África Leira
Ferrol, 6/ 2/1948 - Burela, 3/9/2025Autoría: Mercedes Teixeiro
Autoría: Luísa Cuevas
Luz rebelde na memoria galega
Nese último ano, trasládase a Compostela, dá comezo a súa colaboración militante e gratuíta no xornal A Nosa Terra e continúa traballando na delegación de Extensión Agraria desta cidade. O seu traballo lévaa a asistir a feiras agrícolas, nas que contacta con empresas e cooperativas produtoras e estabelece os vínculos que están na base da creación, anos despois en Madrid, dunha rede galega de compra de espárragos e pementos de Nafarroa, de viño Rueda e outros produtos.
En 1984 pide o traslado a Madrid, concédenllo e fica alí 15 anos. Coñece a Luisa Cuevas Raposo, coa que militará en diversos movementos sociais e na loita internacionalista. Desde o Colectivo de Solidariedade con Nicaragua da Comisión Anti-OTAN, inserido na Coordinadora Estatal de Organizaciones Pacifistas (CEOP), loitan contra a guerra imperialista e organizan brigadas coas que ao longo de varios anos viaxan centos de persoas. Acollen a compañeiros e compañeiras encargadas de recoller fondos e recursos para as emisoras Radio Venceremos e Radio Farabundo Martí, vitais para que en 1989 callase a ofensiva final no Salvador. Amais disto, en 1987, África colabora co Ejercito Revolucionario del Pueblo -Frente Farabundo Martí para la Liberación Nacional (ERP-FMLN) do Salvador para a creación dunha infraestrutura de apoio no Estado español.
Xa a finais de 1993, África vai por primeira vez a Cuba nunha viaxe organizada por Sodepaz que comparte, entre outras persoas, con Jimena Alonso, unha histórica nas loitas feminista e antifascista. Sempre solidaria coa Revolución e contra o bloqueo, volverá a Cuba en varias ocasións; unha delas xorde da súa colaboración coa Coordinadora Estatal de Solidaridad con Cuba (CESC) en novembro de 1994, que a leva á Habana como parte da delegación de Madrid no 1° Encontro Mundial de Solidariedade. Alí coincide con Moncho Leal e Luz Fandiño, que participaban en nome da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil. No mes de abril do ano seguinte, xunto con Esther Hernando e outras cinco mulleres da Plataforma de Solidaridad con Chiapas do Estado español, viaxa a San Cristóbal de las Casas co fin de protexer as poboacións indíxenas nos territorios de implantación do Exército Zapatista de Liberación Nacional. Neste sentido, xunto co Centro de Dereitos Humanos Fray Bartolomé de las Casas coordinan a creación dos Campamentos de Paz nas comunidades indíxenas da Selva Lacandona e de Los Altos no estado de Chiapas. Un proxecto que, en 2026, continúa activo.
En abril de 1996 viaxa con Luisa Cuevas a Oaxaca en representación de Sodepaz, convidadas pola Liga Mexicana por la Defensa de los Derechos Humanos, para asistir á constitución do Frente Amplio para la Constitución del Movimiento de Liberación Nacional (FAC-MLN) e formar parte da delegación internacional que actuaba de escudo humano.
Así mesmo, África, con esa xenerosidade e o seu decidido compromiso social, converteuse nun referente imprescindíbel do movemento antirrepresivo galego desde finais dos anos 80 e anos 90.
En maio de 1988, varias persoas foran detidas por pertencer ao Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC) e enviadas a Madrid para declarar ante a Audiencia Nacional. Resultaron acusadas de formar parte de bandas armadas e outros delitos, e foron encarceradas. A reacción de África e mais a de Luisa Cuevas e Blas consistiu en organizar a Junta Galega pola Amnistía (JUGA) na dita localidade. Visitan os cárceres de Alcalá-Meco, Ávila, Cuenca e Manzanares, acollen as familias nas súas propias casas, organizan quendas de visita, coordinan o equipo de avogacía que presenta recursos polo incumprimento do réxime penitenciario e as violacións dos dereitos humanos, e chegan a entrevistarse con Manuela Carmena, daquela xuíza de Vixilancia Penitenciaria. Tamén, todos os domingos, durante 10 anos, montaron un posto no Rastro para informar da situación das presas e presos e vender produtos confeccionados nos cárceres para poder financiar a actividade do colectivo. En 1989 implícanse na creación da Coordinadora Antifascista de Madrid para denunciar e dar resposta aos constantes ataques fascistas dos que son obxecto os postos políticos de Tirso de Molina, as persoas inmigrantes ou os locais de reunión e bares alternativos dos barrios de Madrid. Amais disto, organizan xantares e festas de Entroido nas casas «okupadas», nomeadamente no Centro Social Okupado Minuesa, e palestras informativas sobre a situación nos cárceres. Recibiron o apoio de moitas galegas e galegos residentes aló, así como de moitas outras persoas e militantes noutros movementos sociais. Tamén apoiaron o colectivo dos GRAPO na prolongada folga de fame que protagonizou en 1989, participaron nas mobilizacións contra a dispersión articuladas por Gestoras pro Amnistía de Euskal Herria e entre o 1 e 8 de febreiro de 1997 fixeron a folga de fame rotativa do Buen Pastor durante a quenda correspondente ao organismo internacionalista Askapena, e estiveron na gran manifestación unitaria e reivindicativa a prol dos dereitos de todas as presas e presos con remate en Anoeta, datada en abril de 1998. Asistiron, tamén, a varias Marchas a Herrera de la Mancha, penitenciaría á que, anos despois, África volvería en moitas ocasións para visitar o seu bo amigo Martiño.
