Intelectual e activista cultural de xenerosa e inesgotable entrega a GaliciaFrancisco Jesús Benito Antonio Fernández del Riego (Francisco F. del Riego) nace na vila luguesa de Lourenzá a mañanciña do 7 de xaneiro de 1913, como un regalo adiado de Reis, así lle gustaba dicir a el . A primeira escola, os estudos cos frades laurentinos e a des...
Intelectual e activista cultural de xenerosa e inesgotable entrega a GaliciaFrancisco Jesús Benito Antonio Fernández del Riego (Francisco F. del Riego) nace na vila luguesa de Lourenzá a mañanciña do 7 de xaneiro de 1913, como un regalo adiado de Reis
, así lle gustaba dicir a el . A primeira escola, os estudos cos frades laurentinos e a descuberta da lectura van marcar a súa infancia. Tamén a amizade con Álvaro Cunqueiro, ao que coñece no Instituto de Lugo a onde se ían examinar ao rematar cada curso. A súa fraternal relación dende cativos foi capital para que o autor de Merlín e familia volvese á escrita en galego durante a ditadura.
En 1930 marcha a Madrid e matricúlase en Dereito. Antes xa publicara os seus primeiros escritos na revista escolar Páginas Calasancias e no semanario Vallibria, que dirixía Xosé Trapero Pardo. Na capital recibe con entusiasmo a chegada da República e le a Teoría do nacionalismo galego de Vicente Risco, que marcará a súa posición política. De feito, no verán de 1931, coa nova conciencia galeguista, celebra na vila natal o Día de Galicia izando a bandeira galega no balcón do concello. Del Riego era o maior dunha prole de once irmáns e, ante a necesidade de darlles estudos a todos, a familia determina trasladarse a Compostela onde o primoxénito remata Dereito e vai cursar Filosofía e Letras, aínda que non conclúe a carreira. Na apertura do curso académico 1933-34 pronuncia, en representación do estudantado, o discurso «La Universidad gallega ante el momento actual», e non dubida en reclamar a galeguización da institución. Da man de Lois Tobío, entra no Seminario de Estudos Galegos e incorpórase tamén ao Partido Galeguista. O seu labor destacado lévao a ser o primeiro secretario xeral da organización xuvenil Ultreya e da Federación de Mocedades Galeguistas.
Son anos intensos en que colabora asiduamente en diversas cabeceiras galeguistas: no xornal El Pueblo Gallego, nos semanarios A Nosa Terra e Ser, que dirixiu temporalmente, ou nas revistas Alento, Nós e Galiza. Ao tempo asistía aos parladoiros composteláns, especialmente o que tiña lugar na imprenta do editor Ánxel Casal, e participa activamente na campaña de aprobación do Estatuto de Autonomía.
A sublevación militar de 1936 sorpréndeo nunha reunión no concello de Santiago e ante as primeiras detencións, paseos e asasinatos agóchase durante un tempo. O daquela profesor axudante de Dereito Civil da USC decide vestir o uniforme das tropas franquistas para salvar a vida, pero despois de estar na fronte é depurado da súa praza universitaria e inhabilitado para desenvolver cargos docentes e públicos. A súa carreira académica trúncase e decide abandonar a cidade onde ata as pedras o delataban para se asentar en Vigo, onde comeza a traballar como pasante no bufete de Valentín Paz-Andrade, ao tempo que colabora na revista Industrias Pesqueras e, como complemento, dá clases nos centros de ensino Mezquita e Labor, agochando o segundo apelido.
