O Consello da Cultura Galega celebrará a Carballo Calero con música, un libro e un roteiro

Un concerto, unha publicación facsimilar e varios sitios web con información biográfica, cartas e un roteiro. Este é o núcleo da actividade coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará a Carballo Calero, figura homenaxeada co Día das Letras Galegas neste ano. Hoxe foi presentada na Cidade da Cultura a programación conmemorativa desta celebración por parte dos responsables de todas as entidades implicadas. “Nós quixemos destacar coas nosas actividades o carácter polifacético e plural deste home do seu tempo” indicou a secretaria do CCG, Dolores Vilavedra, no marco da rolda. As actividades do CCG se concentrarán no mes de maio aínda que contarán con ramificacións na programación do ano.

O 16 de maio terá lugar en Ferrol o habitual Concerto das Letras Galegas. Un concerto conmemorativo, antesala das actividades organizadas pola Real Academia Galega, no que se estreará unha composición musical sobre un texto de Ricardo Carballo Calero. Ademais, no marco da colección Letras Galegas, o Consello da Cultura Galega editará a súa obra de teatro “A farsa das zocas”. Trátase dunha edición facsimilar numerada, cun estudo introdutorio de Carlos Caetano Vizcaíno Fernández, que servirá para afondar e difundir esta peza publicada no primeiro número da revista “Grial” en 1963.

Entre os produtos web nos que o Consello da Cultura Galega está a traballar, destaca un roteiro virtual polos diferentes lugares e puntos de interese arredor da biografía de Carballo Calero e que propón un itinerario por Ferrol, Santiago e Lugo. O Proxecto Epístola enriquecerase coa difusión das cartas que intercambiaron Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo, cuxos orixinais gardaba a Fundación Otero Pedrayo. Ademais, haberá un site que concentrará biografías, materiais sonoros, fotografías e toda a información producida ou custodiada arredor da figura de Carballo Calero promovida polo CCG.