O 12 de outubro de 1923 un grupo de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, animados polo catedrático Armando Cotarelo Valledor, peregrinan desde Santiago ata Ortoño (lugar no que Rosalía de Castro pasou a súa infancia) para honrar a memoria da escritora e amosar simbolicamente o seu compromiso coa cultura e a lingua galegas. Uns días máis tarde, o 21 de outubro, constituían formalmente o Seminario de Estudos Galegos (SEG).
O equipo de Proxector súmase ao programa de actividades conmemorativas do Centenario do SEG con esta escolma de pezas audiovisuais que dan conta do seu importante legado científico, cultural e lingüístico. As presentacións do colectivo no seu conxunto completámolas cunha pequena selección de perfís biográficos dalgúns dos seus membros, exemplo do traballo multidisciplinario dun grupo de homes e mulleres que demostrou que en galego se chega a todas as ciencias, e que todas as ciencias caben dentro dunha cultura.
Imaxe: membros do SEG fotografados con compañeiros portugueses durante a Semana Cultural Galega en Portugal (abril de 1935).
Saber Galiza. O Seminario de Estudos Galegos
Documental (36´ 51´´) no que diferentes intelectuais galegos, representantes de institucións académicas e profesionais do ámbito da cultura e a documentación nos axudan a facer un percorrido pola historia do Seminario de Estudos Galegos, unha entidade singular que, malia o seu curto período de actividade (1923-1936), deixou unha fonda pegada na ciencia e cultura galegas.
O documental está producido por Nós Televisión e foi elaborado coa colaboración especial da Universidade de Santiago de Compostela e co apoio do Museo de Pontevedra, do Concello de Santiago, do Concello de Ames e da Xunta de Galicia.
O Seminario de Estudos Galegos: unha nova ollada sobre Galicia
Francisco Díaz-Fierros fálanos neste relatorio (41´ 43´´) do nacemento do Seminario de Estudos Galegos, explicando cales foron os seus antecedentes, os seus principais promotores, a diversidade de membros que chegou a formar parte deste grupo e os obxectivos cos que se creou. Así mesmo, relata as diferentes tentativas que existiron (tanto desde Galicia como desde América) para recuperar o “espírito do Seminario” despois da Guerra Civil.
A charla tivo lugar en novembro de 2015, no marco do Congreso “Filgueira Valverde na cultura do século XX”, organizado polo Consello da Cultura Galega.
Antonio Fraguas conversa sobre o Seminario de Estudos Galegos
O 12 de outubro de 1923 un grupo de mozos universitarios trasládanse a Ortoño, parroquia natal de Rosalía, para constituír o Seminario de Estudos Galegos (SEG). Antonio Fraguas incorporaríase ao SEG uns anos máis tarde, en 1928, presentando unha investigación sobre o castro de Soutolongo. Neste vídeo vídeo divulgativo (6´ 32´´) conversa sobre o nacemento do Seminario de Estudos Galegos e os obxectivos cos que se fundou. A peza foi realizada por Acuarela Comunicación en 2019, ano no que a Real Academia Galega lle dedicou o Día das Letras Galegas a Antonio Fraguas.
O Seminario de Estudos Galegos
María Rúa (pradorua) fálanos neste vídeo divulgativo do Seminario de Estudos Galegos (SEG), no ano no que estamos a conmemorar o centenario da súa creación. En pouco máis de catro minutos (4´ 17´´) descubrirás os principais datos sobre a historia, os obxectivos e os homes e mulleres que formaron parte dun dos proxectos máis emblemáticos da cultura galega do século XX.
As mulleres do Seminario
Malia que os membros do Seminario de Estudos Galegos eran maioritariamente homes, temos constancia documental de que algunhas mulleres (Carmen Sierra, Luisa Cuesta, Pura Lorenzana, María Corredoira, Dolores Lorenzo, Elvira Santiso, Sara Leirós...) tiveron tamén un papel destacado nas actividades científicas e culturais do SEG. Este vídeo divulgativo (3´ 17´´) é unha homenaxe a todas elas.
A peza foi elaborada polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) en 2023, con motivo da celebración do centenario do SEG.
As publicacións do Seminario
O Seminario de Estudos Galegos desenvolveu unha importante produción escrita, nomeadamente no que respecta a achegas científicas, aínda que no seu seo tamén se editaron contribucións literarias. Neste breve vídeo divulgativo (2´ 35´´) o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) ofrécenos unha panorámica das publicacións do Seminario, que testemuñan o firme compromiso deste grupo de intelectuais co uso do galego no ámbito académico e científico.
