Un informe do Consello da Cultura Galega e a Xunta constata discriminación de xénero no teatro e no audiovisual

Os sectores das artes escénicas e audiovisuais en Galicia está masculinizado. Só o 42% do persoal traballador son mulleres, que contan con dificultades de acceso ao mercado de traballo, aféctalles máis a temporalidade, cústalles conciliar e cobran menos. Ademais, tamén hai casos de acoso laboral e sexual, aínda que se percibe un cambio de actitude. Son as principais conclusións do informe “A situación das traballadoras dos sectores audiovisual e das artes escénicas en Galicia” que hoxe presentaron no Consello da Cultura Galega (CCG) os responsables de todas as entidades implicadas: Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, e Jacobo Sutil, director de Agadic. Canda eles estaba Håkan Casares Berg, responsable do Observatorio da Cultura Galega e autor do informe; a coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, Dolores Vilavedra, e mais os representantes de entidades gremiais dos sectores analizados, que foron os promotores da súa elaboración.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
Un informe do Consello da Cultura Galega  e a Xunta constata discriminación de xénero no teatro e no audiovisual

Coñecíase a realidade estatal grazas a varios informes como o de Artistas Intérpretes, Sociedad de Gestión (AISGE), que concluía que por cada personaxe feminina hai 1,64 personaxes masculinos; ou o da Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (CIMA) que fixaba no 74% os postos de responsabilidade ocupados por homes fronte ao 26% ocupados por mulleres; ou no estudo realizado pola asociación Clásicas y Modernas que dicía que só o 22% dos espectáculos programados en salas de xestión estatal ou autonómica estaban dirixidos por unha muller. Agora, a realidade cultural galega tamén ten a súa propia diagnose. “Este informe é unha meta, pero no fondo tamén é un punto de partida” apuntou a presidenta Rosario Álvarez na presentación á que asistiron os representantes de todas as entidades que impulsaron a súa realización: Academia Galega do Audiovisual, Escena Galega, Asociación de Actores e Actrices de Galicia Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

Acceso ao mercado de traballo e as diferenzas salariais
“Agora sabemos que a importancia do sector non é un lugar común, senón que as cifras xa corroboran algunhas das ideas que xa tiñamos” dixo Dolores Vilavedra ao tempo que ofreceu os principais resultados: o sector cultural galego achega o 3,5% do emprego total. E dese emprego cultural case a metade (o 46% das afiliación nas actividades culturais) correspóndese co sector do audiovisual e mais o das actividades de creación, artísticas e espectáculos (onde se sitúan as artes escénicas). O emprego mantén unha evolución positiva á alza no período analizado (que vai desde 2011 a 2017), aínda que se ve claramente afectado pola estacionalidade e existe unha proporción importante de autónomos.

A concreción chegou da man de Håkan Casares que explicou como se fixo este traballo durante case dous anos e que nos permite saber que na distribución de profesionais por sexo a tónica xeral é que son sectores claramente masculinizados onde as mulleres representan o 42% do total. Agora ben, aprécianse matices en función do grupo de actividade. O sector artístico e escénico é claramente o que presenta unha maior diferenza: un 62,6% de homes fronte a un 37,4% de mulleres. Séguelle o sector da programación e emisión de televisión cun 47,9% de homes. Cun 51,3% de homes fronte a un 48,7% de mulleres, o sector da cinematografía, vídeo e programas de televisión está máis equilibrado.
Estes sectores teñen unha alta temporalidade que é máis acusada no caso das mulleres. Así o di o propio informe: “os homes traballan en período máis prolongado, mentres que entre as mulleres é máis habitual un perfil profesional máis temporal e esporádico. No sexo masculino destaca un 21% con máis de dez anos de traballo no sector, fronte a un 11% de mulleres”. As diferenzas tamén se disparan a medida que vai subindo a media de idade. No audiovisual a idade de 35 é clave para traballar: por debaixo hai máis mulleres e por riba máis homes. Nas artes escénicas as mulleres de 45 a 55 teñen máis tempo traballado pero a partir dos 55 acumulan unha media de horas inferior.

A análise cuantitativa tamén revela que as mulleres teñen un nivel de estudos superior ao dos homes. Unha fenda que é máis acusada no campo audiovisual que no das artes escénicas. Malia esta situación, a medida que aumenta a categoría laboral aumenta a presenza de homes. O documento tamén destaca como factor positivo que nos postos de alta dirección ou gran formación as diferenzas van desaparecendo.
Nos traballos de tipo técnico existen barreiras de acceso para as mulleres; e na interpretación constátase en Galicia o que existe a nivel estatal: as actrices galegas aceden a un menor número de papeis, son máis curtos e estereotipados e teñen menos categoría. Ademais, nas entrevistas cualitativas tamén se puxo de manifesto a dificultade de conciliar vida laboral e familiar de cara ao acceso e promoción laboral.
A nivel salarial o informe percibe a tendencia de que os ingresos das mulleres son inferiores e máis significativos no sector das artes escénicas que no do audiovisual.

Durante o período de estudo tamén se denunciaron casos de acoso laboral e sexual de diferente gravidade en ambos os sectores. Presións, descrédito, desprezo verbal e insultos son algunhas das declaracións prestadas. Houbo tamén denuncia de fotografías ou vídeos sen permiso e tamén abuso de poder. Con todo, as e os profesionais do sector tamén recoñecen que se está a xestar un cambio de actitude perante estes comportamentos.

Mostra do estudo
Este estudo parte dun deseño mixto no que se combina o paradigma cuantitativo co cualitativo. Para iso consultáronse estudos sobre o ámbito laboral da cultura con perspectiva de xénero nos contextos galego e español; a Mostra Continua de Vidas Laborais (relativa a actividades cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión; actividades de programación e emisión de televisión e actividades de creación, artísticas e espectáculos) proporcionada polo Instituto Nacional de Estatística e a análise do discurso de 40 entrevistas semiestruturadas a profesionais do sector. A parte cuantitativa estivo a cargo do Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega que pretende encher o baleiro de información existente sobre a cultura a través dun método rigoroso e estándar de recolleita de información. O Observatorio tamén coordinou os traballos cualitativos, que realizou a empresa Ágora Aberta, S. L.