Profesora, tradutora, adaptadora e autora teatral galega, vinculada a Sarabela TeatroBegoña Muñoz Saa, tamén coñecida como Begoña Muñoz Saá, ou como Begoña Muñoz, aínda que ela adoitaba asinar co seu nome completo, xa que tiña especial querenza polo apelido materno, foi unha profesora, tradutora, adaptadora e autora teatral galega nada e...
Profesora, tradutora, adaptadora e autora teatral galega, vinculada a Sarabela TeatroBegoña Muñoz Saa, tamén coñecida como Begoña Muñoz Saá, ou como Begoña Muñoz, aínda que ela adoitaba asinar co seu nome completo, xa que tiña especial querenza polo apelido materno, foi unha profesora, tradutora, adaptadora e autora teatral galega nada en Barakaldo, o 4 de outubro de 1961, e falecida en Ourense o 17 de abril do ano 2010. Begoña trasladouse a Ourense na nenez, e estudou nas Carmelitas. Ao rematar o bacharelato, decidiu estudar Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela e, tras licenciarse, comezou a traballar como profesora. Primeiro deu clases no Colexio Cardenal Cisneros e despois no instituto ao que quedaría xa vencellada, o IES Otero Pedrayo. Impartía clases de Lingua Galega e Literatura, e nelas empregaba ferramentas do teatro de xeito didáctico. Logo propuxo tamén ao centro a creación dunha materia de iniciación ao teatro, para a que comezou a adaptar textos, como
Ramón, de Sergi Belbel, ou
Gracias, abuela..., de Sebastián Junyent, que foi publicada, co título que lle deu Begoña,
Cabalos desbocados, no volume
Materiais didácticos para a prevención do consumo de drogas, editado pola Xunta de Galicia no ano 1995. Axiña comezou tamén a escribir textos propios, como
Sidamanía,
Casa con ruídos ou
Xuventude, divino tesouro, e ela mesma dirixía as montaxes, e mesmo actuaba nalgunha delas canda as súas alumnas e alumnos.
A materia gozaba dunha grande acollida, xa que nela primeiro traballaban a cohesión grupal e a expresión vocal e corporal, e logo facían montaxes teatrais,
performances e recitais para os diferentes actos conmemorativos do instituto. Begoña destacaba polo seu labor docente, que desempeñaba por vocación, e polo seu compromiso coa igualdade de xénero e coa defensa do galego, entre outras moitas causas.
Dentro da súa orientación pedagóxica, escribiu con María Xesús Sarmiento e Serafín Alonso o método docente
Claro e seguido. Un enfoque comunicativo na didáctica da lingua, publicado por Edicións Xerais no ano 2004 en catro volumes, arredor da comprensión e a expresión oral e escrita, e tamén impartiu cursos nos Centros de Formación do Profesorado, o que a levou tamén a participar como relatora en diferentes encontros, xornadas e congresos.
Como profesora tamén detectaba as capacidades expresivas do alumnado e alentaba o seguimento da súa vocación escénica, como no caso de Miryam Gallego, que foi alumna súa e que ten recoñecido en diferentes entrevistas o papel decisivo de Begoña á hora de detectar e apoiar a súa vocación para a escena, axudándoa, en colaboración con Sarabela Teatro, a preparar o seu acceso á Real Escuela Superior de Arte Dramático, RESAD, de Madrid.