En recoñecemento da súa solidariedade, cariño e xenerosidade nos seus anos de loita antirrepresiva e de apoio ás persoas presas, en 1999 as JUGA organízanlle un acto de homenaxe en Ferrol, no antigo local da Artábria.
A conciencia de clase é outra das características de África, sempre solidaria coas traballadoras e traballadores. En Madrid participa nos piquetes informativos da folga xeral do 28 de maio de 1992 contra a reforma do subsidio de desemprego ou na do 27 de xaneiro de 1994 contra a reforma laboral.
En 1999, de novo, pide o traslado e regresa á terra con moita enerxía e ledicia. Mais antes de entrar nesa etapa da súa vida, cabe indicar que nos seus anos en Madrid non todo foi militancia. Son inesquecíbeis os xantares na súa casa, as interminábeis sobremesas, as ceas dos sábados no Melos comendo croquetas e bebendo, ou as conversas e bailes ata o amencer no Latino de Lavapiés.
De volta en Galiza, o seu activismo feminista lévaa a implicarse en Mulheres Nacionalistas Galegas, na Marcha Mundial das Mulleres e en Mulheres Transgredindo, nomeadamente no programa que esta organización desenvolve en Radio Calimera [máis información nas ligazóns desta entrada]. Ademais, nas súas continuas viaxes a Madrid, faise asidua da Fundación Feminista autoxestionada Entredós, onde se reúne coas amigas activistas da «capital» coas que nunca perdeu o contacto.
Implícase, tamén, no independentismo de base. Intégrase na dinámica da Assambleia Popular en Compostela (APC) e no Proceso Espiral, no que derivaron o conxunto de Assambleias Populares, activas ademais na Coruña, Ferrol e Trasancos. O seu compromiso co movemento antirrepresivo e de apoio ás presas independentistas e ás súas familias continúa. Forma parte de Ceivar e asiste aos roteiros organizados pola Coordinadora Galega de Roteiros (COGARRO).
África toma a decisión de xubilarse con 63 anos a causa do acoso laboral do que estaba a ser obxecto. Nese momento, viaxa a Venezuela. Fascinada polo proceso bolivariano, decide instalarse alá. Establécese en Chichiriviche, participa da estruturación do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV) e colabora co movemento bolivariano de base no estado de Falcón en tarefas como a planificación e entrega de vivendas dignas ou a creación dun sistema de saúde público. Así mesmo, no contacto con diferentes organizacións internacionalistas a través da Coordinadora Simón Bolívar, converte a súa casa nun punto de referencia para militantes de América Latina, do Estado español e persoas refuxiadas vascas e colombianas. En 2012, cando se están a desenvolver as negociacións de paz entre as FARC e o Goberno colombiano, participa na Marcha Patriótica en Bogotá. Xa en 2020, en plena pandemia, tras moitos atrancos, regresa a Galiza.
De novo en Compostela, é habitual atopala nas terrazas da rúa dos Concheiros e do barrio de San Pedro, sempre disposta a convidar a unha rolda.
O 12 de agosto de 2023, un grupo de amigas e amigos de Ferrol recoñecen a súa xenerosidade e solidariedade nun acto en que se lle fai entrega dun cadro de Leandro Lamas dunha muller coa bandeira da patria.
Loitadora incesante, participa nas manifestacións contra ALTRI, nas concentracións contra os asasinatos machistas, nas convocadas pola Plataforma de Pensionistas, nos actos a favor de Palestina... O activismo internacionalista levouna a asistir, ademais, en multitude de ocasións á Festa do Avante! en Lisboa. A derradeira foi en setembro de 2024, cando se cumpría o 50 aniversario desta convocatoria.
