Divulgación agropecuaria: na busca dunha despensa saudable

No marco da conmemoración do Día da Ciencia en Galicia, a Real Academia Galega de Ciencias homenaxeará a Juan Rof Codina (El Prat de Llobregat, Barcelona, 1874 – Lugo, 1967) como “Científico Galego do ano 2022”, recoñecendo deste xeito a figura e o traballo de quen foi o impulsor da veterinaria en Galicia e en España, e o ideólogo da modernización do noso sector agropecuario.

Esta homenaxe bríndanos a ocasión de poñer de relevo as virtudes e potencialidades do agro galego, mantedor indispensable da biodiversidade do planeta e da nosa “despensa saudable”. Convidámoste pois a que visites esta nova selección, onde che ofrecemos unha ducia de recursos que falan, desde diferentes ópticas, dalgúns dos principais temas que ocuparon ao noso Científico do Ano, como o benestar animal ou a mellora da produción agrícola. Tamén incluímos traballos sobre grandes desafíos actuais da humanidade: o cambio climático e a saúde alimentaria.

Fotografía: Pelayo Mas

Razas autóctonas de Galicia

Vídeo (17' 42'') que describe as características morfolóxicas e de comportamento das razas animais autóctonas de Galicia: as seis variedades de gando bovino (cachena, caldelá, frieiresa, limiá, vianesa e rubia galega), as tres de cans (can de palleiro, guicho, perdigueiro galego e podengo galego), e mais a galiña de Mos, o cabalo de pura raza galega, a ovella galega e o porco celta.

A dieta atlántica

Vídeo (4´ 04´´) de divulgación científica, difundido na canle GC TV do xornal GCiencia, no que se presenta o proxecto Galiat 6+7, dedicado a estudar as virtudes da chamada “dieta atlántica”. Un dos principais obxectivos deste proxecto é comprobar en que medida a lonxevidade da poboación galega pode estar relacionada co consumo de certos produtos autóctonos (grelos, verzas, viño, olivas, mexillóns e lácteos) que os científicos saben, por resultados de estudos previos, que teñen determinadas moléculas beneficiosas para a saúde.

O que saben os veterinarios e os médicos ignoran

Vídeo de TED (15´ 01´´). Como se lle chama a un veterinario que só sabe tratar unha especie? Médico. Nunha charla fascinante, Barbara Natterson-Horowitz amósanos como unha aproximación á saúde que abranga todas as especies pode mellorar os tratamentos médicos que recibe o animal humano —especialmente no referido á saúde mental.
Tradución ao galego de Xusto Rodríguez.

Vacas leiteiras e benestar animal: É a produción ecolóxica unha alternativa?

Neste vídeo (11´ 55´´) María Rodríguez Domínguez presenta as súas investigacións sobre o benestar animal do gando vacún leiteiro. Os métodos empregados na produción láctea intensiva tenden a incrementar o tamaño dos rabaños e a diluír ou reprimir os comportamentos individualizados que poida presentar cada animal en particular. Pero tamén foron seleccionando xeneticamente unha raza (a frisoa americana) moi ben adaptada a un alto rendemento produtivo e ás limitacións que impón o manexo intensivo. Podería ser que esa selección fixese estas razas pouco adaptadas para as condicións da gandería ecolóxica (en teoría moito mellores en termos de benestar animal?). O benestar deste tipo de animais (medido segundo os seus niveis de determinados marcadores hormonais de estrés) pode ser semellante en ambos os tipos de produción?

A estas preguntas responde María nesta charla do DivulgaTerra 2021.

Canto contribúe o gando vacún de carne en Galicia ao cambio climático?

Neste vídeo (9´ 52´´) Marcos Fernández Vilela achega datos que obrigan a matizar a tese de que "a gandaría é unha fonte moi importante de emisión de gases de efecto invernadoiro". Tendo en conta que existen moitos sistemas diferentes de manexo, a emisión de gases de todos eles non ten por que ser nin semellante.
Analizando o caso da gandaría de vacún de carne en Galicia, Marcos chega á conclusión de que os sistemas extensivos en ecolóxico presentan unhas emisións moi inferiores ao resto de sistemas de manexo; ata o punto de que non só non contribúen ao cambio climático senón que axudan a contrarrestalo.

