Aurichu Pereira
Santiago de Compostela (A Coruña), 15/ 1/1940 - Santiago de Compostela (A Coruña), 1/11/2023Autoría: Mercedes Rozas
Unha muller loitadora e unha creadora valente
desventuras que Edipo nos legou, sabes dun só infortunio
que Zeus non nos enviara desde que viñemos ao mundo
(Antígona. Sófocles)
Aurora Pereira Carballo, Aurichu, naceu en Santiago en 1940. Cos seus pais, María Carballo Casado e Xesús Pereira Vilariño, os dous mestres, aprendeu as primeiras letras. O seu pai, de ideas liberais e magnífico pedagogo próximo á Institución Libre de Enseñanza, foi un dos represaliados polo franquismo, o que o obrigou a deixar o ensino público e, grazas ao auspicio dun grupo de pais, abrir unha preceptoría pola que pasaron moitas xeracións de composteláns. Con dotes para a arte e a música, Aurichu, entrementres estuda bacharelato, inicia estudos de piano e frecuenta o obradoiro que Carlos Maside -outrosí represaliado- tiña na Rúa do Vilar. Era a década de 1950 e ela era unha mociña que admira no seu exilio interior a aquel pintor comprometido. Maside aléntaa a formarse no debuxo e nos distintos procedementos da pintura, unha aprendizaxe que a leva, aos dezaseis anos, a Madrid a prepararse no Casón del Buen Retiro, estudos que completa cos de música que emprendera en Santiago.
Xa de volta, a mediados dos anos 50, reencóntrase co colectivo intelectual de xente nova, que ten como referente a Ramón Piñeiro, director literario do Grupo Galaxia. Maside, o outro grande adaíl, falece en 1958. Non son tempos doados para que unha muller participe da cultura ou da vida pública nunha cidade que eslumecía despois da contenda intentando sacudirse o purreiro da represión. As Festas Minervais, algunha que outra conferencia e exposición, concertos e representacións teatrais impulsan o ambiente cultural do momento. É unha época na que a actividade das mulleres reducíase ao ámbito doméstico, repregadas ás tarefas propias do fogar e cun rol sometido a un patriarcado que negaba calquera das melloras firmadas como avance durante a II República. Foi un paso atrás, a
feminidadetiña que ser, por precepto, pasiva o que implicaba a nula capacidade de decisión e movemento no seo familiar e, por tanto, tampouco ningunha dimensión manifesta cara a fóra.
Con todo, e afortunadamente, houbo mulleres como Aurichu que souberon sortear o seu destino e burilar un relato distinto ao sentenciado. Elas son a representación daquela Antígona, que se rebelou contra as leis humanas e divinas, aínda custándolle a vida. O mito clásico de Sófocles recolleuno o escritor francés Jean Anouilh, rexurdindo en obra de teatro; en 1959, foi traducida ao galego por Xosé Manuel Beiras e Xosé Luis Franco Grande, coa colaboración de Moncho Silva. E seguindo o ronsel, pouco despois, Rodolfo López-Veiga dirixe varias lecturas nos centros culturais e en Radio Galicia (EAJ4). Case ao mesmo tempo lévase a cabo unha representación teatral da obra na que participan afeccionados ao mundo da escena. Este tipos de acontecementos, vencellados á cultura de posguerra na cidade, non deixaban de ser unha reivindicación da lingua e a cultura galegas; Fernando Pérez-Barreiro, Ezequiel Méndez e López-Veiga activaron moitas destas iniciativas. Este último constituíu en 1960 o grupo de teatro Cantigas e Agarimos co que estreou, o seguinte ano na praza da Quintana, Os vellos non deben de namorarse de Castelao. Neste grupo participaron en distintas ocasións as irmáns Pereira, Aurichu e Pilar especialmente, a súa prima Mercedes García e os locutores Isabel Carou e Ángel de la Peña.
