Xulia Minguillón
Lugo, 17/ 7/1906 - Madrid, 20/8/1965Autoría: Concepción Sabucedo
Unha das pintoras máis recoñecidas na España da posguerra
Cando volve a Lugo con 17 anos, en 1923, fai o retrato dun coñecido vendedor de xornais, Cascarilla. O lenzo, exposto nun escaparate local, tivo un grande éxito. Xulia consegue unha bolsa de estudos da Deputación, coa que vai a Madrid. Orienta os estudos cara á escultura pero un desengano lévaa a optar pola pintura. Na Escola de Belas Artes ten como mestres a Cecilio Pla e Manuel Benedito.
Co estalido da guerra a artista abéirase na casa paterna de Vilanova de Lourenzá, segura entre a súa familia, de recoñecida filiación dereitista. Daquela inicia relacións co redactor-xefe de El Progreso, Francisco Leal Insua, co que casa o 8 de decembro de 1939.
Xuntos marchan a Lugo. Alí pinta e participa na organización de actividades culturais da Sección Feminina, pero pronto inicia un percorrido vital determinado polos destinos profesionais de Francisco: Vigo desde 1948 e Madrid en 1961.
Paralelamente desenvolve unha intensa actividade pictórica como retratista de prestixiosos personaxes da sociedade galega, entre a que conta con moitos amigos.
No ano 1961, cando Leal Insua é destinado a Madrid como xefe de redacción de Mundo Hispánico, ela ségueo. Continuarán sendo compañeiros durante pouco máis de catro anos xa que o 20 de agosto do ano 1965 Xulia morre tras un ano de penosa enfermidade e é soterrada no cemiterio madrileño de San Xusto.
A artista é a única muller que obtivo a primeira medalla de Primeira Clase nunha Exposición Nacional de Belas Artes. Foi a do ano 1941, grazas á súa obra máis coñecida: A escola de Doloriñas. Desde 1941 volvéranse organizar as Exposicións Nacionais e ese foi o escaparate en que Xulia logra importantes éxitos. Estas eran un mostrario oficial do Réxime nas que participaban case sempre os máis afíns. Os outros, os opositores, fuxiron, morreron ou foron rexeitados.
A pintura figurativa de Xulia adecuábase ao gusto estético da posguerra. Traballou coa paisaxe, os retratos, escenas cotiás, alegóricas e algún tema relixioso. O resultado defínese polo excepcional dominio técnico, a constante preocupación polas composicións equilibradas, os puntos de vista elevados e o uso de cores suavemente integradas. Son cadros en que non esquece a realidade, que é a fonte de inspiración, nin a figura que ás veces xeometriza, cun claro protagonismo feminino. A súa é unha realidade peneirada na que o espectador non ve nin miseria, nin amargura; algúns denomínana estética da felicidade.
Déronlle sona os retratos. Moitas das súas encargas eran de fillas e esposas destacadas na elite dos anos corenta e cincuenta das cidades onde viviu (Clementina Bussman, as irmáns Regojo, etc.). Cadros-ornamento nos que a clientela sempre se ve agradablemente reflectida, en actitudes relaxadas.
Desde o ano 1933, en que expuxo por vez primeira no Concurso Nacional de Retratos, Xulia participou en varias exposicións. Conseguiu unha terceira medalla na Exposición Nacional de 1934 coa obra Xesús con Marta e María e o Primeiro Premio do Círculo de Belas Artes de Madrid en 1948 coa obra Xuventude. A súa linguaxe serviu na posguerra como mostra do gusto estético da nova España e expúxose en Berlín, na Bienal de Venecia do ano 1942 e tamén en Lisboa e Bos Aires. O seu nome figura entre as mulleres académicas correspondentes da Real Academia Galega. Hoxe en museos como o Provincial de Lugo podemos achegarnos á herdanza pictórica desta singular artista.