Esta charla forma parte das sesións do DivulgaTerra 2021.

Intrusos na panza

Vídeo (10´ 15´´) no que David García Dios explica o ciclo de vida dos paranfistómidos, uns parasitos dixestivos que afectan a ruminantes domésticos e silvestres, aos que lles poden causar diarrea, deshidratación, anemia, ou inapetencia, e nalgúns casos a morte. Aínda que son orixinarios de latitudes tropicais e subtropicais, atópanse en plena expansión por Europa, así que debemos velos como un risco sanitario crecente para as nosas explotacións gandeiras.
Pero David optou por velos como estudantes que marchan da casa e se instalan a vivir nun ruminante que sería entón... o seu piso universitario!!

Esta charla forma parte das sesións do DivulgaTerra 2021.

Parasitacións no gando vacún en Ordes, Arzúa e Terra de Melide

Vídeo (8´ 40´´) de divulgación científica no que o investigador David García achega os resultados dun estudo realizado mediante a técnica de flotación sobre a parasitación do gando vacún en tres comarcas galegas (Ordes, Arzúa e Terra de Melide). Galicia é a segunda comunidade autónoma en número de cabezas de gando vacún e as súas condicións climáticas e ambientais son propicias para os parasitos. Os parasitos estudados neste caso foron os coccidios e os nematodos gastrointestinais.

A sesión desenvolveuse no marco do Divulgaterra 2018.

Unha semente de cada vez, para protexer o futuro da comida

Vídeo de TED (18´ 18´´). As variedades de trigo, millo e arroz que medran na actualidade poden non prosperar nun futuro ameazado polo cambio climático. Cary Fowler introdúcenos nun gran banco de sementes mundial, soterrado debaixo dunha montaña xeada en Noruega, que almacena un grupo diverso de cultivos alimentarios polo que nos poida traer o futuro.
Tradución ao galego de Xusto Rodríguez.

Como afecta o que comes ao teu cerebro

Vídeo de TED (4´ 52´´) no que Mia Nacamulli nos explica de que nutrientes está formado o cerebro e como cada un deses nutrientes ten un impacto diferente no seu funcionamento, desenvolvemento, enerxía e estado de ánimo.
Tradución ao galego de Sandra Mariño-Cortegoso.

Que coñecemos dos alimentos procesados?

Vídeo (28´ 02´´) de divulgación científica no que Ángeles Romero Rodríguez, catedrática de tecnoloxía de alimentos da USC, nos explica que son os alimentos procesados, como se clasifican (segundo a nova clasificación recoñecida pola OMS e a FAO), como podemos identificalos e que relación hai entre o seu consumo e a nosa saúde. Para rematar, a profesora Romero axúdanos a interpretar a pirámide de alimentación saudable, publicada pola Sociedade Española de Nutrición Comunitaria.
A sesión desenvolveuse no marco da iniciativa Divulgaterra 2019.


Educar sobre a alimentación a todos os nenos

Vídeo de TED (21' 53''). Jamie Oliver, cociñeiro de fama mundial e gañador do Premio TED tenta combater a nosa ignorancia sobre a alimentación compartindo connosco historias e testemuños reais recollidos no marco do seu proxecto contra a obesidade, desenvolvido na cidade de Huntington (Virxinia Occidental).

Tradución ao galego de Lucía Paniagua González para #TEDSAÚDE USC.

Integrando o monte na produción agrícola: uso do toxo na produción de adubos e compost

Neste vinculo externo poderas ver
Integrando o monte na produción agrícola: uso do toxo na produción de adubos e compost

Vídeo (41' 53'') que recolle a intervención de Ramón Lourido no Curso de Extensión Universitaria: "Avanzando na dinamización local con recursos propios: O Monte", organizado pola Universidade de Vigo. Nel tratouse de facer partícipe á cidadanía de experiencias dinamizadoras no monte que empreguen recursos locais e formar a emprendedores locais mediante a adquisición de competencias básicas para a posta en marcha de iniciativas dinamizadoras a partir do monte en distintos ámbitos económicos.