Maruxa Villanueva
Barrela, 1906 - Santiago de Compostela, 24/11/1998Autoría: Pilar Cagiao
Cantante, actriz e profundamente namorada de Galicia
Neses anos coñece ao que será co tempo o seu marido, o dramaturgo estradense Daniel Varela Buxán, que daquela se iniciaba como autor teatral. Varela convidouna a cantar na estrea da súa primeira obra titulada "Se o sei... non volvo á casa" no Teatro Maravillas de Bos Aires, moi frecuentado pola colectividade galega. Era o ano de 1938 e así botaba a andar a Compañía de Teatro Aires da Terra, na que tamén participaba outro galego ilustre das artes escénicas, o ourensán Fernando Iglesias, máis coñecido como Tacholas. Dese primeiro contacto derivou unha relación profesional cada vez máis intensa, ata o punto de que Varela Buxán convenceu a Maruxa para formar unha compañía estable que levase o seu nome (Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva). Esta compañía puxo en escena, ademais de Os Vellos non deben namorarse de Castelao (1941), a práctica totalidade da produción dramática do autor da Estrada. Algunhas destas pezas, con Maruxa como primeira actriz, chegaron a ser representadas en máis de cen ocasións en teatros de Bos Aires e Montevideo, onde precisamente Maruxa casou con Varela Buxán en 1941. O matrimonio separouse temporalmente en 1946, xuntouse de novo catro anos despois e en 1958 produciuse a súa ruptura definitiva como parella, aínda que mantiveron unha estreita relación ata a morte do escritor.
Durante os longos anos que botou na Arxentina trabou amizade con Salvador de Madariaga, Eduardo Blanco Amor, Xavier Bóveda, Ramón D.Villar, Castelao, Alberto Vilanova e sobre todo, coa pianista e soprano arxentina Maruja Iniesta.
En 1949, regresou á terra, non sin recibir antes unha gran homenaxe na Casa de Galicia de Buenos Aires. Aquí intentou reproducir as actividades culturais desenvolvidas na Arxentina, aínda que atopou moitas dificultades. A súa amizade con Otero Pedrayo deulle a oportunidade de facer unha actuación musical no Círculo das Artes de Lugo con grande éxito. A esta, e sempre introducida por persoeiros importantes da cultura galega, seguiron outras en Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. En 1953, retomou tamén a actividade teatral cunha pequena compañía, "Os Labregos", dirixida por ela, integrada por xente nova da súa parroquia natal. Aínda que as actuacións que fixeron tiñan fins filantrópicos, a censura franquista rematou coa súa actividade.
Anos máis tarde, en 1958, desencantada polos problemas existentes en Galicia para desenvolver o seu labor, Maruxa volve a Bos Aires onde permanece case catro anos. Prodúcese unha nova decepción, xa que na colectividade galega e na propia Arxentina, a actividade cultural decaera moito. Aínda así, durante eses anos integra o trío vocal "Rosalía de Castro", xunto coas sopranos arxentinas Elsa de Zoppo, e a súa grande amiga Maruja Iniesta.
En 1962 retorna definitivamente a Galicia e despois dunha breve estadía na Barrela, instálase durante un tempo en Ribadavia cuns sobriños. Trasládase a Santiago en 1969 e pouco despois entra en contacto co Padroado Rosalía de Castro, participando na súa Comisión de Donas e colaborando na obtención de fondos para restaurar a casa da Matanza e facer o museo. Cando en 1971 o Dr. Agustín Sixto Seco foi elixido presidente do Padroado, propúxolle a Maruxa atender a Casa Museo, o que fixo viaxando desde Santiago, onde viviría ata 1974. Desde ese ano instalouse definitivamente en Padrón, dedicando todo o seu tempo á casa e á obra de Rosalía e converténdose nunha auténtica especialista no tema. Gracias á súa mediación, ao ano seguinte, Televisión Española emitiu unha versión de La hija del Mar.
En decembro de 1990 viaxou por última vez a Arxentina enviada polo Padroado para entregar unha axuda económica ao seu grande amigo e colega nos escenarios teatrais, Fernando Iglesias "Tacholas". Nesa ocasión a Asociación de Mos de Bos Aires fíxolle unha sentida homenaxe. Non foi a última, xa que polo seu labor cultural Maruxa Villanueva obtivo en vida moitas distincións. Entre outras, unha das máis entrañables, foi a homenaxe recibida na súa aldea natal da Barrela en 1991, o mesmo ano no que a Xunta de Galicia lle impuxo a Medalla Castelao. En 1993 foi nomeada presidenta honoraria da Asociación polos Dereitos do Emigrante Galego de Bos Aires. Recibiu tamén postumamente o premio María Casares de teatro.