Como citar: Sabucedo, Concepción : Xulia Minguillón. Publicado o 1/1/2007 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2594. Recuperado o 19/04/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Entrevista a Xulia Minguillón.. Ver Documento
Fonte: «Las pintoras hablan de pintura. Julia Minguillón responde a nuestra encuesta». La noche. Suplemento del sábado, Santiago de Compostela 1949-1950. (Ed. Facs). N. 10 (1940). P.5.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Materiais da exposición Mulleres do silencio. De Maruja Mallo a Angela de la Cruz (14 outubro 2016 – 16 abril 2017). Comisaria: Rosario Sarmiento. Ver Documento
A exposición Mulleres do silencio presentou obras de Mónica Alonso, Berta Cáccamo, Elena Colmeiro, Carmen Corredoyra y Ruiz de Baro, Mª Antonia Dans, Angela de la Cruz, María Victoria de la Fuente, María Xosé Díaz, Lolita Díaz Baliño, Almudena Fernández Fariña, Mª Elena Fernández-Gago, Menchu Lamas, Maruja Mallo, Fina Mantiñán, Tatiana Medal, Julia Minguillón, Rosalía Pazo Maside, Soledad Penalta, Pamen Pereira, Beatriz Rey, Mercedes Ruibal
Fonte: marcovigo.com
CARBALLO-CALERO RAMOS, María Victoria (1992): «Julia Minguillón, vintecinco anos depois». Ver Documento
Artigo de publicado en MARCO, Aurora (1992): Actas do Simposio Internacional Muller e Cultura, Universidade de Santiago de Compostela
Fonte: exemplar da Biblioteca do CCG
Epitafio da tumba de Xulia Minguillón. Ver Documento
Francisco Leal Insua mandou colocar este epitafio na tumba da pintora
Poema de Noriega Varela para Xulia Minguillón. Ver Documento
Noriega Varela escribe para Xulia o poema «A espiña d´o verde toxo», publicado na edición do ano 1946 do poemario D´o Ermo
Ligazóns de interese
Acceso en liña á publicación Mulleres do silencio: de Maruja Mallo a Ángela de la Cruz. Pontevedra: Deputación Provincial, 2019
Fonte: http://almudenafernandezfarinha.com/almudena/wp-content/uploads/2021/07/MulleresDoSilencio2019.pdf [Consulta: 2023-07-24]
Acceso ao catálogo da exposición A arte inexistente: as artistas galegas no século XX. Santiago de Compostela: Auditorio de Galicia, 1995
Julia Minguillón no web de A Fundación
[última consulta: 15/12/2021]
Julia Minguillón na wikipedia
[última consulta: 15/12/2021]
Julia Minguillón y La Escola de Doloriñas, patrimonio etnográfico y antropológico de Galicia.
Artigo de María Fidalgo Casares
[última consulta: 15/12/2021]
Julia Minguillón no Museo do Prado
[última consulta: 15/12/2021]
Julia Minguillón no web de pintores y escultores
[última consulta: 15/12/2021]
Referencias bibliográficas
- CARBALLO-CALERO RAMOS, M.ªV., Julia Minguillón, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1984.
- CARBALLO-CALERO RAMOS, M.ªV., LEAL INSUA, F., Julia Minguillón: período de 1934-1964, 30 años de pinturas. Decembro de 1991 (catálogo da exposición), A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 1991.
- LEAL INSUA, F., Julia Minguillón. Antología Testimonial sobre la obra de Julia Minguillón, Madrid, Galería Kreisler, 1968.
- MUÑOZ LÓPEZ, P., Mujeres españolas en las artes plásticas, Madrid, Síntesis, 2003, p. 170-173.
- SOTO, J., Julia Minguillón, Santiago de Compostela, Dirección Xeral de Promoción Cultural, 2000, (A nosa memoria).
Artigos Xulia Minguillón
MINGUILLóN, X. (3/2006) A Tyla e mais eu, 1943 | Exeria. (6), 15.
MINGUILLóN, X. (3/2006) Retrato de Churra Gil, 1946 | Exeria. (6), 15.
MINGUILLóN, X. (3/2006) O baño ou as pombas, 1945 | Exeria. (6), 15.