María Salvado
Budiño (O Pino, A Coruña), 9/ 4/1950 - Santiago de Compostela (A Coruña), 11/11/2024Autoría: Antón Lopo
O valor solidario da liberdade: só o amor logra salvarnos
A súa forza non emanaba da consistencia física [era suave, lixeira] senón da súa xenerosidade. Exerceuna sobre todo nas escolas do rural galego, onde suplía co seu soldo as necesidades económicas da rapazada ou utilizaba o seu entusiasmo para descubrirlle ao alumnado o valor solidario da liberdade.
Activista política e sindical, lectora profunda e fascinada polo cine, intuitiva empírica, audaz na estética, compañeira na exploración de escritores e artistas, apaixonada da imaxinación erótica, axitadora no debate para eliminar as mafias do narcotráfico coa legalización dos psicotrópicos, defensora dunha forma natural de convivencia no nudismo, figura lendaria nos tempos míticos da Illa de Ons, viaxeira incansable [chegou a estar retida en Paquistán acusada de espionaxe], mecenas en proxectos de fraternidade, amiga das súas amizades e das persoas [coñecidas ou non] que antempoñen o interese comunal ao do individuo, María Salvado traballou sempre para construír un mundo máis amplo, xusto e escintilante:
Nacida en Budiño [O Pino, 1950] e falecida en Compostela [2024], María Salvado é unha das figuras fundamentais da renovación pedagóxica galega desde finais da década de 1960, cando comeza a exercer como mestra no Freixo [Concello de Outes]. Acababa de cumprir 18 anos [daquela aínda era menor de idade] e non tardou en converterse nun dos símbolos do cambio democrático que se aveciñaba. A súa aposta pola autonomía do alumnado como fonte de coñecemento e o compromiso coas persoas menos favorecidas déronlle luz propia na descomposición orgánica do franquismo. A este compromiso social e pedagóxico uníase o seu carácter reivindicativo. De feito, foi a primeira mestra en retirar o retrato de Franco e o crucifixo dunha aula pública, o cal orixinou un conflito de grande aparataxe.
A súa xuventude permitiulle tecer un nó entre o mestrado progresista que sobrevivira ao sistema educativo da ditadura e as xeracións novas que aspiraban a superar as limitacións do réxime de 1936.
Despois de estudar maxisterio, formou parte da primeira promoción de licenciados da Facultade de Pedagoxía, etapa na que entra en contacto con Herminio Barreiro, filósofo e pedagogo que a guiou nos primeiros pasos teóricos. Seguidora das prácticas de Célestin Freinet, María Salvado propuxo unha escola ao servizo das clases con menos recursos, participativa, coa razón como eixo fronte á submisión e a obediencia. Influíuna tamén Jean Piaget ou María Montessori, pero sobre todo Rosa Sensat, que propiciou unha educación de conexión co feminismo e coa ecoloxía, principios que ela puxo por diante sempre, ao par da demanda dos dereitos sociais.
En 1983, xunto a un grupo de pedagogos, promoveu Nova Escola Galega, movemento de base, aínda hoxe en funcionamento, que ten entre os seus obxectivos primordiais os de construír un sistema educativo galego, público e democrático.
A actitude, firme e nada compracente, púxoa na senda da acción política. Participou na creación da Unión de Traballadores do Ensino Galego (UTEG), o primeiro sindicato do ensino que houbo no país, e impulsou, posteriormente, unha alternativa a esta formación co Sindicato Galego de Traballadores do Ensino (SGTE), articulado desde o nacionalismo plural.
Licenciada tamén en psicoloxía, María Salvado formou parte dos equipos psicopedagóxicos de apoio, que cambiaron de maneira irreversible a atención á diversidade nos centros de ensino. Xunto a Teresa Núñez, formou unha rede de grande eficacia ao servizo da educación pública –que consideraba a base imprescible da igualdade– pero tamén de soporte ás persoas con maiores urxencias pedagóxicas.
Esta vertente foi inseparable da súa participación noutros ámbitos. Fundou o Partido Obreiro Galego (POG) e participou en Unidade Galega, coalición que uniu electoralmente ao POG co PSG e o PG. Logo, implicouse na posta en marcha de Esquerda Galega (EG) e nos movementos feministas. Non abandonou o pulso político ata o último alento da vida.
No cultural, desempeñou un labor esencial como mentora de diferentes xeracións de poetas. O seu papel resultou clave, así mesmo, como ponte entre Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda con Galicia durante os anos que viviron en Cuba. En 2015 participou no nacemento de Chan da Pólvora na Illa de Ons. Foi o aval da libraría, vinculada ao proxecto común, e asinou como subscritora fundadora da editorial. Impulsou de maneira definitiva a creación da Horta das Chas [onde repousan as súas cinzas], que desde a súa inauguración en xuño de 2020, supuxo a apertura en Compostela dun ámbito privado de grande interese e singularidade. Trátase dun predio de seiscentos metros cadrados da súa propiedade que forma parte dunha área de autocultivos entre as rúas Quiroga Palacios, Vedor, Ferreiro Leis, Clavixo e Fraguas. A horta é a sede de Chan da Pólvora Editora e a súa aposta espefísica de eco-poesía para a cidade.
A última aparición pública de María Salvado foi, precisamente, nun acto de Chan da Pólvora Editora: a presentación en Númax da antoloxía Prefiro condenarme, de Margarita Ledo, unhas semanas antes da súa morte. O acto converteuse, de maneira espontánea, nunha emotiva homenaxe onde ela recibiu unha longa ovación polo seu contributo.
Da memoria que nos deixa permanecerá o seu entusiasmo, a súa xenerosidade, o amor, a enerxía e a compaña da súa conversa polas rúas de Compostela. A historia da cidade non sería a mesma sen a súa figura imborrable. Varias xeracións non serían as mesmas sen a súa pegada pedagóxica. A poesía galega non sería a mesma sen a súa acción.

Só o amor logra salvarnos, dicía, e ela amou máis do que poden determinar as leis.

Como citar: Lopo, Antón : María Salvado. Publicado o 11/11/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=36182. Recuperado o 23/01/2026
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Capítulo dedicado a María Salvado no libro Mulleres en Compostela, de Encarna Otero e Daniel Pagáns. Ver Documento
«María Salvado López». En Otero Cepeda, Encarna; Pagáns, Daniel: Mulleres en Compostela. Volume 2. Santiago de Compostela: elpatitoeditorial, 2024; 28-29.
Fonte: Consello da Cultura Galega. CDIF.
Ligazóns de interese
«Adeus en Santiago a María Salvado, referente na renovación pedagóxica galega e impulsora da editorial Chan da Pólvora», artigo publicado na edición dixital de La Voz de Galicia, (12 de novembro de 2024)
Fonte: La Voz de Galicia.
https://www.lavozdegalicia.es
«Homenaxe a María Salvado no aniversario de Chan da Pólvora, un proxecto que ela impulsou», na web de Chan da Pólvora
Fonte: Editorial Chan da Pólvora.
https://chandapolvora.gal
«Falece a activista cultural María Salvado», nova do pasamento en Culturagalega.gal, (12 de novembro de 2024)
Fonte: Consello da Cultura Galega. Culturagalega.gal.
https://culturagalega.gal
«Morreu María Salvado», nova do pasamento de María Salvado na web da editora Chan da Pólvora
Fonte: Chan da Pólvora.
https://chandapolvora.gal