DE GAITEIRO A GAITEIRO

Capítulo III. A viaxe: Portela como áncora

O desafío era plasmar a rica ornamentación das melodías de Ricardo Portela. Para aprender o método que permitira gardar e transmitir a riqueza da tradición oral, Carlos Núñez debeu viaxar. Núñez aínda non sabía que viaxar acabaría sendo unha parte fundamental da súa vida, nin que a encomenda o axudaría a non perder as súas raiceiras.



No ano 1987, Carlos Núñez viaxou en tren de Vigo á Bretaña francesa, ao conservatorio de Ploemeur, para aprender gaita escocesa con Patrick Molard e Jean-Luc Le Moign.


"Por que viñeches dende tan lonxe?, preguntoulle o último.
"Porque me gustaría aprender as vosas técnicas de ornamentación", respondeulle Carlos.
"Non teño claro se debo ensinar todo isto a un gaiteiro doutra tradición!", contestoume.

Carlos contoulle que en Galicia non tiñamos estudada e tipificada a nosa ornamentación. "Eu non teño xeito de representar e transmitir toda a riquza dos gaiteiros históricos de principios de século, ou incluso as dun mestre gaiteiro que aínda está vivo e que se chama Ricardo Portela. Encantaríame que artellásemos un sistema de escritura que permita reflectir todos estes segredos da gaita galega e, ao mesmo tempo, que sirva de linguaxe común para intercambiar sabedorías vellas e novas cos gaiteiros das outras tradicións irmáns".


E finalmente accederon a ensinarlle. Catro anos despois, no I Congreso de Escritura para a Gaita Galega que organizara a Asociación de Gaiteiros Galegos, Carlos Núñez presentou co novo sistema de representación os primeiros compases da "Muiñeira de Pontesampaio" que Portela gravara en Lisboa. Foi alí, ao ver o resultado, cando Ricardo Portela lle fixo a encomenda a Carlos.



Durante os seguintes anos, Carlos Núñez foi transcribindo aquelas músicas. Difundiu o método de escrita entre os seus alumnos vigueses, e nos tempos libres continuaba transcribindo as melodías.



Para entender a riqueza da arte de Portela, Carlos ás veces tiña que poñer as cintas a metade e mesmo a un cuarto de revolucións. Só dese xeito era capaz de poder recoller todas as notas!



E en 1989 comezaron as súas colaboracións co mítico grupo folk irlandés The Chieftains. Iniciábase a súa proxección como artista internacional, con xiras por todo o mundo. Pero as cintas de Portela, o lápis, o pentagrama, viaxaban con el. En diferentes cidades do mundo, nos momentos de descanso, Carlos continuaba a transcribir.



E de súpeto a encomenda deu a volta; a encarga converteuse, de algún xeito, nun favor.
"Nos anos máis intensos das colaboracións dos Chieftains coas estrelas da música, o traballo coas pezas de Ricardo Portela foi como unha viaxe filosófica interior que me serviu para non perder a cabeza e levar a Galicia dentro, mentres estabamos a dar a volta ao mundo".

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa la politica de cookies, aqui Se continuas navegando estaras aceptandoa
Politica de cookies +