A educación: cambiar o presente para mellorar o futuro

Os obxectivos da educación non mudaron no último século, acadar a liberdade e a igualdade desde o coñecemento. Mais si temos novos recursos ao noso dispor para logralo, así como miradas diferentes que falan da creatividade, o ensino personalizado, o talento e a diversidade.

Este especial reúne pezas que reflexionan sobre reorientar o ensino nesa dirección para acadar un cambio necesario na sociedade. Fálannos tamén do potencial de incorporar á aprendizaxe a linguaxe audiovisual ou os recursos tecnolóxicos, da man doutras compoñentes esenciais como a empatía e a afectividade. Atoparás experiencias que inspiran e outras que invitan ao debate, poñendo o foco no alumnado e tamén no profesorado; alén da demostración, a través de todas elas, do poder da educación para transformar a vida das persoas e darlle ao planeta a oportunidade de converterse nun mundo mellor.

Como conseguín que os talibáns non pechasen a miña escola

Sakena Yacoobi cóntanos nesta charla de TED (17´ 03´´) que tivo lugar en 2005 como impartiu docencia na clandestinidade en Afganistán cando os talibáns pecharon todas as escolas para nenas do país. Pola súa propia experiencia persoal, Sakena (que tivera a sorte de poder acceder ao ensino universitario nos Estados Unidos) sabía que o acceso á educación transforma para ben a vida das persoas, polo que durante o réxime talibán decidiu crear escolas clandestinas para que os nenos e nenas do seu país puidesen ter acceso a unha educación digna, formando primeiro aos/ás educadores/as en valores coma os dereitos humanos, a igualdade de xénero e a democracia. Sakena cóntanos a sorprendente historia de como uns rapaces talibáns que adoitaban ameazala polo feito de estar a educar a mulleres, pasaron a converterse nos seus colaboradores despois de que ela os convidase a asistir ás súas clases. Isto demostra que é imprescindible contar tamén cos homes nos proxectos educativos baseados na igualdade de xénero, porque a educación é a ferramenta máis poderosa para transformar o pensamento das persoas.

Tradución ao galego de Sara Dosil Amor.

Tres accións sinxelas para mellorar a educación

Despois de presentar brevemente varias experiencias inspiradoras desenvolvidas en centros galegos e tamén de enumerar algunhas das principais eivas que actualmente sufre os sistema escolar, neste vídeo de TED (16´ 34´´) Xosé Manuel Dopazo, profesor de Lingua e Literatura e director do IES Maruxa Mallo, proponnos tres accións moi simples que contribuirían a mellorar o actual sistema educativo. Darlle máis relevancia á creatividade na profesión docente, concienciar aos pais e nais da importancia de participar no proceso educativo do alumnado no seu conxunto e incorporar a experiencia das empresas no proxecto escolar son as propostas coas que Manuel Dopazo nos convida a reflexionar sobre o presente e o futuro da educación.

Abran paso á revolución educativa!

O talento humano é moi diverso e precisamos sistemas educativos que saiban detectalo e potencialo. Neste vídeo de TED (17´ 54´´) Sir Ken Robinson, experto en creatividade, fálanos da necesidade de realizar un cambio radical na educación, para converter as escolas estandarizadas en centros de ensino personalizados que creen as condicións idóneas para que o alumnado desenvolva realmente o seu talento e as súas aptitudes naturais.

Tradución ao galego de Andrea Barreiro.

Como a escola pública americana mantén aos nenos na pobreza

Vídeo de TED (13´ 50´´) no que Kandice Sumner nos conta como nos Estados Unidos a circunstancias socioeconómicas do alumnado son determinantes no seu futuro educativo. Baseándose na súa experiencia como docente na escola pública, reflexiona sobre a desigualdade das condicións educativas que teñen os/as fillos/as de familias acomodadas, que poden permitirse ir a centros dotados dos recursos axeitados (biblioteca, instalacións deportivas ben equipadas, patios seguros...) e os nenos/as de clase socioeconómica baixa (nomeadamente os da comunidade negra), que non teñen acceso nas súas escolas aos mesmos recursos nin ferramentas pedagóxicas. Kandice Sumner convida ás institucións educativas a que invistan os recursos necesarios para que todo o alumnado poida ter acceso a unha educación de calidade, independentemente do lugar no que resida ou da cor da súa pel.

Tradución ao galego de Enara Caride.