Nese ámbito de inquedanzas, xunto ao deseñador Ventura Cores, o escritor Salvador García Bodaño, o avogado Mario Orxales e o pintor Xulio Maside fundan en 1961 a Agrupación Cultural O Galo, asociación que nace coa encomiable intención de rexenerar a vida da cultura galega na cidade. O nome foi unha proposta de Aurichu e o emblema un debuxo de Ventura Cores. As xornadas arrancaron en xuño dese ano cunha conferencia de Vicente Risco e a exposición 20 pintores galegos no Hostal dos Reis Católicos. Nestes primeiros pasos da asociación, a nosa protagonista tivo un papel determinante na coordinación e realización de actividades.
Na década dos sesenta e setenta compaxina os coidados dos catro fillos -casara moi nova con Salvador García Bodaño- co activismo cultural e a práctica da pintura. Tempos de precariedade económica na vivenda familiar da Caldeirería, pero un lugar que axiña se convertería en centro de reunión de inquedos universitarios, escritores, músicos, futuros políticos, incluso exiliados que como Luís Seoane, de cando en vez, volvían a Galicia. Todos nun momento dado pasaban por aquel curruncho amigable de parladoiros e disidencias varias; alí recitábanse poemas de Celso Emilio, Novoneyra, Lorca, Miguel Hernández ou Nicolás Guillén e escoitábase música de Luis Cilia, Raimon ou os novos cantautores de Voces Ceibes como Miro Casabella. Nesa ágora de cultura compartíase xantar mentres se falaba de literatura, arte, música ou política. Ferrín, Xohana Torres, Carlos Casares, os irmans Ventura Cores, María Esther Rodríguez… e outros moitos máis alternaban estes encontros na casa de Aurichu e Bodaño coas reunións semiclandestinas na cafetería Gaiola, frecuentada por homes e mulleres enleados coa oposición á ditadura como o caso de Xosé Humberto Baena -condenado a morte e executado en 1975-, o escritor e político Luis González Blasco, coñecido como “Foz”, os poetas Novoneyra e Manuel María ou o pintor Reimundo Patiño. Precisamente este último fixo o cartaz para o concerto de Voces Ceibes na sala Capitol, no que, de novo, Aurichu tivo un papel relevante, axudando na realización do mesmo. O colectivo musical iniciouse como grupo despois do decisivo concerto de Raimon no estadio da Residencia Universitaria en 1967.
No soto do Gaiola fixéronse, igualmente, as primeiras exposicións de Estampa Popular Galega nas que a artista participa con obra daqueles primeiros pasos: figurativa, costumista-crítica e vinculada no formal a Carlos Maside. No manifesto do movemento, comprometido para a época represiva, relatábase:
O pobo galego ten, entre outros dereitos, o de acceder á arte, polo tanto xurde a Estampa Popular Galega cos anceios e fins de substituír a dualidade pintor-espectador pola de pintor-pobo, espallar o gravado na xente e reflectir nel as súas dores e delicias, integrando o pintor no vivo latexar do país. Pouco a pouco a artista vai buscando o seu estilo na pintura. En 1973 participa coas obras tituladas «Vella con Pomba», «O anano azul» e «Mulleres» na exposición Xóvenes Artistas Galegos, promovida por Luís Seoane e Reimundo Patiño e baixo o auspicio do Concello da Coruña, que adquiríu unha das súas pezas nese certame.
Un ano despois funda con Ventura Cores a galería de arte Grido na Rúa do Vilar, inaugurada cunha exposición de trinta pintores e escultores galegos. Por entón as afinidades estéticas cara a Seoane e Maside, tanto compositivas coma temáticas, fanse evidentes na obra da artista, que concorre con algunhas das súas creacións a varias citas en apoio aos presos políticos. Óleos, acuarelas e gravados veranse afectados por un sentimento que se mostra soldado ao presente, involucrado na problemática do país.
