A primeira actriz e cantante galega que se converteu nunha estrela en Estados UnidosA importancia que a monfortina Mercedes Mariño González acadou no teatro, na canción e no cinema é tan fonda como o descoñecemento sobre a súa figura. Ademais doutras pioneiras iniciativas no eido musical foi a primeira galega que debutou como protagonista dun...
A primeira actriz e cantante galega que se converteu nunha estrela en Estados UnidosA importancia que a monfortina Mercedes Mariño González acadou no teatro, na canción e no cinema é tan fonda como o descoñecemento sobre a súa figura. Ademais doutras pioneiras iniciativas no eido musical foi a primeira galega que debutou como protagonista dunha obra en Nova York, que encabezou o cartel dunha longametraxe americana ou que participou nun serial radiofónico, mais a súa sona foise diluíndo ao compás das doenzas psíquicas que a acompañaron ata a fin dos seus días, e só o traballo de investigación realizado no 2017 por Xosé Enrique Acuña no marco de Xociviga, as xornadas de cine do Carballiño, permiten pescudar os aspectos fundamentais da súa traxectoria artística.
Nacida o 10 de maio de 1909, Mercedes era moi nova cando quedou orfa de pai. Conta no seu blog a súa sobriña, a tamén actriz Yolanda Farr –nome artístico de Yolanda Mariño- que Salvador Mariño foi asasinado polo cacique para o que traballaba e a súa viúva, Gloria González, viuse obrigada a abandonar as súas terras e regresar á casa do pai, que era mestre. Axiña o fillo maior, Arsenio, coouse de polisón nun barco a Cuba e con catorce anos traballou duro para pagar as pasaxes da nai e as tres irmás pequenas: Carmen, Mercedes e Olimpia. Escribe Acuña en
Estrela e eclipse de Mercedes Mariño que unha vez alá a familia contactou co tecido asociativo creado pola diáspora galega e ao seu abeiro instruíronse as nenas. Axiña ficou patente que a mediana tiña especiais dotes para o escenario. Cando aínda non cumprira os 17 anos debuta na obra teatral
Al rugir el león da coruñesa Pilar Millán Astray, irmá maior do futuro golpista, actúa na Sociedad Beethoven de La Habana con outras compañeiras das súas clases de piano e inicia o contacto coa Agrupación Artística Gallega para axiña dar o salto ao Teatro Nacional e converterse por vez primeira, pero non última, na dona Inés de Zorrilla.
Esa capacidade para compaxinar música, teatro, e mesmo varias obras á vez será unha constante na traxectoria de Mercedes Mariño, que en 1928 inicia unha xira internacional que a converte na primeira galega que protagoniza obras en Nova York. Alí chega a actuar ata con tres compañías distintas, entre elas a de Narciso Ibáñez Menta, que será a súa parella artística en varias montaxes. Algunhas, subliña Acuña, con gran repercusión social como
Los cuatro jinetes del Apocalipsis de Blasco Ibáñez ou
Electra de Pérez Galdós. Un ano despois gravará a súa primeira película,
El veneno de un beso, xunto ao galán cubano Antonio Perdices, e nos días previos á estrea, que tivo lugar o 3 de outubro de 1929 nun Teatro Martí abarrotado de público, debutará tamén na cadea 2MG. Alí recitará o poema «Monfortina» que o seu irmán Arsenio publicara en 1917 en
El Eco de Galicia. Malia ter deixado a Terra con apenas cinco anos, Mercedes nunca esquecerá as orixes e mesmo naquel 1929 en que amoreou estreas, ofreceu á colectividade emigrada comedias como
Airiños da miña terra, amén de axudar repetidamente a recadar fondos para as familias galegas máis necesitadas.
Do seu periplo radiofónico, o seu biógrafo destaca a interpretación do fox trot
Sueño chino:
Mediante esta interpretación precursora todo indica que Mercedes Mariño é a primeira galega que canta cadencias propias dun jazz que emerxía con forza
. Será tamén pioneira nos seriais radiofónicos tras sumarse ao elenco que os radia na emisora cubana CMK.
Farao un mes após a proclamación da II República española, que a leva a devecer volver á Terra. Antes agradecerá o agarimo da patria de acollida con numerosas actuacións de despedida.
Madrid ou Barcelona –explica Acuña- convértense no único destino posible. Nestas dúas grandes cidades residían os mellores autores, asentaban os máis monumentais e prestixiosos teatros e, nas dúas, tiñan o seu centro de operacións os actores e actrices de maior recoñecemento e sona
.
Escollerá Madrid e o seu debut será coa compañía do prestixioso director Cipriano Rivas Cherif que porá en escena no Teatro Beatriz a obra
A.M.D.G., La vida es un colegio de jesuitas, adaptación teatral dunha novela na que Ramón Pérez de Ayala denunciaba a corrupción económica e os delitos sexuais da orde relixiosa. A estrea é boicoteada por xente que a considera un ataque á igrexa pero tanto o xornal republicano
Ahora como
El Heraldo de Madrid van destacar nas súas crónicas o valente da postura de Mercedes ante a algarada.
