Psiquiatra feminista. Defensora da saúde, o pracer, a república e a terra en malvaO 11 de decembro de 2023 ducias de mulleres entrecruzaron, en poucas horas, un grito telefónico afogado. Un frío. Unha mala noticia. Chamadas conmocionadas, incrédulas. Chamadas de urxencia. Chamadas de espanto. Chamadas eficientes, de organización e abrazo. En ...
Psiquiatra feminista. Defensora da saúde, o pracer, a república e a terra en malvaO 11 de decembro de 2023 ducias de mulleres entrecruzaron, en poucas horas, un grito telefónico afogado. Un frío. Unha mala noticia. Chamadas conmocionadas, incrédulas. Chamadas de urxencia. Chamadas de espanto. Chamadas eficientes, de organización e abrazo. En poucas horas, entre o desvelo e a dor, colleron os fulares lilas, os xerseis violetas, as forzas necesarias, e foron para o tanatorio de Ordes. A necrolóxica, sen referencias relixiosas, apenas dicía
En memoria de Lola Ferreiro Díaz, Feminista Comprometida
. No tanatorio de Ordes, nun acto oficiado por mulleres, rodeada de veciñanza, de amizades, de familia, un murmurio colectivo cantou «Voz das Amigas», de Leilía:
A miña voz, compañeiras
tráioa para partillar
Se non fose por vosoutras
como ía camiñar?
Lola Ferreiro Díaz nacía, sesenta e sete anos antes, en 1957, nesa mesma vila. É a irmá maior de catro: logo dela naceron Estrella, Tana e Ramón. A nai, Estrella, era estanqueira. O pai, Ramón “O Practicante”, era profesional sanitario e chegou a ser nomeado Fillo Predilecto de Ordes, onde unha rúa leva o seu nome.
Aos dez anos marchou interna para estudar no colexio Compañía de María da Coruña. Catro anos despois trasladouse ao colexio do mesmo centro relixioso en Compostela onde estudou interna máis dun ano, e fixo un derradeiro curso como estudante externa antes de pasar a facer COU no Instituto público Rosalía de Castro. En 1975, cando morre o ditador Francisco Franco, cumpre dezaoito anos e comeza os seus estudos de Medicina, área sobre a que tiña mostrado interese desde pequena, mesmo asistindo a operacións cirúrxicas no sanatorio de Ordes sendo aínda adolescente.
En Compostela combina os estudos e a militancia envolvida no ambiente político vibrante da capital do país daquela altura. Curiosa e insubmisa, alicerza as posturas éticas e principios políticos que a acompañarán toda a vida.
Con dezaseis anos, sendo estudante na Compañía de María de Compostela, comeza a militar na Liga Comunista Revolucionaria (LCR). Esta etapa activa contra a ditadura na clandestinidade, marcaríaa e sempre lembraría con cariño o tempo en que usaba a imprenta “vietnamita” e agachaba panfletos debaixo do seu uniforme do colexio de monxas. Tivo tamén un paso fugaz polo maoísta Partido do Traballo (PT) no ano 1979.
En 1976 comeza tamén o seu activismo feminista facendo parte do grupo de fundadoras da Asociación Galega da Muller, organización que alén da axitación e propaganda, desenvolveu un importante papel a nivel galego e, en particular, nas localidades onde tiña presenza, prestando asesoramento gratuíto sobre anticoncepción, aborto, divorcio, agresións, discriminacións laborais, etc.
Con todo, a militancia non a fai desatender os estudos. Así, en 1980 remata a súa Licenciatura en Medicina e Cirurxía con especialización en Psiquiatría e, a finais dese ano, logo de presentar a Memoria de Licenciatura en Saúde Mental Infantil:
Psicoterapia de Grupos Infantís: Análise da Dinámica e Avaliación dos Resultados, acada o grao de licenciada.
Continúa vinculada coa Facultade de Medicina da USC durante máis de dez anos como colaboradora, docente e investigadora do Departamento de Psiquiatría. Etapa na que participa en diversos proxectos ao tempo que traballa na tese de doutoramento que defende en 1991, baixo o título
Saúde Mental e Delincuencia en Adolescentes. A primeira presentada en galego na súa facultade.