A vida de Aurichu dá unha volta cando abre a tenda Xanela, arte do pobo na rúa Fonte Sequelo, eran os anos 70 e pouco despois divórciase de García Bodaño. A tenda converteuse, como ben escribiu Encarna Otero,
nun espazo de vida e cultura, un foco de creatividade, de traballo do bo vestir. Un centro de amizades e de conversa, de convivencia e de luz, un patrimonio que amosou o bo facer do pequeno comercio de Compostela no tempo que durou, desde a súa apertura ao seu peche, naqueles anos 1980-1990. Nesta nova andaina deixa a pintura, que non o debuxo, para adicarse a outro tipo de iniciativas creativas. A dicir da súa prima Mercedes García,
foi, nos peores momentos, unha loitadora, valente e arriscada, sempre co pulo de saír adiante.
En Xanela vendíanse pezas da ceramista portuguesa Rosa Ramalho, roupa hindú que traía de París, facíanse chaquetas con la do Val de San Lorenzo no Bierzo, incluso chega a deseñar traxes para a función Danza da meiga no campo da festa, un pasarrúas escenificado en 1989 polo grupo Os Quinquilláns. Xa neste mesmo apartado non poderiamos deixar de falar de cando sentou estilo convertendo as camisas brancas e os traxes de liño artesán en elementos singulares e distinguibles. Para moitos dos deseños traballaba con referencias artísticas que lle achegaban esa connotación vangardista. O seu principal referente formal en Galicia volve a ser Seoane, con ese sabor, que tanto admiraba ela, do popular matizado pola modernidade, pero tamén traballa coa inspiración de Picasso, Kandisnky, Matisse ou Mondrian. Estes proxectos forman parte desa posta en escena ben estudada pola artista coa que demostrou a importancia da imaxe e o concepto de vangarda incluso no ámbito do cotiá. E aquí non só marcou estilo senón que creou iconos. Ben coñecidos son os traxes de liño, as camisas de fío e as bufandas cos que todos identificamos a Xosé Manuel Beiras no Día da Patria Galega. A partir de 1982 Aurichu e Beiras inician unha relación de amor, primeiro nun piso do Preguntoiro e xa definitivamente na Casa da Reboraina de Aguiar en Brión, durante anos fogar de acougo de xuntanzas de amigos e familia. A vida en común durará máis de corenta anos, que Beiras definiu como
catro decenios de feliz e libérrima convivencia. Xuntos compartiron tenruras, querenzas, e ese sentimento común pola música, a arte e o compromiso político co país.
Nesta etapa foron frecuentes as viaxes e os contactos con escritores, músicos e políticos de todas nacionalidades. Nos anos oitenta na casa parisina do ruso-francés Charles Rosoff e a vasca Tachia Quintana, quen fora noiva de Gabo, a parella pasou momentos entrañables con importantes personaxes da época como o pintor serbio Milorad Bata Mihailović. Na capital francesa avinzan co cantautor Paco Ibáñez, o escritor García Márquez, co director de Le Monde diplomatique, Ignacio Ramonet, e co escritor e periodista Ramón Chao. En sucesivos Foros mundiais (FSM) en Porto Alegre coinciden con Saramago e Galeano, este último entrañable amigo da parella. En Lisboa, a través de Luis Cilia, fan amistade con Leo Ferré e en Salvador de Bahía no Brasil visitan a Jorge Amado.
Aurichu deixará a tenda de Xanela nos inicios do novo século e volverá á pintura, animada por Beiras e asesorada por Xosé Luís de Dios e Silverio Ribas. Serán uns anos prolíficos, nos que participa en distintas exposicións colectivas e leva a cabo varias individuais en galerías e institucións oficiais. Da pintura da primeira época só quedan unhas caixiñas coas que a pintora se recrea na concepción do libre retrato. A súa pintura nesta derradeira etapa moverase fundamentalmente no ámbito da abstracción lírica, cun tratamento tonal suave, próxima a unha convicción kandiskyana de espertar o visible dende o interior. As paisaxes do romántico inglés Turner serán tamén unha revelación. Con todo, a pegada do contorno é inherente á súa pintura, aínda que sexa de xeito ponderado e nun laconismo deliberado, sempre está aí. A serie Meu Courel Imaxinario é a viva representación deste pensamento.
