus indubidables méritos intelectuais. Mais tamén as influenzas que Víctor ben sabía xestionar. Por partes. Repárese nalgúns dos seus mentores:
En Pontevedra foi decisivo o apoio do profesor e bibliófilo Jesús Muruais. Casto Sampedro considérao discípulo predilecto. Perfecto Feijoo conta con el desde o comezo do coro
Aires da Terra.
Na Coruña, entre os incondicionais da
Cova Céltica, conta coa confianza de Manuel Murguía. Con el comparte estudos de interese mutuo –o romanceiro– e proxectos de país como foi a creación en 1906 da Real Academia Galega. De feito, Said non foi nomeado académico fundador da RAG apenas por non residir sempre en Galicia.
En Madrid, onde reside a nai –e onde os avós maternos viviran uns anos logo da fracasada revolución de 1846– Víctor tiña unha selecta rede de apoios. Entre estes, algúns vinculados coa póla familiar dos Rodríguez Aldao e a masonería. En 1892, o propio Víctor ingresa na loxia
Comuneros de Castilla. Outros forman parte daquela elite da
Galicia de la Villa y Corte: Alfredo Vicenti, Eduardo Vincenti, Augusto González Besada, Emilia Pardo Bazán, etc.
E moitos outros –entre eles Marcelino Menéndez Pelayo, os irmáns Menéndez Pidal, Carolina Michaëlis de Vasconcellos ou Miguel de Unamuno– consideraban a Said Armesto merecedor do seu reputado apoio, por caso para a cátedra universitaria, polos brillantes proxectos que sen pausa desenvolvía. En destaque:
Existía unanimidade en consideralo un orador extraordinario –por saber mesturar erudición e amenidade– que á vez resultaba sorprendente, inesperado, polo seu feble aspecto, afrautado timbre de voz e mesmo a incorrecta dicción dos erres. Abandonados os mitins, brillou como conferenciante. Entre as máis célebres das súas palestras, aquelas impartidas no Ateneo de Madrid en 1911 e 1913 sobre
Tristán y la literatura rústica española, Macías O Namorado ou José Zorrilla.
Desde que en 1895 publica a que foi a súa primeira crítica literaria –aínda hoxe ben considerada ao reparar con acerto na primeira novela de Valle Inclán,
Femeninas– Víctor demostra dominar esa disciplina con magníficos traballos como os dedicados a
Las mocedades del Cid, de Guillén de Castro e a
Los Cigarrales de Toledo, de Tirso de Molina.
En 1908 publica
La Leyenda de Don Juan: Orígenes poéticos de El Burlador de Sevilla y Convidado de piedra. Alén do éxito inicial, este libro mantense hoxe como obra de referencia tanto para o tema tratado como por ser revelador das posibilidades que a tradición oral pode ter para o estudo da literatura erudita.
En 1909 convence a Casto Sampedro para presentar a concurso a
Colección de cantos y bailes de la provincia de Pontevedra, obra coa que ambos os dous, en coautoría, gañan o premio convocado pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e que, en 1942, Filgueira Valverde editará co título de
Cancionero Musical de Galicia.
En 1911, un louvado escrito seu acompaña o programa da estrea en Madrid de
Tristan e Iseo de R. Wagner. Meses despois doutórase con sobresaliente coa tese
Notas para el estudio de la materia de Bretaña en la poesía lírica gallega de los siglos XIII y XIV.
En 1914, coa cátedra universitaria resolta, e logo de cinco anos de espera, estréase en Madrid
La flor del agua, zarzuela nun acto e tres cadros con música de Conrado del Campo e libreto de Víctor quen, enfermo de morte, xa non pode asistir ao que era o seu derradeiro éxito.
Con todo, entre os méritos de Víctor Said destaca outro ben distinto. Porque, cando menos entre 1902 e 1911, o erudito profesor aplica unha metodoloxía de traballo de campo, no seu tempo ben rara, na que, entre outros avances, planifica as pesquisas, busca financiamento e procura rexistrar os datos da persoa entrevistada. Especialmente interesado no romanceiro, recolle contos, lendas ou teatro popular e, o que resulta máis destacable, procura a música dos xéneros cantados, mais tamén dos bailables e danzas. Neste eido, con certeza recolleu máis das 116 melodías que hoxe sabemos foron parte do seu truncado cancioneiro. Porque no musical, como noutros asuntos relacionados con el, case todo ficou por ultimar, sen discípulos e pronto afectado polo esquecemento.
E menos mal que houbo quen se preocupou por corrixir esa inxusta desmemoria. Porque no Museo de Pontevedra custodian as achegas de Víctor á Colección Sampedro e os máis de 2400 volumes da súa biblioteca; incluídos os libros herdados de Indalecio Armesto. E na Fundación Barrié coidan do seu impresionante arquivo persoal. Valiosos tesouros que xa teñen permitido actualizar o que se sabe deste poliédrico e fulgurante autor e que, con certeza, continuarán a posibilitar que este lúcido legado non se apague.