Maruxa Villanueva, finou no Hospital de Conxo de Santiago de Compostela o 24 de novembro de 1998 os noventa e dous anos de idade.
Como citar: Cagiao, Pilar : Maruxa Villanueva. Publicado o 1/1/2006 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4052. Recuperado o 21/04/2025
DOCUMENTACIÓN DE
Maruxa Villanueva.
Maruxa Villanueva desenvolve unha destacada carreira de actriz e cantante en Arxentina, onde emigra aos vinte anos. A súa intensa relación coa colectividade galega adquire un forte compromiso tanto nos aspectos sociais coma na defensa e prestixio da cultura galega, especialmente nos eidos do teatro e da música. Logo trasladaría ese compromiso na súa volta a Galicia, onde foi a coidadora da casa de Rosalía de Castro, en Padrón, desde 1971, e exercendo desde alí unha gran labor de difusión da vida e obra de Rosalía de Castro, e que deixou pegada en miles de escolares que visitaron a casa.
Os tres documentos sonoros que se ofrecen dan conta de toda esta convicción e compromiso: como cantante, como intérprete da obra de Rosalía de Castro e, finalmente, nunha longa entrevista, onde reúne os temas que resumen a súa vida (emigración, Varela Buxán, poesía, Castelao…).
Nai chorosa
A voz aquelada de Maruxa Villanueva canta o poema “Nai chorosa”, de Avelino Díaz, recollido en Debezos, primeiro poemario escrito en galego despois da Guerra Civil e publicado en Bos Aires en 1947. Neste disco de Odeón, publicado en 1944, aparece titulado como “Bágoas de nai”. Cabe destacar que a publicación do disco conta co apoio da Casa de Galicia de Bos Aires. A dor da emigración é o tema central do poema.
Duración: 02' 49''
Sinatura: ASG-OO-0041-B
Fondo: Colección Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
Tecín soia a miña tea
O 12 de febreiro de 1985, en Vigo, Maruxa Villanueva participa no acto poético dedicado a Rosalía de Castro con motivo do centenario do seu falecemento. Presentada polo profesor Alonso Montero como a “Maestresa da Casa Museo Rosalía de Castro”, a actriz e cantante ofrécenos a sentida lectura dun texto de mocidade de Rosalía de Castro e o recitado do poema “Tecín soia a miña tea”, recollido en Follas novas.
Duración: 05'15''
Sinatura: ACRN00214_01
Fondo: Fondo RNE. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
Entrevista a Maruxa Villanueva
Maruxa Villanueva, dende a Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, fai un repaso pola súa longa traxectoria vital. Cunha memoria prodixiosa e coa distancia que permiten os anos, a “Musa da galeguidade” opina de antes (emigración, República…) e de agora (teatro galego, situación da muller…). A entrevista, conducida por C. Pujales o 16 de outubro de 1996, está chea de tenrura e simpatía, libre de calquera remorso.
Duración: 1h 20'06''
Sinatura: CASG-ENT-0010
Fondo: Colección Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
O relato dun longo compromiso por Galicia
Ligazóns de interese
Nova sobre os inicios do Premio Maruxa Villanueva, do que formou parte Rubén García
Fonte: http://culturagalega.gal/noticia.php?id=394 [Consulta: 2022-06-03]
Maruxa Villanueva na Web da Fundación Rosalía de Castro
[última consulta: 29/07/2021]
Maruxa Villanueva en Historia das nosas mulleres ourensás
[última consulta: 29/07/2021]
Maruxa Villanueva recita a Rosalía no programa Luar en 1998
[última consulta: 29/07/2021]
Audios
Alalá: Voz de Maruxa Villanueva
Rosalía 1: Maruxa Villanueva recitando a Rosalía
Rosalía 2: Maruxa Villanueva recitando a Rosalía
Referencias bibliográficas
- DOURADO DEIRA, M., “En memoria de Maruxa Villanueva”, Encrucillada, T. 22, n.º 110 (1998), p. 510-512.
- HEINZE, U., Mulleres Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1991.
- LIÑARES GIRAUT, X.A., REY LAMA, G. (ed.), Maruxa na Casa-Museo de Rosalía. Lembrando a Maruxa Villanueva (1906-1998), Padrón, Fundación Rosalía de Castro, 1999.
- POCIÑA, A., LÓPEZ, A., Conversas con Maruxa Villanueva na Casa de Rosalía, A Coruña, Hércules, 1995.
- VV.AA.: Entrevista nº 1072, Fondo HISTORGA (AHUS/AEG) realizada por Pilar Cagiao Vila a Maruxa Villanueva en Padrón o 17 de xuño de 1997.
Artigos Maruxa Villanueva
VILLANUEVA, M. (11/1945) Rosalía | Airiños. 1ª (5), 48.