Carta de Seoane a Pereira Caamaño. 1974 | epístola | Consello da Cultura Galega
epístola

Carta de Seoane a Pereira Caamaño. 1974

Fernando Pereira Caamaño (Destinatario/a) · Esther de Cáceres (Mencionado/a) · Manuel Colmeiro (Mencionado/a) · Isaac Díaz Pardo (Mencionado/a) · Rafael Dieste (Mencionado/a) · Carlos Torrallardona (Mencionado/a) · Carlos Zubillaga (Mencionado/a) · Luís Seoane (Remitente)
14/06/1974

Buenos Aires, 14 de xunio de 1974

Sr. D. Fernando Pereira
Montevideo

Meu querido amigo:

Cercana a data da mostra de dibuxos meus na Galería Losada, sin ter dibuxos pra esa mostra e sin posibilidades materiales de facelos, polo pouco tempo que resta e o traballo que me atosiga, propóñolles, en troques, facer unha mostra que gostará moito máis polos temas, de augadas e apuntes de paisaxes galegos, de Carlos Torrallardona, a súa dona e fillas, feitas en Galicia arredor do ano 70, e que constitúien unha proba de amor a unha terra á que iban por vez primeira. Eu faría, si non teñen inconveniente, a presentación escrita da mostra. Torrallardona é un dos máis importantes pintores arxentinos da miña xeneración. E dende fai moitos anos amigo de Colmeiro, Rafael Dieste, Díaz Pardo e meu, etc. En Montevideo, expuxo conmigo fai uns 25 anos en Amigos del Arte, presentándonos entón Esther de Cáceres. Penso, pois, que non perde nada o Patronato e a Galería Losada relevándome a min do meu compromiso. O púbrico poderá contemprar unha obra de estudo feita, como dixen denantes, con moito amor e moi bela. Tamén iría eu á inauguración e podería falar dela en La Voz de Galicia como, naturalmente, non podería facelo, si fose miña. Eu, dende logo, a pesar da miña vontade non podo facer a exposición, pois estou atafegado como dixen, de traballo.
Respóndame o máis pronto posibre, pois en principio xa lle falei a Torrallardona que están de acordo en exhibir esas obras polo propósito.
Con esta, remítolle a tampa pra o libro de Zubillaga.

Saúdos pra o Sr. Martínez e os membros do Padroado, e vostede e a súa dona reciban o saúdo da miña e meu. Unha aperta de:

[Seoane]
Tipo de material
epístola
Data
14/06/1974
Publicacións
Entidades
Mención: Amigos del Arte
Mención: Padroado da Cultura Galega de Montevideo
Localizacións
orixe: Bos Aires
destino: Montevideo
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]