Na segunda metade da década de 1980 achégase á rede de profesionais que, en 1987, crea a Asociación Galega de Planificación Familiar. Comezou a se envolver nas actividades que levaban a cabo, formou profesionais e supervisou a psicoterapia de grupos. Traballou máis concretamente nos dous Centros de Planificación activos na cidade da Coruña, mais tamén pasou consulta, de xeito gratuíto, no Centro Xove de Anticoncepción e Sexualidade de Compostela cando o Estado deixou de subvencionar a súa actividade. Asemade, cando o Ministerio da Educação de Portugal lles solicitou apoio para a formación na área de planificación familiar do profesorado público, Lola, xunto con outras compañeiras, percorreron durante varios anos o país veciño de norte a sur e tamén os Azores.
Xa na década de 1990, gaña unha vacante de profesora titular de Formación Profesional de Sanidade e a Cátedra de Procesos Sanitarios no IES Lamas de Abade (1996) ao tempo que traballa para a Consellaría de Sanidade da Xunta da Galiza como responsábel da elaboración, coordinación e desenvolvemento de Programas de Saúde Pública.
A súa perspectiva feminista aplicada á saúde -en particular á mental- foi estratéxica para o desenmascaramento dos prexuízos patriarcais e androcéntricos da medicina convencional e dominante. Foi unha das primeiras médicas no noso país en sinalar que a psiquiatría non podería atender os síntomas de calquera enfermidade ou malestar das mulleres sen antes identificar que moitos deles estaban e están a ser causados fundamentalmente pola estrutura heteropatriarcal da sociedade. Deste xeito salvou a moitas mulleres e nenas de seren patoloxizadas, abrindo a posibilidade para recibiren tratamentos axeitados e respectuosos.
No relativo a programas de saúde, Lola coordinou e facilitou, desde 1996 até a súa morte, un equipo de mulleres feministas, traballadoras do campo da psicoloxía, o Grupo T, para abordar diferentes aspectos da práctica clínica. Este desenvolvía as súas reunións quincenalmente creando un espazo seguro de aprendizaxe colectiva e non dirixista. Neste sentido, Lola procuraba que a escolla das temáticas sobre as que reflexionar e investigar se realizase de forma participativa, respectaba o ritmo do grupo e as decisións de até onde afondar. Chus Díaz, psicóloga e amiga de Lola conta:
Foi unha aprendizaxe a partir do emocional, creativa e divertida; e como non podía ser doutro xeito, con perspectiva de xénero. Aos poucos, non só fomos aprendendo a nos desprender da culpa que todas as mulleres temos interiorizada, que nos oprime e atenaza e nos leva a non ter en conta os nosos desexos; mas tamén a axudar outras mulleres a se desfaceren dela. Foron 27 anos medrando xuntas persoal e profesionalmente nos que Lola nos facilitou saber máis sobre nós mesmas e desta maneira ser capaces de acompañar mellor as mulleres, raparigas e meniñas que precisan de apoio individual e grupal.
En paralelo, Lola crea e coordina o grupo Lúa Crecente, que ten como obxectivo producir materiais de educación afectivo-emocional e sexual para o ensino. Froito desta actividade son as guías: 1-
Temas Transversais e Educación de Actitudes. Proposta para unha intervención Integral. A propósito da Prevención da Infección por VIH_SIDA, pensada para profesorado de ensino secundario, e 2-
(Co)educación afectivo-emocional e sexual, dirixida ao ensino en infantil e primaria. Ambas, publicadas polo Servizo Galego de Igualdade (SGI) en 2008, baséanse nun modelo de intervención educativa no ámbito das actitudes fundamentado nos principios da psicoloxía dinámica.
Ligada á educación emocional e sexual, implicouse tamén na loita en defensa dos Centros de Orientación Familiar (COFs) desenvolvida na primeira década do século XXI. Nesta década foi asesora para a creación dos Centros Quérote de educación sexual e apoio á xuventude. E tamén nestas datas Lola emprendeu outra batalla da que estaba orgullosa a pesar da derrota ao final do proceso: a loita pola defensa da xestión pública da Casa de Acollida de Mulleres Maltratadas de Compostela, onde ela colaboraba desde a súa creación en 1995, formando as traballadoras e axudando as usuarias. Lola defendeu sempre un modelo de intervención feminista, non xerárquico e público, porén, o centro, inicialmente de titularidade municipal, pasou ser xestionada pola empresa Clece desde 2001 até o seu peche no 2007.
A transversalidade da súa práctica feminista implicoulle desafíos e esforzos que soubo asumir con coherencia e dignidade. Non lle importou arriscar ou perder relacións, comodidades ou posicións vantaxosas se iso significaba dar cobertura a un agresor. Resultaba una muller incómoda, desobediente, intransixente coas complicidades patriarcais viñeran de onde viñesen. En todas as ocasións nas que soubo de abuso, situouse do lado das discriminadas.