Como fuxir do Val da Morte educativo

Vídeo de TED (19´ 11´´) no que Ken Robinson, experto en creatividade, expón tres principios básicos que, na súa opinión, están en clara contradición coa cultura educativa e axudan a explicar as altas taxas de abandono e fracaso escolar. Respectar a diversidade do alumnado e facilitar que desenvolvan o seu talento natural; promover a curiosidade dos nenos e nenas durante o proceso de aprendizaxe; e entender que a creatividade é inherente á vida humana serían os tres principios que axudarían a evitar o actual "Val da Morte" educativo.

Tradución ao galego de Borja Rey Seoane.

Os misteriosos mecanismos do cerebro adolescente

Vídeo de TED (14´ 26´´). Por que os adolescentes parecen ser máis impulsivos e ter menos conciencia de si mesmos ca os adultos? A neurocientífica cognitiva Sarah-Jayne Blakemore compara o córtex prefrontal de adolescentes e adultos, para mostrarnos como o crecemento e desenvolvemento cerebral explican esa conduta.
Tradución ao galego de Montse Corral.

Educar para conseguir seres sentipensantes

Vídeo de TED (18´ 01´´) no que Manel Rives nos expón a súa proposta didáctica dirixida a formar seres "sentipensantes". Introducir a linguaxe audiovisual no proceso de aprendizaxe, apostar polos recursos tecnolóxicos que temos ao noso dispor, fomentar o debate e a reflexión nas aulas, ensinar con empatía e afectividade, ou fomentar a creatividade do alumnado son algunhas das principais claves que Manel nos propón como punto de partida para repensar e mellorar o actual sistema educativo.

O que estamos aprendendo da educación en liña

Vídeo de TED (20´ 40´´) no que Daphne Koller nos fala de como o ensino en liña pode favorecer o acceso á educación daquelas persoas que non poden asistir ao ensino superior presencial por diferentes motivos, maiormente, polo seu elevado custo. Partindo desta premisa, creouse a plataforma Coursera, que selecciona os mellores cursos en liña dos mellores instrutores das mellores universidades e os ofrece de balde á poboación de todo o mundo. Os beneficios desta plataforma son múltiples, pois non só contribúe a facer máis accesible o ensino superior ou a ofrecer currículos adaptados ás diferentes necesidades do alumnado, senón que permite compilar unha serie de datos moi valiosos para entender mellor como procesan as persoas o coñecemento.

Tradución ao galego de Carme Paz.

Como a realidade virtual converte a estudantes en científicos

Vídeo de TED (6´ 34´´) no que a activista da educación Jessica Ochoa Hendrix nos fala da súa propia experiencia educativa en diferentes centros de secundaria dos Estados Unidos, empregando ferramentas da realidade virtual para transmitir contidos científicos. Concretamente, cóntanos como estes recursos tecnolóxicos lograron que o alumnado puidese explorar ecosistemas subacuáticos coma se fosen auténticos/as biólogos/as mariños/as, chegando mesmo a espertar vocacións entre uns rapaces e rapazas que nunca antes pensaran dedicarse profesionalmente á ciencia.

Tradución ao galego de Javier Vázquez.

Por que debemos continuar estudando disciplinas humanísticas?

Neste vinculo externo poderas ver
Por que debemos continuar estudando disciplinas humanísticas?

Vídeo (2' 07'') do proxecto "A Universidade responde" no que Eduardo Rey Tristán, profesor do Departamento de Historia da USC, nos fala dos perigos do utilitarismo que impera na sociedade actual e defende os beneficios do coñecemento humanístico para o desenvolvemento da humanidade.

O libro educativo: unha viaxe para medrar

Vídeo divulgativo (15´ 55´´) da Asociación Galega de Editoras, en colaboración con ANELE e CEDRO, sobre o proceso de elaboración do libro educativo. Na peza audiovisual, creada por Illa Bufarda, explícanse as diferentes fases de traballo nas que se divide o proxecto , a tipoloxía de profesionais que participan no proceso de creación do libro e a potencialidade pedagóxica desta ferramenta didáctica.

A mestra da escola

Documental de carácter divulgativo e didáctico (38´ 32´´) sobre o papel das mestras rurais na historia da educación en Galicia. Grazas ao testemuño directo de mulleres que exerceron ou que exercen a docencia en escolas rurais, así como daquelas outras que foron alumnas nese mesmo hábitat, podemos coñecer cales son as principais motivacións, dificultades e retos pedagóxicos que afrontan as mestras no rural.
A peza é unha produción de Meteórica Cine, dirixida por Alba Prol e realizada por Raúl García Pérez, ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022.