É que o propio amor de Begoña polo teatro atopara xa outro campo de acción a través da súa relación con Sarabela Teatro, coa que establecera contacto grazas a Fernando Dacosta, que era alumno seu; creando un vínculo creativo e profesional co grupo que axiña se reforzou. Para Sarabela fixo a tradución e adaptación de
Madame de Sade, de Yukio Mishima, no ano 1990, que foi a primeira montaxe como compañía profesional do grupo, despois dunha década como Agrupación Teatral Xuvenil Independente; e d’
As sillas, de Eugène Ionesco, no ano 1992; nas que tivo a colaboración de Belén Feliu; de
Cama (2 por 2 para 2), de Sergi Belbel, en 1994, e d’
A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, no ano 1996; as dúas con Carlos Couceiro. Tamén se encargou da dramaturxia de
Romance de Micomicón e Adhelala, de Eduardo Blanco Amor, no ano 1999, que foi publicada, na súa versión en galego, por Galaxia, no ano 2000, e, na súa versión en castelán, dentro da colección de teatro da Asociación Española de Teatro para la Infancia y la Juventud, ASSITEJ, no ano 2002; e, con Fina Calleja e Ánxeles Cuña Bóveda, fixo a adaptación d’
O lapis do carpinteiro, a partir da novela de Manuel Rivas, e a tradución e adaptación de
La vida es sueño, de Calderón de la Barca, para a creación de
Sexismunda; nos anos 2000 e 2001, respectivamente. No ano 2009, Sarabela volveu montar
A esmorga; unha segunda versión que mantiña practicamente a adaptación feita por Begoña e por Carlos Couceiro para a primeira montaxe, do ano 1996.
No seu traballo eran moi importantes a abordaxe e adaptación das pezas e personaxes dende unha perspectiva de xénero. Un caso especialmente notable foi o de
Sexismunda, na que o protagonista da obra de Calderón se converteu nunha protagonista. Para o Centro Dramático Galego traduciu e adaptou
Leoncio e Helena de Georg Büchner, no ano 1992, e a montaxe foi dirixida ese ano por Ánxeles Cuña Bóveda e o texto foi publicado en 1993 polo INAEM na colección de libros do CDG.
Como autora teatral, Begoña escribiu para Sarabela Teatro, en colaboración con Ánxeles Cuña Bóveda, Carlos Couceiro e Fernando Dacosta, as obras
Afección (en 1997),
Tics (en 1998) e
Os soños de Caín (en 1999). Delas,
Tics foi publicada por Baía Edicións no ano 2000, e
Os soños de Caín foi incluída dentro do volume
Talía na crónica de nós. Dez anos de teatro galego (1990-1999), publicado por Abano Editores no ano 2000.
Fixo seminarios teatrais formativos con Zulema Moret, Coralina Colom, Víctor Fuenmayor, Gisèle Barret, Helena Pimenta, Fina Calleja, Julian Knab, Albert Boadella ou Arístides Vargas, e ela mesma formou parte do equipo docente da Aula de Teatro Universitario de Ourense. Para esta traduciu e adaptou, con Carlos Couceiro,
Caleidoscopio e faros de hoxe, de Sergi Belbel, no curso 1993-1994.
Ademais de adaptar e escribir pezas teatrais, Begoña escribiu textos poéticos, tamén inspirados na escena, como o que fixo no ano 2003 para o catálogo
Migración: furto do sentido, coordinado por Jesús Costa e editado polo Centro Cultural Marcos Valcárcel e a Deputación de Ourense no ano 2003, e letras para cancións, como
Danza de Roseta, que foi musicada por Manolo de Dios.
Ademais, escribiu textos de corte máis ensaístico, como o estudo introdutorio do volume dedicado ao teatro da
Obra completa do escritor ourensán Xabier Prado “Lameiro”
(o volume III), que foi editado polo Concello de Ourense no ano 1995; o artigo «Dramaturxia e compromiso», para o volume colectivo de conmemoración do 25º aniversario de Sarabela Teatro (
25 anos. Sarabela Teatro: 1980-2005), editado pola editorial Difusora de Artes, Letras e Ideas no ano 2005; o artigo «A modo de fado», que publicou no número 20 da
Revista Galega de Teatro, no ano 1999; ou o prólogo á edición do
Romance de Micomicón e Adhelala, de Eduardo Blanco Amor, publicada por Galaxia no ano 2000.