Como pasara no periplo cubano, compaxinará teatro, música e, a finais de marzo de 1932, tamén debutará na programación nocturna de Unión Radio. Mostra do recoñecemento acadado no Estado é o feito de que a revista
Estampa a inclúa nunha enquisa sobre os ministerios que as mulleres poderían liderar no tempo republicano, xunto a voces como a da deputada Margarita Nelken ou a tamén actriz Eugenia Zuffoli. Acuña acolle a súa resposta como exemplo dun pensamento claramente feminista, moi por riba da postura da propia Nelken. Mentres a deputada avogaba pola carteira de Traballo, Mercedes defendía que
el mundo no estaría bien regido hasta que el gobierno lo formen hombres y mujeres, en igual proporción. Y, de haber mayoría en él, que esta fuese femenina. No hemos de tardar mucho en comprobar tan saludables resultados
. Por desgraza para ela e para todas as mulleres, o golpe de Estado vai retrasar durante décadas esa incorporación plena da muller á vida política.
No tempo republicano a monfortina convértese na primeira actriz da Compañía dramática de Arte Moderno que, de novo Rivas Cherif, establecerá no Cervantes. Con ela porá en escena obras como
Crimen y castigo ou unha versión da
Le cocu magnifique, texto con certa dose de erotismo que publicará a
Revista de Occidente por desexo expreso de Ortega y Gasset.
Son, conta Acuña, tempos felices, tamén no persoal co inicio do noivado con Manuel García Leyra, un estudante galego que se formaba como médico en Madrid, con quen casará e terá a única filla: Olimpia. A chegada da gravidez coincide coa primeira baixa de Mercedes na escena. Volve ao teatro en setembro de 1934 para interpretar, entre outras obras,
Cuando los hijos de Eva no son los hijos de Adán de Jacinto Benavente, e tamén a Unión Radio onde, xunto a un amplo catálogo de música caribeña e afroamericana, ofrecerá pezas en galego. Tras iso chega outro ano de silencio, roto no outono de 1935 coa interpretación no Teatro Eslava do papel protagonista de
Don Cascabeles. Un manicomio entre a escenografía parece unha cruel premonición da tolemia que se ía desatar no Estado tras o golpe franquista e na propia vida da actriz.
Mentres o marido e mais e o seu irmán Arsenio se suman, primeiro ás milicias galegas e logo ao bando republicano onde Manuel é nomeado xefe de sanidade do III Corpo do Exército da República, Mercedes loita polos valores que esta encarna recitando poesía revolucionaria nos escenarios do Teatro del Pueblo, compañía que desde unha Madrid asediada polos golpistas amosa un férreo apoio ao goberno democrático. Que o conflito conclúa con vitoria golpista provoca o ingreso nun campo de concentración de Arsenio e Manuel. Cando obtén a liberdade, e tras afrontar tamén un expediente de responsabilidades políticas, o home de Mercedes decide volver á Galiza separándose dela e da súa filla que naquela altura viven en Ciudad Real. Segundo Acuña, Mercedes fica profundamente afectada e na súa biografía inclúe unha foto que lle dedica á familia de Arsenio en 1944, na que lles recoñece estar sumida nunha eclipse de anos.
Será, nun paradoxo, o falanxista Carlos Serrano de Osma quen a leve de volta ao cine co papel de Antonia na película
Abel Sánchez, baseada nunha obra de Unamuno. A súa estrea será o 26 de novembro de 1946, o mesmo ano en que decide volver á Galiza para instalarse na Coruña. Moi preto, en Mugardos, vivía Manuel cunha nova parella coa que chegará a ter tres criaturas. Das necesidades, mesmo económicas, da súa primeira filla, apenas se ocupará cando a falta de oportunidades laborais da nai as empurre a situacións de suma precariedade.
A de
Abel Sánchez será a súa última aparición na gran pantalla. Eran malos tempos para unha muller que criaba soa unha nena, que deixara patentes moitas veces as súas ideas republicanas e que, para máis inri, tiña un pasado como actriz de cintas incompatíbeis coa casposa e hipócrita moral nacionalcatólica. Acuña destaca que aínda terá ocasión de converterse na primeira galega que dirixe unha compañía de teatro independente: a do Cuadro Filodramático del Centro Cultural de Santa Lucía, que logo se chamará Vocación. Mais, de novo fica patente que é unha adiantada ao seu tempo, e a súa montaxe do texto
Del brazo y por la calle, do chileno Armando Mook, vai provocar ásperas críticas:
Desde el punto de vista moral, a nosotros, españoles, nos repugna. Choca ásperamente contra nuestro concepto del honor, del amor y del alma femenina
, sentenciou unha das críticas que recolle Acuña. Así, malia que o seu papel como actriz protagonista foi laureado, o pano caeu definitivamente e con el fundiuse a escuro tamén a biografía de Mercedes, que empezou a acumular estadías en hospitais psiquiátricos.
Polos expedientes que conserva o Arquivo de Galiza sabemos que o 11 de febreiro de 1971 ingresou en Conxo e que alí morreu o 5 de xuño de 1995, aos 86 anos. Máis dunha vez repetiu que fóra unha estrela do panorama artístico mundial e máis dunha vez creron que deliraba. O que é difícil de crer hoxe é que unha biografía como a dela fique tan descoñecida.
Bibliografía e documentación consultada
Arquivo de Galicia: Expediente 12.097 do Arquivo de Conxo.
Acuña, Xosé Enrique: Estrela e eclipse de Mercedes Mariño. O Carballiño: Concello, Xociviga, 2017.
Farr, Yolanda: Blog, dispoñíbel en https://www.blogger.com/profile/14027806348452288137
Partida de defunción de Mercedes Mariño González cedida por José Luís Dopico Orjais.