A principios de 2018 Finlandia solicitou ás institucións europeas a eliminación do cambio estacional de hora, que se realiza dúas veces ao ano en cumprimento dunha directiva europea.
Esa petición desencadeou rápidos acontecementos: en xullo, a Comisión Europea abriu unha consulta pública vía iInternet sobre a supresión do cambio estacional de hora. O resultado foi presentado en agosto e, case de inmediato, o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, anunciou que proporía a súa supresión no conxunto da UE.
Ese anuncio sitúa nunha encrucillada os diferentes estados, que están neste momento a analizar as consecuencias da medida.
É racional eliminar esa medida, aplicada durante décadas? Se se suprime o cambio estacional de hora, con cal quedar? Co de verán ou co de inverno? Que ocorrería se Europa perdese a súa estabilidade e coordinación horaria?
A resposta, e as decisións que se tomen baseándose nela, afectarán a todas as persoas do espazo común europeo, sen excepción. A cuestión é, pois, relevante, e a súa resolución esixe unha reflexión pausada polo miúdo, que debe ser tomada logo de adquirir un coñecemento previo dos factores que inciden nela.
Esta xornada do Consello da Cultura Galega pretende proporcionar ese coñecemento, a través das exposicións de expertos. A achega á que aspira a xornada é facerlles posible aos asistentes responder con solidez argumental á pregunta que lle dá título.
Imaxe da portada: Christian Marclay, The Clock, 2010.