Intervir no patrimonio edificado, incorporar o pasado ao futuro
O patrimonio edificado constituído polos inmobles aos que se lles recoñece valor cultural —que a Lei de patrimonio cultural de Galicia denomina patrimonio arquitectónico— require actuacións dirixidas á súa conservación e a manter a súa integridade e autenticidade, pero tamén é obxecto de intervencións de restauración e rehabilitación orientadas á súa recuperación ou a adaptacións que permitan manter o uso preexistente ou incorporar novos usos, como medio para facer viable a súa continuidade no tempo.
O foro «Intervir no patrimonio edificado. Incorporar o pasado ao futuro» trata precisamente desa continuidade e de como facela posible: como intervir, quen intervén, e quen e como decide que conservar, suprimir, engadir ou modificar.
A intervención no patrimonio edificado suscita cuestións complexas que afectan tanto aos criterios de actuación como aos métodos de traballo e aos marcos normativos que os regulan.