A praceira rebeldeMaría Luisa Villaverde Regueiro naceu en Compostela o 28 de xuño de 1923 no barrio de San Lourenzo, nunha familia humilde, traballadora e moi comprometida co movemento obreiro. O seu pai, Jesús, peón no servizo de augas da cidade, era sindicalista libertario e presidente da Sociedade de peóns. A súa nai, Delfina, era simpat...
A praceira rebeldeMaría Luisa Villaverde Regueiro naceu en Compostela o 28 de xuño de 1923 no barrio de San Lourenzo, nunha familia humilde, traballadora e moi comprometida co movemento obreiro. O seu pai, Jesús, peón no servizo de augas da cidade, era sindicalista libertario e presidente da Sociedade de peóns. A súa nai, Delfina, era simpatizante do movemento libertario compostelán.
Na súa nenez estivo escolarizada no Colexio da Ensinanza e, por ser a filla máis vella, ocupábase tamén do coidado de Jesús, Violeta e María de los Ángeles (Maruxa), os seus irmáns pequenos.
En 1936, con 13 anos, como consecuencia da sublevación militar franquista (que en Galiza coñeceu xa desde o mes de xullo a represión sobre a poboación republicana), o seu pai e mais a súa nai foron vítimas de maltratos, torturas, malleiras e agresións que provocaron a súa morte, declarada oficialmente como derrame cerebral
.
A familia de María Luisa —sobre todo ela, que era a maior— sufriu humillacións e represalias e, moi concretamente, no centro escolar, rapáronlle o cabelo e colocáronlle un cartaz coa mensaxe filla de comunistas
, obrigándoa a pasearse así diante das súas compañeiras. María Luisa non puido continuar escolarizada porque tivo que poñerse a traballar para manter a súa familia, conseguindo un posto de peixeira na Praza de Abastos de Santiago que mantivo, malia as difultades e con moito esforzo e aguante, ao longo de toda a súa vida laboral, facendo oír a súa voz crítica e o seu compromiso cun mundo máis xusto.
No ano 1945 casa con Manuel Antonio López Uzal, membro da Banda Municipal de Música e van vivir á casa familiar do marido na rúa do Rosario. Desta relación nace a súa primeira filla, Elena. A convivencia da parella e coa familia del deteriorase decontado o que obriga a María Luisa a abandonar a casa familiar levando con ela a súa filla. A independencia económica permítelle tomar esta decisión. Mais o marido denúnciaa por abandono de fogar
(cómpre lembrar a lexislación franquista sobre a submisión das mulleres e a obrigatoriedade de permanencia no domicilio conxugal). Logo da denuncia, María Luisa vai pasar cinco días detida e vanlle quitar a nena, facéndolle crer a Elena que a súa nai estaba morta. Só se reencontrarán cando Elena xa é adulta e, daquela, recuperan a relación.
María Luisa continúa traballando na Praza e no ano 1951 coñece a un pintor de Vista Alegre, Serafín, que será o seu verdadeiro compañeiro de vida. Manterían unha relación estabale e sólida durante corenta e sete anos, ata a morte del en en 1997. Desta parella naceron unha filla, María Dolores, e mais dous fillos, Fernando e Xulio, que levaron o apelido da súa nais pero nunca o de seu pai. Aínda que o divorcio non foi legal ata 1991, María Luisa non se divorciará ata despois da morte do seu compañeiro Serafín.
María Luisa mantivo sempre o ideario familiar anarco-sindicalista e de esquerdas, ao que lle engadiu, co seu exemplo de vida, ser unha muller feminista e adiantada ao seu tempo, sufrindo as consecuencias sociais e política de vivir no estado franquista e mantendo sempre a súa dignidade e afouteza persoal. Educou a súa filla e os fillos nos valores de xustiza, liberdade e igualdade.
No barrio de Sar, ao pé da Colexiata, onde María Luisa e Serafin fixeron a súa vida de parella, as casas máis pobres comeron peixe (nos anos da fame e das cartillas de racionamento) porque o que María Luisa non vendía no seu posto da praza poñíao de balde nas mesas máis necesitadas do barrio.
Despois dunha vida de loita e traballo incansable, sen renunciar nunca aos seus principios de xustiza social e liberdade, María Luisa Villaverde Regueiro morreu en Santiago de Compostela o 28 de setembro de 2003, aos 80 anos de idade.
Agradecementos
Esta biografía puido elaborarse grazas ao testemuño de Sandra López Corral, neta de María Luisa Villaverde Regueiro.
Nota bibliográfica
Toda a documentación sobre as diferentes ponlas da familia Villaverde que sufriron unha represión feroz polo franquismo poden consultarse na Real Academia Galega, onde está depositada por vontade familiar.
Asemade, o grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (HISTAGRA) ten copia desta documentación que está ao dispor de quen queira consultala.
O libro de Manuel Rivas, O lapis do carpinteiro, recolle a vida de Pepe Villaverde, tío de María Luisa asasinado en Sabón, que foi carpinteiro de Ribeira, libertario e humanista e Secretario Xeral da CNT en Galicia.
Ver biografía no Álbum de Galicia