Xa cunha posición un pouco máis desafogada, en 1940 casa con Evelina Hervella, a súa compañeira de vida. Coincide, daquela, con Enrique Peinador e Manuel Gómez Román e deciden reorganizar o Partido Galeguista na clandestinidade. Tres anos despois celebran na casiña onde pasaban os veráns en Coruxo unha reunión onde adxudican os novos cargos, recaendo en Del Riego o de secretario do Exterior e mais de Propaganda. Mais o asentamento da ditadura e a detención de Ramón Piñeiro esfarelan as pretensións políticas do grupo e Del Riego enterra todo o material comprometido no monte do Castro. A partir dese momento céntrase nas actividades culturais e en 1949, xunto a Xaime Isla, pon en marcha un suplemento sabatino no xornal vespertino La Noche, que atendía a temas galegos e que por decisión gobernativa é clausurado só tres meses despois. O certo é que o réxime fascista sempre estaba atento aos seus movementos e foi detido en dúas ocasións: en 1947, xunto a Darío Álvarez Blázquez, por pertenza á Unión de Intelectuales Libres e en 1955, que volve á cadea, sendo exculpado en ambas as ocasións.
Del Riego foi sempre un home ponte entre xeracións, ideoloxías e tamén entre a Galicia de aquén e alén mar, non en van Ramón Piñeiro se refire a el como o noso Ministro de Exteriores
. Dende 1949 exerceu como correspondente do Centro Galego de Bos Aires en Galicia e, por encargo de Luís Seoane, envía unha crónica mensual titulada «Galicia cada trinta días», que asinaba co pseudónimo de Salvador Lorenzana na revista da institución. A Federación de Sociedades Galegas de Arxentina premiouno polos seus textos divulgativos recollidos no libro Cos ollos do noso espírito. Tamén será alén mar onde dea ao prelo Galicia no espello, Galicia y nuestro tiempo (La obra de una generación) ou editará a Obra completa de Ramón Cabanillas. As súas relacións cos exiliados e emigrados en América intensifícanse ata o punto de que en 1954, co gallo do Día de Galicia, foi convidado a Bos Aires e Montevideo, unha viaxe na que puido reencontrarse con vellos amigos. Ao tempo está en contacto con toda a diáspora en América, como mostra o envío de colaboracións para a revista Vieiros que se publica en México. E non só, pois coordinou a maior parte dos programas Galicia desde Londres emitidos semanalmente en galego pola BBC, ao longo dunha década.
O 25 de xullo de 1950 nace a Editorial Galaxia, unha aposta de Xaime Isla e de Fernández del Riego que contou coa complicidade de amizades e accionistas que entenderon necesaria unha canle de difusión da cultura galega. Un ano despois publícase Antífona da cantiga de Ramón Cabanillas e os cadernos da colección Grial, que se prohiben despois do cuarto número. Non conseguirán ata 1963 autorización para sacar de novo a revista que dirixirá ata o número 100 xunto a Piñeiro, a quen incorporaran ao proxecto como director literario. Del Riego preocupouse da súa calidade e de que saíse do prelo trimestralmente, pois a regularidade e a puntualidade sempre foron teimas moi persoais súas.
O ano 1963 non só foi significativo pola segunda vida de Grial, tamén se instaura o Día das Letras Galegas, unha conmemoración que propón xunto con Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román ante a Real Academia Galega, institución na que ingresara tres anos antes co discurso «Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores», ao que dera resposta o seu vello amigo Ricardo Carballo Calero. Foi esta, sen dúbida, unha das iniciativas de máis percorrido e maior éxito que arrancaba no ano en que tamén se produce a doazón do patrimonio bibliográfico-documental de Fermín Penzol ao país. Grazas ao seu legado créase en Vigo a fundación do mesmo nome e inaugúrase a súa biblioteca, a primeira da cidade, da que Del Riego foi o seu director ata meses antes de falecer. Con todo, o ano aínda deu para botar a andar a colección de poesía Salnés, xunto a Emilio Álvarez Blázquez e Celso Emilio Ferreiro, onde veu a luz o emblemático poemario Longa noite de pedra. E tamén nesa data volve á política e participa na constitución do Partido Socialista Galego (PSG), no que vai militar a carón, entre outros, de Xosé Manuel Beiras, e do que foi elixido o primeiro secretario xeral.