No seu último ano de vida participa, entre outras accións, na cadea humana organizada por Ceivar o 24 de xullo, é unha das oradoras do programa proposto polo Projeto Estreleira para celebrar o Día da Patria, asiste o día 12 de agosto ao acto de homenaxe a Moncho Reboiras organizado pola UPG en Ferrol.
Morreu como viviu, activa e combativa, transgresora e subversiva, fiel aos seus compromisos, insubornábel como nacionalista e feminista.
Marchou de xeito discreto, sen facer ruído, da mesma forma coa que loitou polas causas que consideraba xustas, sen esperar recompensa ningunha. A súa discreta militancia de base contrasta coa súa forte personalidade. Alí onde estiver, non pasou desapercibida.
Agradecemento a Clara Martíns Domingues polo contacto
Como citar: Teixeiro, Mercedes : Cuevas, Luísa : África Leira. Publicado o 26/3/2026 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=36763. Recuperado o 01/04/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Internacionalismo lembra África Leira no Centro Social La Maliciosa de Madrid . Ver Documento. Artigo
Publicado en Galiza livre (febreiro 2026)
Fonte: galizalivre.com
África Leira, recordada a várias vozes no passado sábado no bairro de Sam Pedro. Ver Documento. Artigo
Nova publicada en Galiza livre (novembro 2025).
Fonte: galizalivre.com
África Leira tem já um acivro que a recorda no monte Sam Roque de Viveiro . Ver Documento. Artigo
Nova publicada en Galiza livre (novembro 2025).
Fonte: galizlivre.com
TEIXEIRO, Mercedes: «África Leira. Sem as mulheres non ha revoluçom» . Ver Documento. Artigo
Artigo publicado en Novas da Galiza, 240 (Setembro e outubro 2025); 4.
Fonte: novas.gal
África Leira: “na militáncia, nunca figem caso nengum aos chefezinhos com ánsia de mandar”. Ver Documento. Artigo
Reprodución do parladoiro de África Leira con mozas arredistas recollido no libro Palavras sem maiúsculas. Experiências militantes na Galiza (1970-2005), editado pola Escola Popular Galega Popular Galega en 2008 e reproducido en 2025 en Galiza livre.
Publicado en Galiza livre (2025).
Galiza despide África Leira, militante galega inquebrantável. Ver Documento. Artigo
Publicado en Galiza livre (2025).
Fonte: galizalivre.com
LEIRA, África; CAAMANHO, Begonha: Carta a Martinho das súas vellas amigas e compañeiras.. Ver Documento. Artigo
Texto lido na homenaxe organizada en Ferrol pola Fundaçom Artábria en novembro de 2011 no aniversario do pasamento de José Manuel Sanmartín Bouça (Martinho)
Fonte: Fundaçom Artábria
Comunicado de Askapena con motivo da folga de fame del Buen pastor (19/01/1997). Ver Documento. Artigo
Fonte: Luísa Cuevas e Mercedes Teixeiro
Ligazóns de interese
En memoria de África Leira Sanmartín (06/09/2025)
Falece a histórica nacionalista África Leira. Artigo de Cilia Torna publicado en Nós diario (04/09/2025)
Falece a histórica militante África Leira Sanmartín. Nova publicada en El Correo Gallego (04/09/2025)
Mulleres Transgredindo no Álbum de Galicia (07/03/2023)
Begoña Caamaño no Álbum de Galicia
Pencha Santasmariñas no Álbum de Galicia
Ligazóns
Biobibliografía. Biografía enriquecida con bibliografía, webgrafía, vídeos e fotografías
[última consulta: 19/11/2025]
Videos
Da Galiza vaite xa! (maio 2004)
Vídeo de Berrobambán no que participan militantes como África Leira Sanmartín entre outras. Critica ás versións de Galicia como a terra soñada ou como o Paradiso verde ao servizo do turismo. Denuncia o impacto ambiental dos eólicos, do predominio do cemento e do formigón, o deterioro, en fin, dos recursos naturais baixo a falsa promesa dun futuro mellor.
África Leira, entrevistada na Marcha por la Paz MCB (12/04/2013)
O cantante Ruben Vargas “El pollo de falcón” compón este tema en homenaxe a África Leira con motivo do seu pasamento (2025)
Fonte: Luísa Cuevas e Mercedes Teixeiro
Até sempre África!.... Vídeo homenaxe a África Leira Sanmartín (Compostela, novembro 2025).
Gravación: Zelia García
Edición: Gravidade 0.0
Homenaxe a África Leira Sanmartín (Madrid, 7 de febreiro de 2026)
Montaxe: Santiago Botana