Bibliografía
Bibliografía primaria
Said Armesto, Víctor (1895): «Femeninas», La Justicia, 2696 e 2699 (23 e 26 de xullo). Madrid: Centro Republicano. Publicado posteriormente co título «Un libro modernista», en Análisis y Ensayos. Pontevedra: Tip. de la Viuda e Hijos de Carregal, 1896; 43-78. Reed. como «Un libro Modernista. Femeninas de Valle Inclán», El Museo de Pontevedra, XIX (1965), 109-116.
Said Armesto, Víctor (1897): Análisis y ensayos (Filosofía, literatura y sociología). Pontevedra: Tip. de la Viuda e Hijos de Carregal.
Said Armesto, Víctor (1908): La Leyenda de Don Juan. Orígenes poéticos de El Burlador de Sevilla y Convidado de Piedra. Madrid: Librería de los sucesores de Hernando. [Reed. en 1946 e 1968: Espasa Calpe; (Austral; 562)].
Sampedro Folgar, Casto; Said Armesto, Víctor (1910): Colección de cantos y bailes de la Provincia de Pontevedra [Premiada en 1911 no concurso aberto en 1909 pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (Madrid). Manuscrito reconstituído por Valverde, José (1942): Cancionero Musical de Galicia. Pontevedra: Museo de Pontevedra [Reed. de 1982 e 2007 en A Coruña: Fundación Barrié].
Said Armesto, Víctor (1911): «Apéndice». En Paris, Luis: Ricardo Wagner. Tristán é Iseo. Madrid: Librería Victoriano Suárez. Reeditado en galego por span style="font-variant: small-caps;">Cacheiro Valera, Maximino: «Said Armesto e o mito de Tristán», A Trabe de Ouro, 20 (1994), 505-514.
Said Armesto, Víctor (1911b): Notas para el estudio de la materia de Bretaña en la poesía lírica gallega de los siglos XIII y XIV. Memoria escrita para obtener el Grado de doctor en la facultad de Filosofía y letras. Madrid: Vicente Risco.
Said Armesto, Víctor [edición, prólogo y notas de] (1913a): Las mocedades del Cid, de Guillén de Castro. Madrid: Ediciones La Lectura. [Reed. Madrid: Espasa-Calpe 1945, serie Clásicos Castellanos].
Said Armesto, Víctor [edición transcrita y revisada por] (s.d. [1913b]): Cigarrales de Toledo. Compuestos por el Maestro Tirso de Molina. Madrid: Renacimiento.
Said Armesto, Víctor [1943 (póstumo)]: «Papeletas comparativas sobre Danzas de Espadas», El Museo de Pontevedra, II, 175 e ss.
Said Armesto, Víctor [1968 (póstumo)]: Las mocedades del Cid / Guillén de Castro, edición, prefacio y notas de Víctor Said. Madrid: Espasa Calpe.
Said Armesto,Víctor [1998 (póstumo)]: Poesía Popular Gallega. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza. Con prólogo de García-Sabell, Domingo.
Bibliografía secundaria
Groba González, Xavier (2012): «As achegas de Víctor Said». En Casto Sampedro e a música do cantigueiro galego de tradición oral. Redondela: Concello. Vol I: «Personaxes e contido da colección musical, 243-320; e Vol. II: «Documentario: cartas, escritos musicais e partituras», 122-134 e ss.
Rodríguez González, Diego; Otero Tovar, Olga [coord.] (2014): Víctor Said Armesto. A lección dun cidadán libre. A Coruña: Fundación Barrié. [Inclúe estudos de José Antonio Durán, José Carlos Valle, Félix Francisco Castro Vicente, Diego Rodríguez González, Margarita Santos Zas, Xosé Manuel González Reboredo, Ricardo Aceitos Valiño, Carlos Becerra, Carlos Villanueva e Xesús Alonso Motero].
Villanueva, Carlos (2014): Víctor Said Armesto. Una vida de romance. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consorcio de Santiago e Universidade de Santiago de Compostela. [Inclúe o opúsculo asinado por Pedrosa, José Manuel: «El romance de La flor del agua: discursos, motivos y fórmulas», 299-340, e o de Groba, Xavier: «Inventario del romancero reunido por Víctor Said y su música», 341-402].
Villanueva, Carlos et al. [eds.] (2015): Víctor Said Armesto e o seu tempo: perspectivas críticas. A Coruña: Fundación Barrié , Museo de Pontevedra e Deputación de Pontevedra. [Inclúe estudos de Xosé Ramón Veiga Alonso, Xosé Manuel Barreiro Barreiro, Féliz Francisco Castro, Felipe Castro Pérez, Justo Beramendi, Carlos Villanueva, José M. Pedrosa, Francisco Javier Garbayo Montabes, Monserrat Capelán, Laura Touriñán, Xosé Manuel González Reboreo e Carlos García Martínez, Xavier Groba González, Xesús Alonso Montero, Margarita Santos Zas, Carmen Vilchez Ruiz, Jose M. González Herrán, Carmen Becerra, David Pérez Álvarez, José Luis Forneiro, Belén Bouzas e Elena Veiga Rilo, Rosario Mascato Rey e Arturo Casas].