Carta de Piñeiro a Seoane. 1958 | epístola | Consello da Cultura Galega
epístola

Carta de Piñeiro a Seoane. 1958

Luís Seoane (Destinatario/a) · Dámaso Alonso (Mencionado/a) · Antonio Blanco Freijeiro (Mencionado/a) · Ricardo Carballo Calero (Mencionado/a) · Américo Castro (Mencionado/a) · Celestino Fernández de la Vega (Mencionado/a) · Ernesto Guerra da Cal (Mencionado/a) · Pedro Laín Entralgo (Mencionado/a) · Manuel Rodrigues Lapa (Mencionado/a) · José Luís López-Aranguren (Mencionado/a) · Gregorio Marañón (Mencionado/a) · Isidro Parga Pondal (Mencionado/a) · Cipriano Torre Enciso (Mencionado/a) · Ramón Piñeiro López (Remitente)
17/12/1958
O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Descargar PDF


Compostela, 17-XII-58
Sr. D. Luis Seoane
B. Aires

Querido Luis:

Acabo de recibir o Segundo libro de tapas, que é, por certo, moi fermoso. Gozo moito mirando e remirando cada folla do libro. Hainas que pola espresión do dibuxo e pola finura da color acadan unha transparencia emotiva tan pura, sinxela e contaxiosa como a do texto da inicial Breve crónica en relación conmigo y con las artes gráficas, cuia sinceridade me conmoveu. Como queira que, a falta de outros bens, teño o privilexio de contar coa amistade de moitos rapaces galegos, farei que conozan o teu novo libro de tapas e que gocen na sua contemplación como eu mesmo gozo.
Haberá uns 15 ou 20 días mandeiche unha separata do meu traballo incluído no tomo-homaxe a Otero Pedrayo. Por Galicia Emigrante vexo que xa conoces o tomo. Nós contábamos que salise ahí primeiro outro tomo que tiñamos preparado con anterioridade por encargo de uns amigos de Caracas e que deberá estar imprentado en Febreiro pasado. Nise tomo, por editarse fora, podían congregarse todolos galegos de dentro e de fora de Galicia e así foi concebido e disposto. Era a homaxe de todolos galegos ó gran D. Ramón de Trasalba. Como continuación e complemento dise, preparamos un tomo especial de Galaxia, que non podía ser, dende ningún punto de vista, unha especie de duplicado do tomo que debía salir ahí con anterioridade. Por moitas razóns, houbo que o concebir de xeito distinto: non como a homaxe a D. Ramón, senón como a homaxe ó profesor Otero Pedrayo. Diste xeito non había redundancia en relación co tomo editado fóra. Proieitámolo, pois, ó xeito clásico diste tipo de homaxe-miscelánea que se fai en todo o mundo en casos semellantes. Fundamentalmente foi concebido como un diálogo entre a cultura “española” e maila galega. Procurouse que a cultura española estivera representada por persoeiros eminentes de varias correntes de pensamento, dende o representante eisilado da Institución, Américo Castro, hastra o Tradicionalismo, pasando polo liberalismo de Marañón, polo catolicismo liberal de Aranguren, polo neoliberalismo de Laín, polo culturalismo de Dámaso Alonso. Entre os portugueses, escollemos deliberadamente a Rodrigues Lapa, cuia siñificación non desconoces, i entre os galegos eisilados a Guerra da Cal. Tratábase de que, nise diálogo cultural, Galicia quedase a boa altura. Gracias ós traballos de Carballo Calero, Celestino, Parga, Torre Enciso, Da Cal e Blanco Freijeiro, o ouxetivo conqueriuse plenamente. Polo menos así o creemos nós.
Que teñades un feliz Nadal e un bó Aninovo e que o 59 te traia á Terra das túas añoranzas.
Unha forte aperta do teu bó amigo.

Ramón Piñeiro
Tipo de material
epístola
Data
17/12/1958
Medidas
Entidades
Mención: Editorial Galaxia
Mención: Institución Libre de Enseñanza
Localizacións
orixe: Santiago de Compostela
destino: Bos Aires
Ficha descritiva
[Carta manuscrita]
Localización física
Fundación Luis Seoane