Implicacións e aplicacións da intelixencia artificial

Desde hai unhas semanas para aquí, parece que a intelixencia artificial pasou de ser asunto de especialistas e estar nas falas de todo o mundo. Ao abrírense ao público prototipos de bots de charla como Chat GPT ou Bard, de súpeto todas e todos puidemos comprobar por nós mesmos a revolución que esta tecnoloxía pode supoñer... e tamén os perigos que poden vir da súa man.

Por iso, para este especial decidimos remexer no noso fondo de audiovisuais e rescatar unha ducia de vídeos que axudan a entender o mundo da intelixencia artificial. Neles, explícase en que consiste e cales son os seus fundamentos conceptuais; amósanse algúns dos seus usos -prácticos pero tamén artísticos- e afóndase nalgúns dos potenciais riscos que un desenvolvemento incontrolado desta tecnoloxía podería comportar.

Prendede o Proxector e entrade no mundo da intelixencia artificial!

Que é a intelixencia artificial?

Senén Barro, director científico do Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela, fálanos neste vídeo didáctico (8´ 44´´) da intelixencia artificial, denominada “a electricidade do século XXI”. Ademais de darnos unha definición do concepto e ofrecer exemplos de dispositivos que incorporan esta característica, o profesor Barro explícanos como se consegue que as máquinas sexan intelixentes.
A peza forma parte da colección Vídeos didácticos USC.


Arte no tempo da intelixencia das máquinas

Pensaches algunha vez que aplicacións podería ter a intelixencia artificial nunha disciplina coma a arquitectura? O artista multimedia Refik Anadol amósanos nesta charla de TED (12´ 01´´) o resultado de integrar as artes dixitais na arquitectura, un traballo realizado por un equipo multidisciplinar composto por profesionais do deseño gráfico, a arquitectura, a análise de datos, a neurociencia, a música e a literatura. O froito son diferentes intervencións arquitectónicas que nos convidan a pensar que a intelixencia artificial do século XXI tamén sabe “soñar” e facer “poesía de datos”.

Tradución ao galego de Alba Gil Vicente.

Intelixencia artificial e aprendizaxe automática

Vídeo divulgativo no que Fernando Estévez Casado nos presenta en tres minutos o obxecto de estudo da súa tese: como a intelixencia artificial pode, a través da aprendizaxe automática, converter datos en coñecemento abstracto, poñendo ao servizo da sociedade a información que compilan acotío os dispositivos electrónicos que temos ao noso redor.

Esta peza audiovisual recibiu o Premio de Excelencia de Divulgación Científica na primeira edición do concurso "Teses en tres minutos", que organizou a Universidade de Santiago de Compostela en 2022. Tamén foi premiada no I Concurso de vídeos sobre enxeñaría informática e química, organizado en 2022 pola Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.

Como vai a IA cambiar o mundo?

Nos vindeiros anos a intelixencia artificial (IA) vai cambiar as nosas vidas. Isto é xa unha evidencia, pero como e ata que punto vai facelo aínda non o sabemos con exactitude. Neste vídeo de TED (5´ 55´´) reprodúcense fragmentos dunha entrevista na que Stuart Rusell, profesor de informática e experto en IA, reflexiona sobre as posibilidades reais que existen de chegar a construír sistemas de intelixencia artificial que poidan substituír aos humanos.

Tradución ao galego de Xusto Rodríguez Río.

Aplicacións da intelixencia artificial

Vídeo didáctico (11´ 38´´) no que o profesor Senén Barro, director científico do Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela, nos fala da diversidade de aplicacións que ten a intelixencia artificial (IA) na actualidade. Descubrirás, a título de exemplo, como se está a aplicar a IA de xeito satisfactorio no eido da previsión meteorolóxica, da saúde pública ou da predición de patoloxías cardíacas. Así mesmo, o profesor Barro tamén nos convida a reflexionar sobre os potenciais usos mal intencionados desta tecnoloxía, como poden ser os vinculados ao ámbito militar, ou sobre os retos que os gobernos terán que afrontar para dar cobertura social ás persoas que queden fóra do mercado laboral a causa da crecente economía dixital.
A peza forma parte da colección Vídeos didácticos USC.


