----

Unha xornada revela novas claves da obra e da traxectoria esquecida de Francisco Miguel

O ciclo Revisando a nosa arte que organiza a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) detívose este mércores na figura do pintor coruñés Francisco Miguel, asasinado en 1936, e puxo sobre a mesa novas achegas sobre a súa evolución artística, a dispersión da súa obra e o seu papel dentro dunha xeración truncada pola guerra e a represión. O crítico de arte Carlos L. Bernárdez, o escritor Manuel Rivas, a comisaria de exposición Rosario Sarmiento xunto coa vicepresidenta da agrupación cultural Alexandre Bóveda, Carmela Galego, participaron nesta sesión coordinada por Ramón Rozas. “Estamos en tempo de facer xustiza reparativa e afectiva” apuntou Dolores Vilavedra, vicepresidenta do CCG na apertura da sesión. Pola súa parte, a coordinadora da sección, Paula Cabaleiro, destacou que é “un pequeno gran de area que podemos achegar desde o CCG no proceso de resignificación da súa figura”.

O crítico Carlos L. Bernárdez abriu a xornada situando artisticamente a Francisco Miguel. Na súa opinión, a traxectoria de Francisco Miguel quedou condicionada pola súa morte temperá e polo diario da súa muller, Syra Alonso, que recolle a crónica da súa detención e asasinato. “A súa condición de vítima fixo que a súa obra quedase nun segundo plano. Non hai presenza significativa nos nosos museos e moitas das súas pezas están en México, en coleccións privadas, no mercado internacional ou en paradoiro descoñecido”, explicou. Bernárdez lembrou que o Concello da Coruña chegou a publicar un álbum con debuxos —maioritariamente de Syra e dalgúns achegados— no que se reproduciron obras inéditas, entre elas un retrato da súa compañeira. Bernárdez destacou a evolución do pintor que ten unha primeira etapa ligada ás revistas Alfar, Vida e Ronsel, onde sobresae como ilustrador e gravador próximo ao ultraísmo. A partir de 1923 obsérvase un retorno ao clasicismo modernizado que culmina, no seu período mexicano (1925-1933), nunha figuración vinculada ao realismo máxico e ás correntes europeas de entreguerras.

Marcha a México, onde mantivo relación con creadores como Villaurrutia, Salvador Novo ou David Alfaro Siqueiros, nun ambiente cosmopolita e alternativo ao muralismo de Diego Rivera. “Recoñecemos nel dúas etapas claras: unha vangardista e outra de volta á orde e á figuración, sempre cunha identidade profundamente europea, mesmo desde América”, apuntou Bernárdez. "Foi un pintor que traballa desde a intelixencia e penso que aínda temos moito camiño por recuperar da súa figura" rematou.

Após a súa intervención, o coordinador da xornada, Ramón Rozas e o escritor Manuel Rivas abordaron a relación entre arte e memoria. Manuel Rivas leva tempo resignificando a súa figura, escolleu un dos seus cadros máis destacados do pintor coruñés como portada da súa obra Os libros arden mal, e incorporou a súa historia e a de Luis Huici na narrativa da súa obra O lápis do carpinteiro.

Na mesa redonda posterior, Rosario Sarmiento abriu o contexto e situou a vida e a obra de Francisco Miguel no marco dunha xeración de artistas como Camilo Díaz Baliño, Luis Huici, Uxío Souto, Luís Seoane, Colmeiro ou Cándido Fernández Mazas, que sufriron exilio, cárcere ou morte. Tamén puxo en valor o papel das mulleres destes creadores, como Syra Alonso (Francisco Miguel), Maruxa Seoane (Luis Seoane) ou Amparo Segarra (Eugenio Granell), que apoiaron o traballo e contribuíron á conservación e difusión do legado dos seus homes.

A sesión pechou cunha reflexión común: recuperar a figura de Francisco Miguel e da súa xeración é un exercicio de xustiza e memoria colectiva, que permite situar as súas obras no lugar que lles corresponde dentro da modernidade plástica galega. A sesión foi gravada e o vídeo da sesión pode recuperarse a través da canle de YouTube da institución.