Os días a Del Riego rendíanlle e, amais das súas activades en Galaxia, Artes Gráficas e na Fundación Penzol, aínda lle daba tempo a escribir e dar ao prelo publicacións de carácter divulgativo como o Manual de Historia de la literatura gallega, a Escolma de poesía galega IV. Os contemporáneos, a Escolma de poesía galega III. O século XIX, Letras do noso tempo e preparar antoloxías de diferentes autores, varios deles homenaxeados co Día das Letras Galegas. Tamén son fundamentais os libros O río do tempo. Unha historia vivida e Camiño andado, as súas memorias de vida que, xunto á correspondencia que atesourou ao longo dos anos, dan as claves dunha singradura sempre a favor da causa de nós. Sen esquecer a súa presenza constante como colaborador de prensa, ata semanas antes de falecer, non en van dá nome ao Premio Afundación de Xornalismo.
Non hai unha iniciativa cultural da época en que non apareza o nome de Del Riego: Padroado Rosalía de Castro, Museo Carlos Maside, Museo do Pobo Galego, Fundación Otero Pedrayo, Instituto Galego de Información, Fundación Vicente Risco ou Fundación Laxeiro. Tamén en 1977 participa na Candidatura Democrática Galega para o Senado, xunto a Valentín Paz-Andrade e Fernando Alonso Amat, pero non saíu elixido e un ano máis tarde, diante do novo rumbo partidario, pide a baixa como militante do PSG e desvincúlase de por vida da política organizada.
En 1997 é nomeado presidente da Real Academia Galega, cargo que desenvolverá ata o ano 2001. Xa octoxenario foi quen de modernizar a institución que logrou promovendo a renovación dos estatutos primitivos, en vigor desde 1906: modificouse o mandato vitalicio do presidente e dos directivos, eliminouse o tradicional voto delegado e aumentouse o número de académicos numerarios de vinte e cinco a trinta. E mesmo conseguiu que todos os académicos que non leran o discurso de ingreso por diferenzas co funcionamento da RAG entrasen na institución e promoveu a designación de persoas máis alá das ideoloxías. E ao igual que en Vigo fixera na Penzol, abriu a Academia aos investigadores e achegouna á sociedade.
En vida doou á cidade de Vigo a súa biblioteca de máis de 30.000 volumes, o seu valioso arquivo persoal e a súa rica colección artística custodiada dende entón na Casa Galega da Cultura. Unha mostra máis da súa xenerosidade e da entrega inesgotable a Galicia ata o derradeiro día. Marchou co descanso do traballo ben feito que lle foi recoñecido con numerosísimas distincións: Premio Pedrón de Ouro, Medalla Castelao, Medalla da Cidade de Vigo, Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo, primeiro Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, Galego Egrexio, Insignia de Ouro da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia, Premio Fernández Latorrre, Premio Otero Pedrayo, insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela, Premio das Artes e das Letras da Xunta de Galicia, Premio Celanova, Casa dos poetas, Galego do Ano, Fillo predilecto de Lourenzá, Medalla de Ouro de Galicia, Fillo adoptivo de Nigrán, Premio Laxeiro, Premio Blanco Torres de Xornalismo da USC e do Concello de Cuntis, Premio Entreculturas, Premio Voces de Liberdade do PEN Clube de Galicia, Medalla de Prata da revista Industria Conservera ou, xa despois do seu falecemento, a homenaxe Os bos e xenerosos
da AELG.
Sempre a pé de obra, seguiu traballando arreo e con radical optimismo, ata os derradeiros momentos da súa vida, para construír un país libre e galego. Marchou paseniño, sen facer ruído, sen folgos porque os investira todos en Galicia, cos ollos cansos de loitar, pero iluminados de galeguismo. Eu parei na máquina de escribir, eu estou aínda nun período anterior á revolución tecnolóxica, na revolución industrial, e mantéñome nela
. Francisco Fernández del Riego transcenderá a todas as revolucións, porque non poderemos facer ningunha sen o seu exemplo, sen a súa guía.
Ver biografía no Álbum de Galicia