Carta de Francisco Fernández del Riego a Lois Tobío Fernández, 1973. / epistola/ FONDOS DOCUMENTAIS / CONSELLO DA CULTURA GALEGA

epistola

Material

Carta de Francisco Fernández del Riego a Lois Tobío Fernández, 1973.

O teu navegador non soporta PDFs incrustados. Por favor descarga o documento aquí.
Detalle
EDITORIAL GALAXIA, S. A.
Reconquista, 1 - Teléfono 218204
VIGO - 26-febreiro-1973

Sr. D. Luís Tobío
Madrid

Meu querido amigo:
Recibín as túas liñas e máis o traballo pra o "Grial". Coido que é moi interesante e moi oportuno. Xa non poderá ir neste número do primeiro trimestre, porque hoxe ou mañá sairá do prelo. Irá encabezando o prósimo, correspondente ao segundo trimestre do ano.
Xa vexo que desertástedes definitivamente das paisaxes viguesas. Síntoo de verdade, porque os días de vacacións estiváis servíannos pra poder falar e rememorar vellos tempos. Confío, porén, que teremos algunha ocasión de poder atoparnos outravolta.
Alédame moito que lle deras remate ao libro encol de Gondomar. Habería que percurar un xeito de o editar axina. Si non fora tan voluminoso xa, dende agora, comprometíame a que o publicase Galaxia. Pero o presuposto de edición ha ser grande, e os nosos recursos financieiros son moi limitados. ¿Por que non falas con Álvaro Gil, pois quizaves axudara a sufragar o custe? Sería unha pena que a publicación da obra se demorase, despóis do grande traballo feito.
Garimosos saúdos da miña muller e meus pra todos vós, e pra ti a cordial aperta de sempre

Paco [sinatura autógrafa]




C/c. Banco de La Coruña, Banco Pastor, Banco H. Americano
Banco Exterior de España, Caja de Ahorros Municipal de Vigo
Metadatos