Baixan os préstamos pero aumentan as visitas ás bibliotecas galegas segundo o Observatorio da Cultura Galega

As bibliotecas galegas son cada vez máis visitadas pola cidadanía galega, pero cada vez conceden menos préstamos. Os últimos datos dispoñibles marcan tamén un tímido avance do libro electrónico e da consulta por Internet, segundo figura no último Documento de Traballo (DT) do Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega. Este documento, que obtén datos do Ministerio pero tamén da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, ofrece unha radiografía de como é a realidade deste tipo de espazos.

Galicia conta con 476 bibliotecas. Son o 7,4% do total de España e isto sitúanos en oitava posición. Esta cifra é de 2018, o último ano do que se teñen datos reais, e o Documento de Traballo marca tamén que se perderon 46 bibliotecas desde o ano 2010. É unha tendencia similar ao que acontece no resto das comunidades autónomas. Con todo, o número de bibliotecas en Galicia por cada 100.000 habitantes é superior á media estatal (17,6 fronte a 13,8).

Nesa análise, o Documento de Traballo tamén destaca que o 58,4% do total de bibliotecas galegas son públicas, seguidas polas especializadas, que constitúen o 34% dese total. Con respecto á titularidade, o 57% son de titularidade municipal. Eses espazos gardan entre 5.000 e 20.000 volumes, unha cifra semellante ao do conxunto do Estado. Os libros supoñen o 78% do conxunto de documentos que gardan nas súas coleccións. Nese sentido, o documento destaca dous aspectos: por unha banda, a porcentaxe de publicacións periódicas encadernadas é superior en 6,2 puntos porcentuais nas bibliotecas galegas ca nas do total España e, por outra banda, o número de libros electrónicos é significativamente inferior (2,9% en Galicia fronte ao 8,5% no conxunto do Estado).
Hábitos e uso
En 2018 volveu rexistrarse unha tendencia á alza do número de usuarios e usuarias de bibliotecas, despois de que no período anterior (entre 2012 e 2016) se reducira. Nese ano rexistráronse 994.195 persoas que empregan as bibliotecas. Se abrimos o foco e comparamos co resto de España, Galicia ocupa o décimo terceiro lugar de acordo con este indicador, con máis de 36.779 persoas usuarias por 100.000 habitantes. Por segmentos de idade, a mocidade rexistra cifras máis baixas de uso que os adultos.

Con respecto ao número de visitas ás bibliotecas, en 2018 Galicia ocupa o sétimo posto no conxunto do territorio español con máis de nove millóns de visitantes, moi por debaixo das comunidades que ocupan os dous primeiros postos: Cataluña (máis de 38 millóns) e Madrid (máis de 37 millóns).

O Documento de Traballo constata un descenso no número de prestamos das bibliotecas, que continúa á baixa desde 2012, pois pasouse de 3.757.359 nese ano a 3.151.167 en 2018. No entanto, medran as consultas por Internet, aínda que a un ritmo moi baixo.
Ademais, a partir dos datos da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, amósase que a asistencia ás bibliotecas ten un escaso interese entre a poboación galega, que valora nun 2,5 (entre 0 e 10) o interese polas bibliotecas. A falta de interese (39,4%) e a falta de tempo (30,2%) son os principais motivos que alega a cidadanía galega para non ir ás bibliotecas.

Características
As bibliotecas van parellas á realidade demográfica do país, xa que o estudo recolle que a maior parte das bibliotecas galegas son de pequeno tamaño. Iso tamén condiciona os postos de lectura. Practicamente a metade das bibliotecas galegas dispoñen de entre 10 e 49 postos para lectura e consulta de usuarios e unha cuarta parte (o 25%) ten menos de 10 postos. A porcentaxe é moi similar nestes dous treitos do indicador á do total de España. Con todo, o número de bibliotecas que contan cun número de postos que vai entre 50 e 99 ou con máis de 100 é máis baixo en Galicia que na media estatal.
Galicia perdeu un total de 33 empregos de bibliotecas entre 2010 e 2018, o que supón un decrecemento dun -2%. No total das bibliotecas españolas o comportamento foi similar, cunha perda total de 610 postos de traballo.

As entidades locais son os principais medios de apoio económico das bibliotecas. En Galicia supoñen o 48,2% e a cifra é lixeiramente máis baixa que no conxunto de España (un 52,6%). Ademais, o DT tamén constata que o gasto liquidado polos concellos en bibliotecas públicas foi medrando entre 2015 e 2017. E ese importe destínase principalmente a pagar ao persoal (un 63%), seguido de compra de material (un 20%) e investimento (só un 5%).

Fontes estatísticas
Este documento de traballo analizou todas as bibliotecas públicas galegas coa excepción das escolares. E analizou o financiamento e gasto público, os hábitos culturais da poboación con respecto ao uso dos servizos bibliotecarios e a situación da Rede Galega de Bibliotecas.

Para a elaboración deste informe tivéronse en conta catro documentos: en primeiro lugar, a Estadística de Bibliotecas (2018), estatística oficial pertencente ao Plan Estadístico Nacional, de periodicidade bienal, elaborada polo Instituto Nacional de Estadística; en segundo lugar, a Estadística de Financiación y Gasto Público en Cultura, de periodicidade anual e elaborada polo Ministerio de Cultura y Deporte; en terceiro lugar, a Encuesta de Hábitos y Prácticas Culturales en España, 2018-2019, do Ministerio de Cultura y Deporte. Por último, as Estatísticas das Bibliotecas Públicas de Galicia (2018), elaboradas pola Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, unidade dependente do Servizo do Sistema de Bibliotecas da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.