O Consello da Cultura Galega presenta os primeiros avances do Foro Patrimonio e Sociedade

A creación dun Instituto de Patrimonio e dun observatorio en materia de educación patrimonial, artellar un catálogo de bens aberto, xeolocalizado e de acceso libre para a cidadanía, o risco de primar o interese turístico por riba do patrimonial e implementar medidas éticas nestas cuestións son algunhas das necesidades que detectou o Foro Patrimonio e Sociedade, unha iniciativa promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG) para debater, analizar e ofrecer propostas integrais arredor desta materia. A proposta, coordinada por Rebeca Blanco-Rotea coa participación doutros membros da sección de Patrimonio e Bens Culturais, é pioneira e materialízase en tres mesas nas que participan unha trintena de especialistas durante un ano enteiro para analizar todas as caras deste fenómeno. Co gallo do Día do Patrimonio, que se celebra cada 16 de novembro, a institución dá a coñecer os primeiros resultados deste proceso de reflexión, que se debaterán en sesión aberta en abril de 2021.




Os primeiros resultados preliminares do foro “Patrimonio e sociedade” albiscan claras demandas que existen neste ámbito a día de hoxe. Entre as máis urxentes, a necesidade dunha educación máis integral en materia de patrimonio. “Resulta esencial contar cunha formación patrimonial da cidadanía para a co-construción dunhas políticas públicas axeitadas á nosa realidade patrimonial e dunha xestión patrimonial integral, aberta e inclusiva” asegura Rebeca Blanco-Rotea, a coordinadora e promotora deste foro. Pero hai máis aspectos, a posibilidade de creación dun observatorio galego do patrimonio, e a difusión pública dun catálogo patrimonial aberto e de acceso, incluso participado, para a cidadanía. Hai outras problemáticas e medidas que aínda se están a perfilar, tal vez a necesidade dun plan galego de educación patrimonial. “Todos os resultados son aínda preliminares e necesitarán dunha discusión pública nunhas xornadas que desenvolveremos en abril pero hai xa aspectos nos que existe consenso” explica a súa coordinadora. O foro “Patrimonio e sociedade” está integrado por 36 especialistas en diferentes ámbitos do patrimonio, leva traballando formalmente desde novembro de 2019 na busca de medidas e solucións que permitan unha maior e mellor comprensión, divulgación e gozo do patrimonio cultural. A pandemia alterou o calendario e atrasou seis meses todas as súas accións.

Xénese e organización
Rebeca Blanco-Rotea explica que o foro parte de tres demandas importantes. “A primeira son as eivas, problemáticas e demandas que nos fixeron chegar os e as asistentes ás diferentes xornadas dos ‘Encontros monográficos co patrimonio cultural’ que organiza o Consello da Cultura Galega dende hai máis de cinco anos e polos que pasaron uns 1.500 participantes”. A segunda “é o documento que realizamos a petición da Xunta de Galicia como base para a elaboración da estratexia da cultura galega 2021” explica. E a terceira ten que ver co “incremento de peticións de elaboración de informes ao Consello da Cultura Galega, desenvolvidos dende a Sección de Patrimonio e Bens Culturais, por parte de colectivos cidadáns en relación con conflitos patrimoniais consecuencia dalgunhas prácticas da Administración, empresas ou outros organismos”.

Isto motivou a creación dun foro que, con carácter integrador, buscaba sentar na mesma mesa a todos os axentes que están vencellados ao patrimonio. A estrutura foi bastante orixinal e articulouse arredor de tres mesas: a primeira chámase “Patrimonio, políticas públicas e normativa legal” e conta coa coordinación de Teresa Nieto e Cristina Sánchez Carretero. A segunda mesa, coordinada por Iago Seara e Carlos Nárdiz, titúlase “Xestión patrimonial: conservación, protección e promoción-difusión do patrimonio cultural”. Rebeca Blanco-Rotea e Juan Monterroso coordinan a terceira mesa, que analiza o “Patrimonio, educación, formación e cidadanía”. En total 36 especialistas que responden a perfís variados e de representatividade.

Cada mesa busca fomentar o debate e a reflexión partindo de documentos que se elaboran previamente e se discuten nunha xuntanza da que sae un documento que se leva á seguinte reunión. Cos resultados finais realizarase un foro de debate público que terá lugar no mes de abril de 2021. “De aí sairá un conxunto de documentos que esperamos servirán de marco de traballo para o patrimonio nos vindeiros anos en Galicia” apunta Rebeca Blanco-Rotea.

Principais avances por mesas
No marco do deseño das políticas públicas e da normativa legal, os primeiros resultados da mesa coordinada por Teresa Nieto e Cristina Sánchez Carretero falan da necesidade de buscar un equilibrio entre as dinámicas interventoras dos organismos públicos no patrimonio e a reivindicación cidadá, cun protagonismo maior no deseño desas políticas. Esa gobernanza participativa permitiría amainar unha eiva que veñen detectando desde tempo atrás, que é o incremento de queixas e reclamacións (canalizadas a través da Valedoría do Pobo e do Consello da Cultura Galega) sobre as actuacións da Administración e outros organismos. O corredor do Morrazo ou a reforma e uso público do castelo de Monterrei poderían ser exemplos desas reclamacións por parte da cidadanía e con desigual acerto no seu resultado.
No ámbito da xestión patrimonial, onde Iago Seara e Carlos Nárdiz son os coordinadores, os primeiros avances indican unha liña clara: a necesidade da transversalidade. Ademais, neste grupo de traballo exponse a gravidade de que se estean a tratar os elementos patrimoniais como materia turística. A mesa alerta de que se prima o interese turístico por riba do valor patrimonial dos nosos bens culturais, de xeito que este pasa a converterse en materia prima, en base económica (economía fronte á cultura) esquecendo a fraxilidade de moitos destes bens. Entre os aspectos que quedan claros, non hai que esquecer que o Patrimonio ten valor en si mesmo, aínda que non se poida explotar turísticamente de calquera forma. Esta mesa elaborou varios documentos que sintetizan e concretan as normas e documentos legais da Administración e urxe a revisión nalgúns aspectos da nova lei de patrimonio cultural.

No ámbito do patrimonio, educación, formación e cidadanía, obxecto de análise e reflexión por parte da mesa tres, apúntase a necesidade de buscar un elemento vertebrador que permita coordinar o labor dos colectivos e asociacións civís. Ao tempo que valora o apoio e necesidade crecente da tecnoloxía como canle de difusión, considera que é necesario reforzar e sistematizar este fluxo de comunicación, e establecer unha ética do mesmo. Entre as propostas desta mesa está a creación dun Observatorio Galego do Patrimonio, en cuxa estrutura as redes poderían ter a súa propia representación, e dun Consello de Cooperación Cultural que coordine o labor dos diferentes colectivos en materia de patrimonio.