Como facilita a intelixencia artificial o diagnóstico de enfermidades

A intelixencia artificial (IA) leva tempo empregándose no diagnóstico de enfermidades, pero os algoritmos da IA precisan arredor de 10.000 imaxes médicas para detectar unha doenza nun paciente. Nesta charla de TED (4´ 59´´ ) Pratik Shah preséntanos o proxecto no que está a traballar para poder reducir de forma drástica a cantidade de datos requiridos para adestrar un sistema de IA, conseguindo diagnósticos menos custosos e máis eficientes con só 50 imaxes.

Tradución ao galego de Mario Cal.

Non temamos a superintelixente IA

Nesta charla de TED (10´ 20´´) o científico e filósofo Grady Booch fálanos do medo, na súa opinión infundado, que boa parte da poboación sente ante o imparable avance da intelixencia artificial, provocado en boa medida polos filmes de ciencia ficción que nos amosan unha IA todopoderosa, carente de sentimentos e valores. Booch explícanos como podemos aprenderlle á IA as “verdades fundamentais” para que incorpore os nosos valores éticos e convídanos a confiar no inmenso potencial da intelixencia artificial para mellorar a experiencia humana.

Tradución ao galego de Alicia Fontela Morán.

Xerando contidos con intelixencia artificial

Vídeo divulgativo (25´ 02´´) no que se presentan diferentes aplicacións, baseadas na intelixencia artificial, que podes empregar para crear contidos na túa páxina web ou nas túas redes sociais.

Estas son concretamente as ferramentas que aprenderás a usar para a creación de texto, vídeo ou imaxe: Dall-e 2, Stable Diffusion GUI, Writesonic, Open AI, Pictory e Synthesia.

ChatGPT: a intelixencia artificial xa está aquí

A intelixencia artificial (IA) lévase implementando desde hai anos en diferentes ámbitos especializados pero foi o modelo ChatGPT, tan de actualidade estes días nos medios de comunicación, o que permitiu ao conxunto da sociedade comprobar de primeira man o enorme potencial da IA. Neste vídeo divulgativo (24´ 05´´) Mario Barcala, enxeñeiro informático e doutor en computación pola UDC, fainos unha demostración das posibilidades de uso de ChatGPT en tarefas relacionadas coa lingüística.

Esta peza foi elaborada ao abeiro da iniciativa "Palabras binarias: informática para lingüistas", desenvolvida pola empresa NLPgo.

Como aprenden os ordenadores a recoñecer obxectos instantaneamente

Charla de TED (7´ 37´´) na que Joseph Redmon nos fai unha demostración en directo do funcionamento do sistema YOLO, un sistema de visión artificial de código aberto capaz de identificar instantaneamente obxectos tanto en vídeo como en imaxes estáticas, cunha precisión superior ao 99 por cento. Estamos a falar dunha innovadora tecnoloxía con múltiples aplicacións, como por exemplo os coches autónomos, a robótica ou mesmo a detección do cancro.

Tradución ao galego de Mario Cal.

Unha IA autoconsciente?

Vídeo didáctico (4´ 06´´) no que Senén Barro Ameneiro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e director científico do CiTIUS da Universidade de Santiago de Compostela, nos fala de intelixencia artificial e do camiño que aínda queda por percorrer para conseguir que as máquinas sexan conscientes da súa propia existencia.
Esta peza forma parte da colección Videos didácticos USC.


Estamos vixiados polos nosos aparatos intelixentes?

O progreso tecnolóxico e as aplicacións informáticas que empregamos actualmente na nosa vida cotiá facilítannos a vida. Iso case ninguén o pon en cuestión, pero poden os aparellos intelixentes poñer en risco a nosa intimidade? Neste vídeo divulgativo (5´) Tomás Fernández, catedrático de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores da USC, explícanos como as grandes empresas tecnolóxicas, ou mesmo particulares con fins ilícitos, poderían conseguir información privada dos/as usuarios/as a través das aplicacións ás que nós mesmos lles damos permiso para acceder ao micrófono, ou daquelas outras que se instalan sen o noso coñecemento.

Esta peza forma parte da serie #DesmontadoMitos, elaborada por GCiencia.