Fermín Bouza Brey: un xuíz de lei
Documental (18´ 10´´) sobre a figura do maxistrado, escritor e intelectual galeguista Fermín Bouza Brey (Ponteareas, Pontevedra, 1901 - Santiago de Compostela, 1973), un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos en 1923. Na súa faceta literaria destacou por ser o iniciador do neotrobadorismo e a Real Academia Galega dedicoulle en 1992 o Día das Letras Galegas. Nesta peza faise especial fincapé no seu labor profesional como xuíz, un exemplo de compromiso coa realidade social e cultural galega.
O documental, promovido pola Fundación Lois Peña Novo, realizouse baixo a dirección de Pío García, con guión de Clodio González e Fran Zabaleta.
Manuel Lugrís Freire
Documental (25´ 38´´) sobre a vida e a obra do escritor e xornalista galego Manuel Lugrís Freire (Sada, 1863 – A Coruña, 1940). Precursor na promoción e defensa do idioma galego (autor da primeira gramática escrita en lingua galega e do primeiro discurso político pronunciado en galego), participou activamente en diferentes institucións culturais e lingüísticas, como poden ser as Irmandades da Fala, a Real Academia Galega (da que foi membro fundador e mais presidente) ou o Seminario de Estudos Galegos, no que ingresou en 1923 cun discurso sobre Pondal.
Documental realizado por GallaeciaFilmes, do EDLG do IES Isaac Díaz Pardo de Sada, en coprodución coa Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e Genetic Films.
Visite Galicia. Proxecto editorial realizado en 1929 polo fotógrafo Ksado
O Museo Etnolóxico de Ribadavia custodia nos seus fondos sete láminas con estampas do proxecto de promoción turística “Visite Galicia”, realizado por Ksado en 1929. Neste vídeo divulgativo (3´ 36´´ ) descubrirás en que consistiu esta iniciativa, así coma os principais datos biográficos do seu autor, entre cuxos méritos profesionais destaca o de ter sido o creador do arquivo gráfico do Seminario de Estudos Galegos.
Persoas que alicerzaron a nosa cultura: Vicente Risco - Etnógrafo
Vídeo didáctico (7´ 36´´) no que, da man de Nate Pazo, coñecerás a faceta de etnógrafo de Vicente Risco. Intelectual e erudito nado en Ourense en 1884, considerado un dos pais da antropoloxía no Estado español, non só analizou con rigor a vida material e tradicional do pobo galego, senón que se preocupou de clasificar de forma rigorosa e moderna a realidade social e cultural do noso país.
Esta peza forma parte dunha serie de 6 capítulos breves, dirixidos por Luís Baños Campo, sobre as diferentes facetas do intelectual Vicente Risco. A iniciativa foi desenvolvida pola produtora audiovisual Visualq., ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022.
Ramón María Aller. Astrónomo

Vídeo divulgativo (16´ 17´´) sobre a vida e obra do astrónomo lalinense Ramón María Aller (1878-1966). Introdutor do estudo das estrelas dobres, está considerado como unha das autoridades astronómicas españolas máis importantes do século XX, e chegou a ter tamén gran proxección internacional, sendo nomeado en 1948 membro da Comisión de Estrelas Dobres da Unión Astronómica Internacional. No eido cultural galego, foi socio activo e protector do Seminario de Estudos Galegos, entidade na que ingresou o 5 de novembro de 1928 coa lectura dun traballo sobre José Rodríguez González, o matemático do Bermés. Deixounos como legado as súas observacións e os seus estudos sobre astronomía, así como a escola e os aparellos astronómicos por el creados.
Pioneiras de Santiago. Pura Lorenzana
Xiana Aparicio Garabal, alumna de 1º de Bacharelato do IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), preséntanos neste vídeo didáctico (2´ 32´´) a traxectoria vital e profesional de Pura Lorenzana (1907-1997). Investigadora e profesora de Historia no ensino medio e universitario, incorporouse ao Seminario de Estudos Galegos cun traballo sobre as mámoas do Saviñao. Xiana Aparicio lémbranos tamén que foi a fundadora e primeira directora do Instituto femenino Rosalía de Castro.