O Consello da Cultura Galega pon en rede unha parte do epistolario de Virxinia Pereira

Virxinia Pereira foi moito máis que a muller de Castelao. Foi unha destacada figura antifranquista e tamén o guieiro da memoria do seu home tras a súa morte. Boa parte da súa personalidade e preocupacións poden verse a través do seu epistolario. O Consello da Cultura Galega (CCG) pon desde hoxe á disposición da cidadanía as cartas que intercambiou con Valentín Paz-Andrade, que nos permiten ver, alén da súa personalidade, a complicada constitución do legado do galeguista durante o franquismo. Ademais, a correspondencia vén acompañada dunha reportaxe contextualizadora e do texto “Virxina e Daniel, a complicidade” en que Miguel Anxo Seixas que aborda a relación do matrimonio.

O Consello da Cultura Galega deita na rede o epistolario cruzado entre Virxinia Pereira (A Estrada, 1884-Madrid, 1969) e Valentín Paz-Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987). Son 28 cartas que intercambiaron entre 1951 e 1967, nas que se achega información relevante para entender os conflitos xurídicos pola herdanza de Castelao. Nelas apréciase a firmeza dunha viúva en respectar a vontade do seu home, a complexidade do proceso xudicial da herdanza de Castelao, pero tamén o compromiso político e ideolóxico dunha figura que viviu á sombra do máximo expoñente do nacionalismo.

Estas cartas, dixitalizadas e transcritas do fondo Valentín Paz-Andrade inclúen tamén 15 misivas con outros correspondentes: José Ortega Spottorno, Alfonso Fidalgo-Pereira, Clemencia Pereira Renda e Pilar Rodríguez de Prada.

O epistolario complétase cunha reportaxe contextualizadora de Culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural do CCG e un artigo asinado por Miguel Anxo Seixas Seoane que analiza a relación entre Virxinia e Castelao. Nel fai fincapé na complicidade entre eles e o papel que Virxinia desempeñou á morte do intelectual como “valedora da ética actitude de Castelao, que na altura (do seu pasamento) só era celebrado e homenaxeado na emigración e no exilio”.

Cartas para entender o legado de Castelao e o proceso xudicial
En 1936 abríronlle un expediente de responsabilidades políticas a Alfonso Daniel R. Castelao. Como primeira consecuencia, suspendérono de emprego e soldo, e un ano despois confiscáronlle todos os bens que había na casa que a parella tiña en Pontevedra como aval do pagamento da multa en que puidese derivar o expediente. A multa fixouse unha vez morto Castelao e iso condicionou totalmente a herdanza: afectoulle ao legado artístico, tanto á obra en si como aos dereitos de autor que orixinaba, que eran cada vez maiores, e tamén aos obxectos embargados en Pontevedra, aos depósitos que o matrimonio tiña no banco e á casa materna en Rianxo. A correspondencia entre Virxinia e Valentín axuda a entender todas as dificultades procesuais da xestión do herdo de Castelao.

“Miñas cuñadas e mais eu, levamos no íntimo das nosas concencias, o testamento moral que nos deixou o noso incomparable Castelao. (…). Violalos, nin tan siquera discutilos, sería tanto como traizoar os seus propios sentimentos e a súa vountade, i este francamente non podo esperalo de elas, que ademais en certo modo son moralmente responsables de que seu irmán non sentira agoiros apremiantes por formalizar unha cousa que contaba xa segura” confésalle Virxinia a Paz-Andrade. Engade “vostede amigo Valentín, ten un poder meu, y eu conto coa grande confianza que vostede me inspira, pregándolle moi encarecidamente que me tome este asunto nas súas mans”.
Nas cartas pódese ver con claridade a determinación de Virxinia por cumprir a vontade do seu home de que toda a súa produción ficase no Museo de Pontevedra, que el mesmo axudara a fundar. “A súa obra artística, ten que ser salvada e respetada. A derradeira disposición do seu autor, reclama que pase a ser patrimonio da súa adourada Galicia e ista disposición hai que acatala e cumplila hasta por enriba da misma lei. Vexan pois por favor, o modo de acadar as cousas que anden espalladas e depositalas no Museo onde xa está unha boa parte dos seus traballiños” escribía en 1951.

Alén da propia personalidade da autora, o epistolario tamén nos revela trazos da personalidade de Castelao. “Aquel inmenso Danieliño non foi endexamais axeitado para ser dono de moito cartos porque non lle interesaban, de modo que o único que alí temos é un pequeno fondo (…) que nos deixara o noso benquerido pai e que tiñamos como unha reserva para un posíbel apuro na nosa vellez”, escribe Virxinia.
Ademais do complexo proceso xudicial, tamén se pode ver a relación da viúva de Castelao coas súas cuñadas. As cartas rematan en 1967, dous anos antes da morte de Pereira, e son máis de ámbito persoal.

Proxecto Epístola
A posta á disposición da cidadanía as cartas de Virxinia Pereira enmárcase dentro do proxecto Epístola do Consello da Cultura Galega. Esta iniciativa xurdiu en 2014, ano en que puxo en rede a dixitalización do epistolario de Luís Seoane. Pretendíase así ofrecer un innovador xeito de difundir a inxente e heteroxénea fonte documental relativa a figuras ilustres da cultura galega. Desenvolveuse unha aplicación informática para procesar ese material que permitiu un mellor coñecemento de remitentes e de destinatarios, que supón a apertura de perspectivas de coñecemento sobre a época da escritura, os seus contextos, e tamén simplifica o proceso de comprobar datos e circunstancias. Ademais, o proxecto nacía cunha vocación global que posibilitase as relacións destas figuras cos seus contemporáneos, achegando detalles das súas vidas e obras, ao tempo que axudaba a interpretar a situación política, social e literaria da época.

A edición dixital dos fondos epistolares tamén pretende poñer en relación documentación conservada en diferentes centros e o aceso á documentación por diferentes criterios de busca: onomásticos, cronolóxicos, temáticos, xeográficos, entre outros.

O proxecto está permanentemente aberto. Neste 2020 publicáronse 167 cartas cruzadas entre Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carballo Calero, que falaban da Real Academia Galega, da literatura galega e das preocupacións comúns. E, o pasado 22 de agosto, coincidindo co centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, tamén se puxeron en rede as cartas que intercambiou con Luís Seoane, nas que se abordaban temas como o exilio, a emigración, a creación de Sargadelos e as súas diferentes visións da arte.