Aurichu falece en novembro do 2023, asumindo con afouteza unha morte digna.
Agradecementos
Xosé Manuel Beiras, Miro Casabella, Mercedes García, Salva García-Bodaño Pereira, Encarna Otero, María Esther Rodríguez.
Bibliografía
Otero, Encarna: Mulleres en Compostela II. Santiago de Compostela: El Patito Editorial, 2024.
Rozas, Mercedes; Hombre, Denis: Meu Courel imaxinario. Ourense: Deputación, 2011.
Beiras, Xosé Manuel: «Aurichu: Na fronte unha estrela, no bico un cantar», Nósdiario, (29 de xaneiro de 2013).
Páxina web de referencia
Como citar: Rozas, Mercedes : Aurichu Pereira. Publicado o 12/3/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4809. Recuperado o 24/05/2025
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Páxinas dedicadas a Aurichu Pereira no libro Mulleres en Compostela, de Encarna Otero e Daniel Pagáns. Ver Documento. Artigo
«Aurora Pereira Carballo
Fonte: Consello da Cultura Galega. CDIF.Aurichu: a pintora do Courel». En Otero Cepeda, Encarna; Pagáns, Daniel: Mulleres en Compostela. Volume 2. Santiago de Compostela: elpatitoeditorial, 2024; 26-27.
Neste artigo publicado en Terra e Tempo, Xesús Sanxuás lembra a participación de Aurichu Pereira nas actividades da Agrupación Cultural o Galo. Ver Documento. Artigo
Sanxuás Formoso, Xesús: «A Agrupación Cultural O Galo», Terra e Tempo, 180 (2019), 90-97
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Número de RDL Revista das Letras dedicado á exposición Mulleres x Mulleres, organizada polo Concello da Coruña na Casa da Cultura Salvador de Madariaga en 2010 e na que participou Aurichu. Ver Documento
Lopo, Antón e Dopico, Montse (coord.): «Mulleres x Mulleres», RDL: Revista das Letras, 812 (11 de febreiro de 2010),
Fonte: Revista das Letras / AELG.
https://www.aelg.gal/
Información sobre a exposición de inauguración da galería Grido en Santiago de Compostela. Ver Documento. Artigo
«Exposición conjunta de
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra "Antonio Odriozola" / Galiciana.Treinta artistas compostelanos», El pueblo gallego: rotativo de la mañana , 18418 (22 de maio de 1974), 11.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Díptico coa relación de artistas permanentes da Sala Grido. Ver Documento
Grido. Galería de Arte: Artistas da galería: (obra en permanencia). Santiago de Compostela: Galería de arte Grido; s.d. [1974?]
Fonte: Arquivo familiar.
Noticia sobre a
Exposición de Arte Independentecelebrada na Caixa de Aforros de Vigo en 1973, e na que participou Aurichu Pereira. Ver Documento. Noticia«Noticias breves: Exposición de Arte Independiente», El pueblo gallego: rotativo de la mañana, 18180 (15 de agosto de 1973), 16.
