A fotógrafa estadounidense que amosou Galicia ao mundoNos anos finais do século XIX, Archer Milton Huntington (1870-1955) viaxara a distintos lugares do Estado Español, entre eles á nación galega. A súa intención era a creación dunha entidade que, nos Estados Unidos, espallase a cultura dos países existentes no Estado Español, Portugal, A...
A fotógrafa estadounidense que amosou Galicia ao mundoNos anos finais do século XIX, Archer Milton Huntington (1870-1955) viaxara a distintos lugares do Estado Español, entre eles á nación galega. A súa intención era a creación dunha entidade que, nos Estados Unidos, espallase a cultura dos países existentes no Estado Español, Portugal, América do Sur e Filipinas. Como consecuencia desta viaxe, Huntington fundou, en 1904, en Nova York, The Hispanic Society of America. Estes feitos son os que fixeron posíbel, co decorrer do tempo, na década de 1920, a chegada ao país de Ruth Matilda Anderson.
No ano 1921, a Hispanic Society encomendou á fotógrafa sinalada o labor de viaxar á Península Ibérica para desenvolver un traballo de documentación baseado, nomeadamente, no fotografado do traxe tradicional e outras posíbeis manifestacións da cultura material galega. Anderson posuía formación fotográfica herdada dos seus proxenitores, xa que o seu pai Alfred Theodore Anderson fora pintor e fotógrafo en Omaha, Nebraska, en canto a súa nai exercía os labores de retocadora no estudio que partillaba co seu home en Kearney, o cal levaba o nome de The Anderson Studio. Marchando para Nova York, co desexo de mellorar os seus coñecementos fotográficos, Ruth estudou na escola de Clarence White, feito que lle facilitou o contacto con, entre outras, persoas tan sobranceiras no panorama da fotografía universal como Gertrude Kasebier ou Edward Steichen.
As diferentes estadías na nosa Terra de Ruth Matilda, entre os anos 1924 e 1926, foron seguidas con interese por distintos medios de comunicación escrita, que informaban da súa titulación, dos obxectivos da súa viaxe e do seu percurso polo país, en compañía doutra moza neoiorquina, Frances Spalding, compañeira de estudos de fotografía. Desta maneira coñécese a audiencia co alcalde da Coruña e a tiraxe de fotografías na cidade e arredores en 1925 e 1926, a chegada a Pontevedra neste último ano, a Lugo -nesta ocasión acompañada polo seu pai, onde visita o Museo Arqueolóxico- ou a estadía en Ourense e Vigo, xuntamente con Frances. Nesta última cidade dirixen unha carta ao alcalde Gregorio Espino, para lle dar conta da axuda que o arquiveiro e o secretario do concello vigués forneceron ás fotógrafas, mostrándolles importantes documentos para elas comprenderen mellor a realidade viguesa e galega, ao tempo que eran agasalladas cun exemplar de
Notas viejas galicianas de Pablo Pérez Costanti.
A presenza no país de Anderson e Spalding, hai un século, espertou unha grande atención: o feito de dúas mulleres novas percorreren o territorio galego tirando fotografías de monumentos, requirindo información das xentes e introducíndose nos fogares labregos e mariñeiros, orgullosas de posuíren unha total autonomía persoal, ben como de conduciren o seu propio coche, achábase en profunda contraposición coa circunstancia galega do momento, onde, como aseguraba un cronista de
El Compostelano, a muller «precisa convalidar en la vía pública su personalidad, con la compañía de familiares, institutrices o domésticas». A viaxe das fotógrafas norteamericanas serve, ademais, para que, de novo, os medios escritos insistan nunha antiga teima, xa comezada no século XIX: a necesidade de fomentar o turismo, constituíndo comisións e concellarías que faciliten a persoas chegadas do estranxeiro as guías correspondentes para percibiren a beleza que existe no país.
No período de estada no país galego —en total, case ano e medio— Anderson construíu a documentación máis completa que unha persoa estranxeira erguera nunca sobre o noso país. A natureza e extensión do seu traballo combinaba as perspectivas de autora e coleccionista, realizando máis de sete mil fotografías e adquirindo a distintos fotógrafos galegos preto de outras tres mil, todas elas con destino á colección da Hispanic Society of America. Aínda que se sabe que Ruth fotografou lugares situados nas terras orientais galegas de Lugo e Ourense, o que finalmente ficou impreso foi o volume
Gallegan provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña, que viu a luz na cidade de Nova York, publicado pola Hispanic Society —da que Ruth era membro correspondente— en 1939 e que contiña 682 imaxes, maioritariamente fotografías realizadas pola propia Anderson, acompañadas dun texto que se alastra ao longo de 496 páxinas. O volume contén tamén fotografías de coñecidos autores galegos, como Ksado, Sarabia, Pacheco e Ferrer, ao pé dos madrileños Ruiz Vernacci e Mariano Moreno ou dos fotógrafos cataláns que configuraron o Arxiu Mas.
