NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega reforza o seu papel asesor e estrea un cambio na programación da súa actividade

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou neste serán do xoves unha sesión plenaria ordinaria na que a presidenta, Rosario Álvarez, deu conta do programa de actividades para o primeiro trimestre do ano e o balance do 2020. A exposición “Afonso X e Galicia”, inaugurada o pasado martes na Igrexa da Universidade de Santiago, abriu a programación do ano que supón un novo cambio de modelo e combina actividade presencial e telemática. Ademais, Rosario Álvarez explicou que en 2020 reforzou a súa función asesora coa realización de preto de 60 informes e documentos de traballo sobre a realidade cultural. A sesión contou coa presenza do Presidente de Honra da institución, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.
O Consello da Cultura Galega reforza o seu papel asesor e estrea un cambio na programación da súa actividade

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, explicou nesta sesión que a institución estrea neste ano un cambio na concepción da programación de actividades, que se adecuará a dez liñas estratéxicas. Catro delas correspóndense con temáticas que definen a actividade do ano en curso, mentres que as seis restantes se corresponden con eixes de traballo consolidados da institución, como o fomento da cultura científica, tecnolóxica e medioambiental; a conservación e valorización do patrimonio, ou os debates do mundo contemporáneo. O Consello da Cultura Galega manterá o traballo de arquivo, hemeroteca e preservación de fondos, así como as acción relativas á “memoria viva”; é dicir, homenaxes e actuacións encamiñadas á revitalización e difusión cultural.

Entre xaneiro e marzo
A primeira acción do Consello da Cultura Galega arrincou o pasado martes 12 de xaneiro coa inauguración da exposición “Afonso X e Galicia”, que busca explorar a faceta menos coñecida do Rei Sabio. A mostra, que ten un carácter multimedia, propón unha peregrinaxe polo legado do rei sabio cando se cumpren 800 anos do seu nacemento. No ronsel desta mostra haberá outras accións ao longo do ano, entre as máis próximas, no mes de mazo comezarán a difundirse propostas de roteiros polo patrimonio afonsino.

A actividade deste trimestre estará moi condicionada pola situación sanitaria e continuará a desenvolver moitas das accións no ámbito dixital. Unha xornada sobre a credibilidade da ciencia en tempos de pandemia, outra sobre cultura sostible, o foro Patrimonio e Sociedade e unha nova sesión do ciclo de cinema Olladas de muller, son algunhas das numerosas actividades previstas.

Outra das liñas de acción prioritarias para este ano pasa por coñecer a realidade da creación cultural contemporánea nas súas diferentes manifestacións. Neste sentido, no mes de marzo inicaranse unha serie de citas encamiñadas a analizar e reflexionar sobre o papel desempeñado pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra cando se cumpren trinta anos da súa creación. Ademais, desde o inicio do seu mandato, Rosario Álvarez defendeu a necesidade de acadar unha maior igualdade e inclusión en diversos sentidos, de modo que neste ano están programadas varias accións encamiñadas a analizar a igualdade de acceso á cultura en función do hábitat, con especial énfase no mundo rural. Tamén cobrará protagonismo o estudo das migracións, da mobilidade, da interacción e do intercambio cultural.

A actividade de 2020
A actividade do Consello da Cultura Galega tivo un antes e despois da declaración do estado de alarma. Entre xaneiro e marzo, o CCG desenvolveu 14 actividades, mantivo 3 exposicións activas e actualizou os seus proxectos de documentación (Lousas, A Nosa Terra, a posta en rede dos epistolarios cruzados entre Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carballo Calero...). A partir do 14 de marzo, a institución procedeu á adaptación e reprogramación da súa actividade. Neste tempo, o CCG amosou unha grande axilidade para adaptarse á nova situación e a súa capacidade de innovación para reorientar a programación. Aproveitou a difusión do seu fondo documental (sonoro, hemerográfico, epistolar...) para ofrecer á cidadanía contidos culturais galegos de calidade. Co ánimo de non cancelar, explorou novos formatos de presentación das actividades programadas, con encargas de produtos culturais ao sector. Programou encontros en liña para escoitar nas súas voces as demandas e preocupacións do ecosistema cultural. Entre marzo e o que resta de ano realizáronse 66 actividades (entre redifusión de fondo dixital e novos ciclos). En total, en 2020 programáronse 80 actividades, 20 máis que en 2019. Neste ano contabilízanse 23 novidades editoriais. Ademais, avanzouse na recuperación do histórico de publicacións da institución coa incorporación á mediateca de 14 títulos. O CCG mantivo neste ano once itinerancias de cinco exposicións.

Durante este período reforzouse a función asesora da institución. Neste ano realizáronse 7 informes directamente relacionados co impacto que a COVID-19 tivo na cultura galega. O Observatorio da Cultura Galega analizou a situación dos sectores do libro, da música popular e realizou tres análises de conxuntura de maneira global que testaron o sector e as primeiras cifras do impacto no sector producido pola pandemia. Non só a influencia da COVID-19 foi obxecto da función avaliadora, senón que este ano se realizaron dous informes destacados, un sobre o valor do portugués en Galicia e outro sobre o sector teatral galego. A nivel patrimonial, a institución acometeu o informe sobre a situación de Troncoso, 3 informes para a declaración de Ben de Interese Cultural e 43 de impacto ambiental. En total, o CCG emitiu 59 documentos de asesoría con diferentes formatos.