Alberto García coordina esta cita que busca “coñecer a cultura de proximidade nos últimos corenta anos”. A sesión está encamiñada a profesionais da xestións cultural, técnicos e técnicas municipais, máis responsables políticos dos concellos galegos.
A cita comeza cun relatorio de Héctor Pose, profesor da UDC e investigador cultural, que se titula “Políticas culturais municipais nos 40 anos de autonomía e retos de futuro”.
De seguido, expoñeranse diferentes experiencias actuais nunha mesa redonda moderada por Dolores Vilavedra, coordinadora da Comisión Técnica. Nela, Carlos Lorenzo, técnico de Cultura e presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, falará do sistema de avaliación da política teatral no concello de Carral; Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica e vicepresidente da Deputación da Coruña, abordará o desenvolvemento local no concello de Carballo; Luis Bará, exconcelleiro en Pontevedra e exdirector xeral de Cultura da Xunta explicará o como se deseñou o modelo Pontevedra. Por último intervirá a portuguesa Cláudia Leite, que explicará os proceso da candidatura á Capitalidade Cultural Europea de Braga.
A sesión de mañá remata cun obradoiro práctico sobre cultura sustentable guiado por Encarna Lago, xerente da Rede Museística de Lugo, no se que explicará como se aplican os criterios da Axenda 2030. Esta axenda, e os seus Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) son un referente ético e operativo que debe inspirar a acción de todos os gobernos e da propia cidadanía. A xornada conta cunha sesión de tarde, previa solicitude, con Cláudia Leite.
Comisión técnica temporal de Xestión e Políticas Culturais
Esta é unha actividade da Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais, coordinada por Dolores Vilavedra e composta por membros como Xavier Campos, Marián Fernández, Marcos Lorenzo, Alberto García ou Agar Ledo. Entre as súas actividades recentes está o ciclo “Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19”, as “Xornadas de mediación cultural” ou “Filmotecas e patrimonio audiovisual”.