O mito de Medea foi un tema de fondo e constante interese para ela dende moi nova, sobre o que reflexionou e traballou moito. Arredor desa inquedanza escribiu «Antes de Medea» e «Medeas», que publicou a revista
Casahamlet nos seus números 9 e 12, dos anos 2007 e 2010, respectivamente. No ano 2000 participara tamén como relatora na xornada
O teatro afeccionado. Situación e perspectivas, organizada polo Consello da Cultura Galega e celebrada en Santiago de Compostela o 15 de abril do ano 2000.
Begoña obtivo diferentes recoñecementos polo seu traballo no eido teatral, como o Premio Compostela de Teatro pola adaptación de
Madame de Sade, no ano 1990; o Premio Compostela de Teatro pola adaptación d’
As sillas, en 1992; o premio ao mellor texto por
Tics (con Carlos Couceiro, Ánxeles Cuña Bóveda e Fernando Dacosta) no Festival Internacional de Teatro para la Infancia y la Juventud (FETEN) de Xixón, en 1998; o Premio María Casares á mellor adaptación por
O lapis do carpinteiro (con Fina Calleja e Ánxeles Cuña Bóveda), no ano 2001; o Premio María Casares á mellor adaptación por
Sexismunda (xunto con Fina Calleja e Ánxeles Cuña Bóveda), no ano 2002; e o Premio María Casares á mellor adaptación por
A esmorga, con Carlos Couceiro, no ano 2010. No eido escolar obtivera tamén o recoñecemento á mellor dirección na Mostra de Teatro Escolar de Centros de Secundaria.
Begoña Muñoz Saa faleceu o 17 de abril de 2010, aos corenta e oito anos. O seu falecemento foi un acontecemento moi lutuoso para a súa familia, para o equipo de Sarabela Teatro e para toda a comunidade escolar do seu instituto, que celebrou un emotivo acto de homenaxe en honor e lembranza de Begoña o 2 de xuño dese ano. No ano 2018, dende o IES Otero Pedrayo fixeron unha proposta ao Concello de Ourense para que unha rúa da cidade levase o nome de Begoña, pero a proposta aínda non se materializou.
Ánxeles Cuña Bóveda, que traballou con ela en todos os proxectos de Sarabela nos que participou Begoña, lémbraa como
unha dramaturga marabillosa, unha investigadora fecunda e entregada, e unha loitadora comprometida activamente coa creación, coa educación, co país, coas mulleres e coa vida
, que deixou a súa pegada persoal en todas as súas facetas creativas, formativas e reivindicativas. Parte da súa obra aínda permanece inédita.
Agradecementos
A Ánxeles Cuña Bóveda e a Jesús Costa pola súa prezada axuda para a elaboración da biografía e as súas achegas de material gráfico.
Principais fontes consultadas
Ánxeles Cuña Bóveda e Jesús Costa.
Páxinas web de referencia
Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música
Páxina web do Centro Dramático Galego
Páxina web de Sarabela Teatro
Bibliografía
Cid Galante, Rosa M.: «Begoña Muñoz», no blog Historia das nosas mulleres ourensás, (26 de abril de 2010)
Cuña, Ánxeles e Dacosta, Fernando: 25 anos de Sarabela Teatro. 1980-2005. Ourense: Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2005.
Dacosta Pérez, Fernando: 25 años de teatro universitario gallego. Las aulas de teatro universitarias de Galicia (1990-2015) [Tese de doutoramento]. Badaxoz: Universidade de Estremadura, 2007.
Muñoz Saa, Begoña: «Medeas», Casahamlet: Revista de teatro, 12 (2010), 44-47.
Muñoz Saa, Begoña: «Antes de Medea», Casahamlet: Revista de teatro, 9 (2007), 60-63.
Ogando González, Iolanda e Serra Porteiro, Elisa: «As mulleres do/no teatro galego: vieiros da avangarda», Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies, (2018), 107-120.