Gallegan provinces of Spain insire tamén obras de pintores como Sorolla ou Álvarez de Sotomayor, xunto con outros elementos, algúns deles procedentes de institucións como o Metropolitan Museum of Art, de Nova York, ou da Kunstverlag de Viena, alén, como é lóxico, da Hispanic Society. Entre estes elementos áchanse gravados, obxectos artísticos tridimensionais, documentos, planos ou partituras musicais. Este conxunto, notábel en si mesmo, constitúe, porén, unha pequena percentaxe de ilustracións do volume da Hispanic Society.
Pontevedra and La Coruña contén, ademais, case duascentas notas, referencias bibliográficas, localizacións e índices. Aínda que, inicialmente, se encomendara á fotógrafa, segundo se dixo, un traballo centrado no traxe tradicional e outros aspectos moi concretos, Ruth Matilda Anderson elaborou unha panorámica do país da que, practicamente, nada se esquecía: as cidades e vilas, o traxe, a arquitectura tradicional e relixiosa, o traballo artesanal, os mercados e feiras, o mar, a vida mariñeira e a labrega, a venda ambulante, os oficios, os interiores pacegos, as largacías visións da paisaxe, o retrato das xentes, a festa tradicional. Para alén dunha visión especialmente adestrada no ollar, como produto da súa formación, na fotógrafa debía existir unha gran capacidade de conexión con persoas de diferentes camadas sociais e unha curiosidade e aptitude que a levaron a aprender español e a ler textos galegos, concretamente de Rosalía Castro. Da mesma maneira que era quen de acceder ao interior de casas populares, tamén o era de facelo a nomes coñecidos no panorama cultural da época, como César Vaamonde Lores, arquiveiro-bibliotecario da Academia Galega que lle facilitara documentos en que figuraban as sinaturas de Xelmírez e dona Urraca.
Posibelmente a través de César Vaamonde ou o seu irmán Florencio, membro fundador das Irmandades da Fala, Ruth chegou a establecer unha chea de contactos con xentes da cultura e do galeguismo, entre os que figuraba Castelao, que agasallou a fotógrafa cunha pequena acuarela, de dimensións 21,6 x 17,8 cm, con dedicatoria incluída —«Para señorita Ruth Matilda Anderson / Afectuosamente/ Castelao / 1926» que Manuel Vilar estudou minuciosamente. Con toda probabilidade, foi este contacto coa elite cultural e fotográfica galega a que empurrou a fotógrafa o adquirir un interese polo país, que ultrapasaba os aspectos fotográficos, converténdose nunha investigadora que pesquisou en museos ou arquivos, cun método profundamente sistemático que a convertían nunha mestura de etnógrafa, xornalista e fotógrafa. Neste sentido, os seus apuntamentos son moi esclarecedores, mostrando unha disciplina programática que atinxía da mudanza e revelado de material sensíbel aos estudos de gramática, da obrigatoriedade da lectura do xornal á planificación do traballo para o seguinte día ou a sistematización que mostra o seu documento
Liñas xerais para o estudo dunha cidade, onde se sinalan os grandes temas, á súa vez subdivididos en asuntos secundarios, que, ao mesmo tempo, se descompoñen en unidades menores.
Unha proba concreta de todo o anterior constitúeno os capítulos de
Pontevedra and La Coruña números XXIV —«Muradana dress»— e XXVIII —«Wedding dress and ancient jewelry»—. Neste último, onde estuda o traxe de casamento e a xoiaría antiga pertencentes a unha casa labrega de Lestedo, en Boqueixón, a fotógrafa procede mediante unha serie sucesiva de achegamentos, que comezan polo rexistro do exterior da vivenda e os elementos adxacentes: canastro, eira, palleiro, galiñas e unha muller —en primeiro plano, sentada no ángulo inferior dereito— atarefada en labores caseiros, se cadra debullando millo ou apañando ramallos. A seguir, Anderson penetra no interior da vivenda, iniciando un mecanismo activador da lembranza mediante o fotografado dunha arca que, alén de conter o traxe, traballa como elemento de ligazón entre o pasado e o presente, xa que nela se gardan, e a través dela se transmite, unha parte da historia familiar e os acontecementos que a caracterizan. O relato textual, que se desenvolve paralelamente ao visual, informa da negativa da muller da casa a se vestir coas roupas que un día levara, quer porque lle lembran a mocidade perdida, quer porque considera que debe ser a súa filla quen cumpra ese papel, como limiar do que acontecerá nun tempo non lonxincuo.
