Que é "Proxector: audiovisuais en galego para a docencia"

Data: 18/01/2022

Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

Xa que logo, imos recoller vídeos sen audio, ou con audio ou subtítulos en galego ou portugués, para poñelos ao dispor do profesorado de secundaria ou universitario que emprega o galego como idioma da docencia.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o Consello da Cultura Galega, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística, súmase á iniciativa e comeza a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o Consello da Cultura Galega acordou asumir tamén a custodia dos datos que foron compilados ao longo destes anos, que a partir de agora estarán ao dispor da cidadanía a través da páxina web institucional que estás a ver.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados, e o nivel de ensino no que consideramos que poden ser empregados. A maiores, ofrecemos unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Podes acceder aos contidos a través da busca libre e/ou os diferentes despregables que che permitirán filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.

Agardamos que esta primeira selección, deseñada para os niveis de ensino secundario e universitario, sexa de utilidade tanto para os/as docentes que imparten as súas aulas en galego, como para o alumnado que desexe ampliar os seus coñecementos curriculares usando os recursos audiovisuais que temos ao noso dispor en Internet. Co ánimo de apoiar a introdución do portugués no sistema educativo galego, tamén ofrecemos vídeos gravados ou subtitulados neste idioma.

Proxector é un catálogo aberto en continua actualización. Se coñeces algún recurso audiovisual que aínda non estea incluído, podes recomendárnolo enviando a información a calquera destes enderezos: cdsg@consellodacultura.gal ou snl_lugo@usc.es.

USC e Consello da Cultura Galega.