NOTICIA

----

Un informe do Consello da Cultura Galega insta a manter o topónimo Ría de Ribadeo

O Consello da Cultura Galega acaba de emitir un informe no que insta a manter a forma patrimonial Ría de Ribadeo. O documento foi requirido pola Xunta de Galicia trala solicitude de cambio de nome oficial por Ría do Eo presentada polo Principado de Asturias perante o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana. No informe explican que a documentación e cartografía histórica avala a denominación actual e lembran que a toponimia tradicional forma parte do patrimonio cultural inmaterial e, por tanto, todos os organismos están obrigados á súa protección.

O informe, aprobado na Comisión Executiva do CCG con data de 3 de maio, alega que “Ría de Ribadeo é a forma que avalan a documentación e a cartografía históricas ao longo dos séculos. Informes anteriores sinalaron xa a constancia con que se usa este topónimo en mapas e cartas náuticas realizadas en distintos séculos por autores diversos en diferentes países, incluídos organismos oficiais. Unha constancia que excede con moito o uso local e invalida o argumento de que poida tratarse dunha tradición exclusiva da beira occidental”.

Con respecto á solución proposta polo Principado, o informe do CCG considera que a denominación Ría de Ribadeo “non constata unha excepción pois esta non se produciu historicamente de xeito espontáneo: é unha acción de política lingüística que ten como efecto colateral introducir unha anomalía denominativa onde non a había”.
O informe ofrece unha mostra das pegadas históricas do topónimo na contorna e apunta á inconveniencia de alterar sen xustificación histórica as denominacións toponímicas e lembra que a “toponimia tradicional forma parte do patrimonio cultural inmaterial, e por tanto, todos os organismos públicos están obrigados á súa protección”.

Ademais, o escrito lembra que a posición é a mesma que a doutras institucións galegas e non galegas que tamén se pronunciaron no pasado, reiteradamente, sobre este asunto” como son a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, a Real Sociedad Geográfica ou a Comisión Especializada de Nombres Geográficos, “todos eles órganos de estudo formados por expertos”.

Non é a primeira vez que se promove un cambio de nome. En 2015, a petición dunha plataforma Cidadá de Ribadeo, o Consello da Cultura Galega xa emitira un informe coa mesma posición desfavorable que agora ratifica.