NOTICIA

----

Novos números do Repertorio de Prensa da Emigración, que estrea nova periodicidade

O proxecto do Repertorio de Prensa da Emigración pon a disposición da cidadanía neste mes de abril 56 novos números do xornal Galicia, voceiro da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina. Con esta nova entrega múdase tamén a data de actualización deste proxecto que se fixa agora cada terceiro xoves de mes.

Galicia é continuación do xornal El Despertar Gallego, polo que mantén a numeración do seu predecesor, e o primeiro número é o 184. Nesta entrega do Repertorio de Prensa da Emigración publicamos os números editados entre 1930 e 1931.

Esta publicación concede unha especial atención á situación española, con informacións e comentarios sobre a mesma, nos que, a pesar dos cambios de tendencia ideolóxica da Federación, manifesta claramente o seu republicanismo e tras a guerra civil española, a súa oposición á política franquista. Informa das actividades da Federación e das sociedades que forman parte dela ("Crónicas de Sociedades federadas"), noticias de Galicia e da situación da colectividade (criticando a determinadas asociacións polos seus postulados políticos). Tamén inclúe artigos literarios e culturais, que ocupan xeralmente a última páxina da publicación ("Artes y Letras"). Nesta publicación colaboraron voces destacadas da intelectualidade galega como Castelao, Álvaro de las Casas, Andrés Beade, Antón Villar Ponte, Ben-Cho-Shey, Luis Seonae e moitos outros.

O Repertorio de prensa da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega que pon na rede cabeceiras formadas por sociedades de emigrantes co obxectivo de facilitar a investigadores e persoas interesadas no fenómeno migratorio.