Coa esixencia previa por parte da nai da moza de non seren utilizadas as fotografías como cartóns postais, a fotógrafa inicia a sesión, con dúas fotografías realizadas no exterior da casa, empregando como pano de fondo unha parede, e outras dúas no interior, unha delas, retrato, que permite identificar elementos como a manteleta de veludo, o colar de perlas, os flocos e os brincos de prata que enfeitan as orellas. As alfaias actúan de novo como xeradoras da lembranza xa que algunhas delas pertenceran a unha antepasada, a trisavoa da mai da rapariga, cen anos cara a atrás, ao tempo que Ruth Matilda reforza o pormenor das xoias inserindo unha fotografía duns brincos adquiridos en Betanzos algún tempo despois de rematada a sesión de Lestedo. Finalmente, a cuarta fotografía desta serie reflicte a rapariga diante dunha ampla mesa, alumada lateralmente pola luz dunha xanela que adiviñamos na parte esquerda da fotografía. Aparecen en volta trebellos de fiar, unha cadeira sen brazos e, na parte dereita, unha porta que a nosa ollada pode atravesar para albiscar un segundo espazo do sobrado, que goza de mellor iluminación.
Esta última fotografía conecta con certas perspectivas da tradición documental que, na década seguinte, os fotógrafos da Farm Security Administration, como Walker Evans, desenvolverán nos estados do sul de Estados Unidos. Noutras ocasións, como ocorre no caso das vendedoras de polos, os cóengos ou as campesiñas que Anderson fotografa con sobria frontalidade, as imaxes lembran os ferreiros ou os camponeses que o seu contemporáneo August Sander tirou para o volume
Antlitz der Zeit, publicado en 1929. As estratexias fotográficas de Ruth Matilda Anderson ligan, desta maneira, a fotografía e a imaxe do país coa universalidade doutras fotografías, coa reflexión sobre temas que atinxen a memoria e o mergullo en épocas pasadas, coa tradición de fotografía etnográfica, cos usos, estéticos e sociais, do retrato, cos criterios seguidos en certos mecanismos da representación, coa visión de diferentes formas de ritualidade, co casamento no mundo campesiño. En resumo, o método de acción da nosa fotógrafa, austero, sistemático, rigoroso, semella procurar as raíces e as pautas definitorias dunha sociedade, partindo de pequenos pormenores que a caracterizan e —seguindo a rota marcada por eses pormenores— atinxir unha das múltiples definicións dela.
Bibliografía
Monografías
Anderson, Ruth Matilda (1939): Pontevedra and La Coruña. New York: The Hispanic Society of America.
Anderson, Ruth Matilda (2009): Unha mirada de antano. Fotografias de Ruth Matilda Anderson en Galicia. Santiago de Compostela: Fundación Caixa Galicia
Cabo, Jose Luis. (1998): «O proxecto galego de Ruth Matilda Anderson». En Ruth Matilda Anderson. A Coruña, Centro Galego de Artes da Imaxe; 21-27
Heiting, Manfred (1999): August Sander. Köln: Taschen
Sider, Sandra (1998): «Ruth Matilda Anderson. Esbozo autobiográfico». En Ruth Matilda Anderson. A Coruña: Centro Galego de Artes da Imaxe; 15-16
Vilar, Manuel (2007). «Un presente de Castelao a Ruth Matilda Anderson», Adra. Revista dos socios e socias do Museo do Pobo Galego, 2 (2007), 113-118.
Publicacións periódicas
Domecq en Galicia (1926), El Compostelano (1926), El Heraldo Gallego (1926), El Pueblo Gallego (1925, 1926), Heraldo de Galicia (1925), La Región (1926), La Voz de Galicia (1925, 1926), La voz de la verdad (1925, 1926).
Recursos de internet
https://hispanicsociety.org/about-us/
www.usgennet.org/usa/ne/topic/resources/OLLibrary/Nebraskana/pages/nbka0008.htm
https://www.youtube.com/watch?v=wq0ga_BbSZ4&ab_channel=HispanicSocietyMuseum%26Library
https://mona.unk.edu/mona/ruth-matilda-anderson/