Tamén foi xenerosa compartindo os seus coñecementos en asembleas, palestras e debates e chegou a exercer como docente do Mestrado Xénero e Políticas de Igualdade (logo programa oficial de posgrao) da Universidade de Vigo entre 2005 e 2012.
Activista constante nas mobilizacións a prol da liberdade e das condicións dignas para as mulleres e da loita de clase en xeral, a aposta de Lola era traballar pola unidade de acción dos feminismos. No ano 2000 foi unha das promotoras da Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres. En 2010 colaborou na creación da Rede Feminista Galega, activa durante algo máis dun lustro e, posteriormente, participou en Galegas 8M, plataforma convocante das manifestacións unitarias do 8 de marzo entre 2018 e 2022.
En 2019 fixo parte do equipo que redacta o
Protocolo para a prevención e abordaxe das violencias machistas nos movementos sociais difundido nos espazos activistas galegos.
Amadriñou ademais diversos proxectos feministas, como a Libraría Lila de Lilith de Compostela, que segundo defenden as súas libreiras
non sería o que é sen o labor de acompañamento e mentoría de Lola
. Así mesmo acompañou procesos terapéuticos de mulleres en situación de vulnerabilidade, incluído o apoio a presos e presas independentistas galegas, asumindo de forma altruísta a atención á súa saúde e os desprazamentos derivados da dispersión penitenciaria.
No ano 2008 abriu unha liña investigadora sobre os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres durante a segunda República, introducíndose así no campo da recuperación da memoria histórica. Co seu traballo contribuíu de forma notábel á denuncia de roubo de bebés ocorrida durante a ditadura franquista, favoreceu que os colectivos de recuperación da memoria histórica lles desen o seu lugar tanto ás nais como ás crianza roubadas, e procurou mediar no reencontro de persoas vítimas desta práctica. No momento da súa morte andaba a investigar xunto con Luísa Cuevas na recuperación da memoria das mulleres implicadas nas folgas obreiras de 1972 en Vigo.
As súas investigacións memorialísticas, lévana, desde o ano 2010, a crear uns almanaques anuais, unha forma de mullerenaxe dedicada a visibilizar mulleres activas en diferentes ámbitos socio-políticos e culturais, e que repartía entre as súas amizades. No momento da súa morte, estaba a preparar o do ano 2024.
A súa enerxía e entusiasmo non minguou coa chegada da súa xubilación. Sempre con perspectiva feminista, seguiu co traballo de coordinación e facilitación de grupos de mulleres profesionais, e aínda en 2022 participou na creación da Rede Galega de Educadoras Sexuais, Psicólogas e Sexólogas, que logo da súa morte, e na súa memoria, decide pasar a se autodenominar “As Lolas”.
O compromiso de Lola cos coidados, do macro ao íntimo, nutriu unha familia extensa de amizades, sen compracencias, a base de respecto, escoita atenta, asertividade e moito sentido do humor. Lola era detallista coas amigas e extremadamente xenerosa. As que nalgún momento compartimos o seu brinde de
saúde, pracer, república e terra en malva
desfrutamos do brillo sagaz do seu ollar. Aprendemos o equilibrio entre a amabilidade e a insubmisión, e o exercicio de aproximar no máximo o sentir, o dicir e o facer.
Lola nunca perdeu a curiosidade, nin a alegría. Foi unha boa e xenerosa.
Miña irmá, miña irmá, miña amiga,
tan igual a min e tan distinta
dáme a man e faremos cordada
ven comigo, miña camarada.
(Leilía)
Agradecementos
A Estrella e Tana Ferreiro Díaz, irmás de Lola.
Ás súas amigas Patrícia Porto Paderne, Chus Díaz, Andrea Nunes Brions e Sandra Garrido.
A Marga Tojo, a Xoana Pintos do Consello Social da USC, a Mariam Mariño Costales do CDIF e a Montserrat Sánchez Mancebo.
Bibliografía e fontes
Ferreiro Díaz, Lola: Currículum Vitae (1977-2009). Recollido no apartado Documentos desta entrada biobibliográfica
Ferreiro Díaz, Lola: Autobiografía. Panel da exposición do Festivala de Vilagarcía (2022). Fotografía recollida no apartado Galería desta entrada biobibliográfica
Tojo, Marga: Mulheres do demo. Reportaxe publicada no dominical de ECG (02/10/2024)
[Esta biografía está escrita orixinalmente en lingua portuguesa]