Carta de Piñeiro a Seoane. 1978 | epístola | Consello da Cultura Galega
epístola

Carta de Piñeiro a Seoane. 1978

Luís Seoane (Destinatario/a) · Castelao (Mencionado/a) · Ramón Otero Pedrayo (Mencionado/a) · Ramón María, del Valle-Inclán (Mencionado/a) · Ramón Piñeiro López (Remitente)
00/12/1978
O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Descargar PDF
Compostela, Nadal 78


Benquerido Luis:

Hai días que chegou Imágenes de Galicia e, contemplando o seu contido, sentinme engaiolado pola extraordinaria forza evocativa que del se desprende. Para min, vén ser como un fermoso códice capaz de despertar no noso espírito os tesouros do noso pasado lexendario, mítico, histórico, poético. Un pasado que herdamos dos nosos devanceiros e que está vivo nas camadas máis profundas do noso ser, moitas veces ensumido no estado latente de emoción vaga, imprecisa, neboenta. Pero o teu libro, que merece ser manexado coa devoción íntima con que noutros tempos manexaban os “libros de horas”, ese sustrato neboento do noso ser colectivo cobra presencia máxica. As distintas dimensións de Galicia aparecen nesas páxinas con toda a forza da súa significación, ennobrecida pola gracia do arte, do teu arte. Gran parte da tua obra, querido Luis, é o mellor testemuño con que conta a nosa cultura da Galicia soñada e vivida desde o exilio, desde a emigración. Hai unha Galicia de Seoane, e esa Galicia ten tanta personalidade artística e tanta orixinalidade creadora como a Galicia de Valle Inclán, ou a Galicia de Otero Pedrayo, ou a Galicia de Castelao. Graciñas polo exemplar do libro. ¿Cándo che poderei corresponder mínimamente?

Polos viaxeiros que foron ahí, fomos sabendo de vós. Tamén soupemos por iles que chegaredes aquí coa primavera, cousa que nos alegra. Sempre nos lembramos de vós, e nestas datas aínda máis.

Apertas nosas para os dous


Ramón
Tipo de material
epístola
Data
00/12/1978
Medidas
Localizacións
orixe: Santiago de Compostela
destino: Bos Aires
Ficha descritiva
[Carta manuscrita]
Localización física
Fundación Luis Seoane