Fonte: Biblioteca Pública de Pontevedra "Antonio Odriozola" / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Información no Boletín de información municipal da Coruña sobre a exposición Xóvenes Artistas Galegos, na que participou Aurichu Pereira. Ver Documento. Artigo
«Inauguración de la exposición
Fonte: Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés" / Galiciana.Arte Joven de Galicia», Boletín de información municipal, A Coruña, 97-102 (xullo de 1973), 9-10.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Ligazóns de interese
Web de Aurichu Pereira
Fonte: https://arteradu.wixsite.com/aurichupereira
«Aurichu: Na fronte unha estrela, no bico un cantar», lembranza de Xosé Manuel Beiras en Nós Diario, (29 de xaneiro de 2013)
Fonte: Nós Diario.
https://www.nosdiario.gal/
Aurichu Pereira na web Pintores de Galicia
Fonte: Pintores de Galicia
https://www.pintoresgallegos.com
«Aurichu Pereira, artista integral», artigo de Xosé Ramón Fandiño en Tempos Dixital, (8 de febreiro de 2024)
Fonte: Tempos Dixital.
https://temposdixital.gal
Homenaxe a Aurichu Pereira no Museo do Pobo Galego. 11 de xaneiro de 2024
Fonte: Museo do Pobo Galego.
https://museodopobo.gal/
«O Museo do Pobo lembra Aurichu Pereira,
Fonte: Nós Diario.unha adiantada ao seu tempo», artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario
https://www.nosdiario.gal
«Morre aos 83 anos a pintora Aurichu Pereira, a sensibilidade e o compromiso», lembranza necrolóxica publicada en Praza Pública, (2 de novembro de 2023)
Fonte: Praza Pública.
https://praza.gal/
Acceso en liña á tese de doutoramento de Daniel Beiras García-Sabell A construción do lugar público na natureza a través da paisaxe galega, na que se fai referencia á exposición de Aurichu Pereira Meu Courel imaxinario.
Fonte: Repositorio da Universidade da Coruña.
A Coruña: Universidade, 2012
http://hdl.handle.net/2183/10096
Paxaro de fogo, óleo de Aurichu Pereira de 2003, na colección de arte do Parlamento de Galicia
Fonte: Colección Parlamento de Galicia.
https://www.parlamentodegalicia.gal
Videos
Homenaxe a Aurichu Pereira no Museo do Pobo Galego. 11 de xaneiro de 2024
Fonte: Museo do Pobo Galego / YouTube.com
Aurichu Pereira, Filla Predilecta do Concello de Santiago. 23 de xaneiro de 2025
Fonte: Concello de Santiago de Compostela / YouTube.com
Vídeo homenaxe a Aurichu Pereira. 22 de xaneiro de 2024
Fonte: Arte Radu / YouTube.com
Vídeo Aurichu Pereira: fotografías. 22 de xaneiro de 2024
Fonte: Arte Radu / YouTube.com
Vídeo da inauguración da exposición de Aurichu Pereira no Centro Cultural da Diputación Ourense TdLOU. 5 de febreiro de 2011
Fonte: Tempo de Lecer Ourense / YouTube.com
Artigos Aurichu Pereira
PEREIRA, A. (7/1978) “Sen Título” | Nosa Terra, A. (26), 8.
PEREIRA, A. (7/1978) “Sen Título” | Nosa Terra, A. (26), 11.
PEREIRA, A. (1/1986) [Sen título] | Festa da palabra silenciada. (03), 15.
PEREIRA, A. (1/1986) [Sen título] | Festa da palabra silenciada. (03), 18.
PEREIRA, A. (1/1986) [Sen título] | Festa da palabra silenciada. (03), 21.
PEREIRA, A. (1/1986) [Sen título] | Festa da palabra silenciada. (03), 29.
PEREIRA, A. (1/1986) [Sen título] | Festa da palabra silenciada. (03), 48.
PEREIRA, A. (12/1991) [Sen título] | Andaina. 2ª época 1ª xeira (01), 60.
PEREIRA, A. (12/1991) [Muller sentada] | Andaina. 2ª época 1ª xeira (01), 47.
PEREIRA, A. (12/1991) [Sen título] | Andaina. 2ª época 1ª xeira (01), 48.
PEREIRA, A. (3/1992) [Sen título] | Andaina. 2ª época 1ª xeira (02), 18.