Montes e montañas: un tesouro patrimonial e económico de Galicia

O Día Internacional das Montañas lémbranos, cada ano, os múltiples e variados recursos dos que as persoas dispoñemos con só erguer a mirada cara aos nosos montes.

Os ecosistemas montañosos teñen gran valor científico, ecolóxico, patrimonial e lingüístico por si mesmos, ao que temos que sumarlle as actividades que se desenvolven neles. O aproveitamento forestal, o deporte ou o turismo posúen o potencial de producir benestar económico e social para as comunidades rurais alí asentadas e para as persoas que se achegan a coñecelos e gozar deles.

A selección que ofrecemos neste especial de Proxector permítenos achegarnos á gran reserva dos montes e montañas de Galicia. Coñecelos e identificar a pegada que os seus poboadores deixaron neles a través da toponimia ou a arqueoloxía e tamén os tesouros naturais que esta fonte de sustentabilidade lle ofrece ao planeta.

Fotografía da serra da Capelada: Turismo de Galicia

O Courel. A gran reserva de Galicia

Vídeo divulgativo (1´ 59´´), publicado na revista dixital Galicia10, no que se amosa unha visión panorámica da riqueza biolóxica, paisaxística e arqueolóxica das montañas do Courel. O Courel está considerado a gran reserva natural de Galicia grazas á Devesa da Rogueira, un bosque onde se poden atopar a meirande parte das nosas especies vexetais autóctonas, mais tamén atesoura unha importante riqueza histórica, xeolóxica e arqueolóxica. Descubriralo nestes dous minutos.

A Devesa da Rogueira

Vídeo divulgativo (2´ 05´´), elaborado pola Deputación de Lugo, no que se presenta unha das nosas grandes xoias naturais: a Devesa da Rogueira, unha reserva natural de tres quilómetros cadrados de bosque autóctono que se estende pola faldra do Monte Formigueiros, no Concello de Folgoso do Courel. Calcúlase que o 90% das especies vexetais de Galicia conviven neste rico ecosistema, localizado no Xeoparque Mundial Montañas do Courel, declarado en 2019 pola Unesco.

Montefurado: unha xoia de enxeñaría na Gallaecia

Vídeo (1´ 20´´) de divulgación científica, difundido na canle GCiencia TV, no que se describe de xeito breve o túnel de Montefurado, unha obra de enxeñaría que realizaron os romanos hai case 2.000 anos no concello de Quiroga (Lugo), para desviar o curso do río Sil e buscar ouro entre os sedimentos.

Microtoponimia nas serras de interior

Terceira entrega (10´ 20´´) da serie audiovisual Na Terra Fonda, elaborada pola Cooperativa Xarda ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022. Este novo capítulo céntrase nos nomes dos penedos, leiras e camiños das montañas e serras do interior de Galicia. Descubrirás as características e a motivación do valioso tesouro toponímico que atesouran aínda moitos pastores galegos; un patrimonio que se non se recolle e estuda agora, está destinado a perderse.

Vista aérea do Monte Pindo

Vídeo divulgativo (2´ 32´´), emitido en xaneiro de 2022 no programa "Un país en 360" da Televisión de Galicia, no que se amosa, a través de espectaculares vistas aéreas, o patrimonio paisaxístico, natural e lendario do Monte Pindo, un macizo granítico de 627 metros de altura situado no concello coruñés de Carnota.

O punto máis alto de Galicia

Vídeo didáctico (3' 18''). O profesor Valerià Paül ensínanos desde os máis de 2.000 metros de Pena Trevinca a importancia que ten para as persoas que conforman unha comunidade o feito de saber cales son os elementos sobresalientes da súa xeografía. Para os pobos coñecer as súas cimas máis elevadas supón un recoñecemento do espazo en que viven; situarse no mundo.
A peza forma parte da colección Vídeos didácticos USC.

Este recurso foi incorporado a Proxector por Sonia González.

A propiedade comunal como motor de desenvolvemento rural

Vídeo didáctico (9´ 52´´) no que María do Mar Pérez Fra, profesora do Departamento de Economía Aplicada da USC, nos fala da propiedade comunal como motor do desenvolvemento rural. A charla céntrase concretamente nos montes veciñais en man común, un tipo de propiedade característica de Galicia que ocupa o 23% do noso territorio.

Esta peza audiovisual está integrada na colección Vídeos didácticos USC.  

Silvicultura activa de futuro

Dos case tres millóns de hectáreas do territorio de Galicia, dous millóns están declaradas como superficie forestal. Isto quere dicir que dúas terceiras partes do territorio galego están destinadas a monte. Neste vídeo divulgativo (8´ 30´´), elaborado pola Asociación Forestal de Galicia, ponse de relevo o gran potencial ecolóxico, económico e social que pode ter para Galicia a xestión e aproveitamento sustentable dos nosos montes.

O Rei Sol: Arqueoloxía sen escavar

Vídeo de divulgación científica (12´ 22´´). Desde hai uns anos, as comunidades veciñais de montes en man común de Oia xuntáronse para formular unha xestión alternativa do monte e do patrimonio arqueolóxico que se atopa na súa propiedade, creando "Costa dos Castros", un proxecto de arqueoloxía desde e para a comunidade. 

No xacemento do Cano dos Mouros os veciños optaron por outro tipo de intervención arqueolóxica que non implicara escavar: visibilizando as estruturas, recuperando as lendas e a memoria oral vinculada e creando eventos nos que reforzar os lazos de veciñanza.

O aproveitamento do monte

Vídeo didáctico (8' 54''). Beatriz Rodríguez-Morales explícanos que o monte nos pode achegar moito máis que madeira: lecer, espazos comunitarios ou identidade son oportunidades que nos pode ofrecer un monte ben xestionado.
A peza forma parte da colección Vídeos didácticos USC.

Este recurso foi incorporado a Proxector por Sonia González.

Integrando o monte na produción agrícola: uso do toxo na produción de adubos e compost

Neste vinculo externo poderas ver
Integrando o monte na produción agrícola: uso do toxo na produción de adubos e compost

Vídeo (41' 53'') que recolle a intervención de Ramón Lourido no Curso de Extensión Universitaria: "Avanzando na dinamización local con recursos propios: O Monte", organizado pola Universidade de Vigo. Nel tratouse de facer partícipe á cidadanía de experiencias dinamizadoras no monte que empreguen recursos locais e formar a emprendedores locais mediante a adquisición de competencias básicas para a posta en marcha de iniciativas dinamizadoras a partir do monte en distintos ámbitos económicos.

Optimización para a xestión forestal

Vídeo de divulgación científica (11´ 45´´). Manuel Arias Rodil fala no DivulgaTerra 2016 da súa investigación sobre métodos que permiten xestionar de forma óptima as explotacións forestais a nivel de rodal, tendo en conta tamén as restricións que se poden establecer a nivel de monte, xa que decisións óptimas para a primeira destas unidades poden non selo para a segunda.