Metódico, culto e comprometido diplomático, traballou sempre a prol da súa terra.
Naceu en Viveiro o 13 de xuño de 1906. O seu pai, un home culto, simpatizante das ideas rexionalistas e familiarizado coa Institución Libre de Enseñanza, chegara á vila catorce anos antes para exercer como mestre, e alí coñeceu a nai, Mélida Fernández G...
Metódico, culto e comprometido diplomático, traballou sempre a prol da súa terra.
Naceu en Viveiro o 13 de xuño de 1906. O seu pai, un home culto, simpatizante das ideas rexionalistas e familiarizado coa Institución Libre de Enseñanza, chegara á vila catorce anos antes para exercer como mestre, e alí coñeceu a nai, Mélida Fernández González, filla dunha familia fidalga do lugar. O neno Lois Tobío, educado nun ambiente culto e abastado, aprendeu a ler con apenas tres anos e interesouse decontado pola música e o cinema, dúas das súas grandes paixóns.
Cando tiña dez anos a familia trasládase a Compostela, onde o pai ocupa unha praza na Escola Normal e o rapaz prepara o exame de ingreso no Instituto, que supera sen dificultade. Estuda solfexo, canto, piano e, ao rematar o bacharelato, alemán. Xa universitario entra en contacto con Cotarelo Valledor e Pérez Bustamante, docentes que comezan a definir as súas inquietudes intelectuais. Excelente estudante, dotado dunha memoria prodixiosa, antes de concluír a carreira recibe un premio no VI Certamen Nacional del Ahorro, recoñecéndoo como o mellor expediente da universidade compostelá. En 1927 licénciase en Dereito, obtén o premio extraordinario e comeza a impartir aulas e a organizar a biblioteca da facultade. En 1929 logra unha praza como profesor axudante substituíndo a García Labella.
Amigo de Wenceslao Requejo, no outono de 1923 foi un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos, onde ingresou pouco despois, o 25 de novembro, cun traballo titulado «Unhas moedas castelás atopadas no Valadouro», publicado en 1925 en
Nós. Na revista asinaría tamén os artigos «A ladaíña de Santa Tegra» (nº 93), «Poñelo Santo. A verba “Farxácola”» (nº 93), «Refresións encol do momento aitual de Galicia» (nº 95) e «A eirexa de Santa María, de Viveiro» (nº 111).
No Seminario, entra en contacto con outros mozos con inquietudes galeguistas, como Bouza Brey, Filgueira, Magariños Negreira, Carballo Calero, Fraguas, Cunqueiro… e con figuras destacadas da cultura galega como Pedrayo, Risco, Castelao ou Ánxel Casal. Desde o Seminario pronuncia conferencias, asiste a cursos e exerce como Secretario de Actas ata a primavera de 1928. Mozo atento, erudito e esperto, asina textos en
El Pueblo Gallego e en
El Compostelano, ao tempo que comeza a publicar traballos no
Boletín da Real Academia Galega e nos
Arquivos do Seminario. No 29 atopámolo participando nos traballos de campo de Terra de Melide, e en 1936 forma parte do consello director da institución á fronte da sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas.
En 1929 consegue unha bolsa para ampliar estudos en Berlín, onde entra en contacto co marxismo e ten a posibilidade de formarse con intelectuais como Carl Schmittt e Hermann Heller, autoridades en Dereito Internacional. Moitos anos despois, Tobío traducirá
Teoría del estado, a obra máis coñecida de Heller. No tempo que pasa en Alemaña comparte faladoiros e paseos con Francisco Alaya e Fernández Armesto. Preocúpase ademais de fomentar o intercambio entre os galeguistas e o Romanisches Seminar, do que se beneficiará Risco, que visita a cidade en 1930 tal e como contou en
Mitteleuropa.
Tobío regresa a Compostela e gaña unha praza de auxiliar de Historia do Dereito. Cando comeza a explicar a materia, inclúe un monográfico, impartido na nosa lingua, sobre a historia do dereito galego. Coa vontade de preparar o doutoramento, trasládase a Madrid en 1931, onde comparte conversas e inquietudes cos deputados galegos Pedrayo, Suárez Picallo e moi especialmente, Castelao, a quen a partir de entón, o unirá un lazo de simpatía e admiración mutua. En decembro dese ano, cando se funda o Partido Galeguista, noméano membro do Consello Executivo. Comeza entón un período de intenso compromiso político no que percorre o país pronunciando mitins e conferencias, nas que explica insistentemente a idea de
Galicia, célula de universalidade
. Neste tempo participa tamén na redacción do Anteproxecto do Estatuto de Galicia.
En 1933 enfróntase a un tribunal presidido por Américo Castro e ingresa por oposición na carreira diplomática. Renuncia á praza de auxiliar e trasládase a Bulgaria, en cuxa capital exerce como secretario da embaixada española. Lector incansable, visita museos, asiste a conferencias, aprende búlgaro e percorre os países da contorna.
Co levantamento militar do 18 de xullo, permanece fiel á República e en 1937 consegue regresar a España. Forma parte do exército republicano en Granollers e Figueres, onde obtén o grao de Tenente e desde onde o trasladan á fronte do Ebro. En Valencia, traballa no Ministerio de Estado ás ordes de Álvarez del Vayo, quen lle ofrece poñerse á fronte da secretaria xeral. Acepta o posto e realiza numerosas viaxes oficiais representando a República. En Valencia ten ademais a oportunidade de retomar a amizade con Castelao e Suárez Picallo. Neses anos coñece a María del Carmen Soler, estudante de Filosofía e Letras, con quen casa en 1939 e con quen emprende o camiño do exilio. Despois dunha curta estancia en París, a parella chega a América. En Nova York, camiño de Cuba, reencóntranse con Castelao.
Instalado durante un ano na Habana entra en contacto con exiliados republicanos, entre eles Concha Méndez e Manuel Altolaguirre, e cun grupo de intelectuais cubanos como Raúl Roa, Fernando Ortiz ou José Antonio Portuondo, cos que funda a Escuela Libre de La Habana. Tras a estancia en Cuba, marcha a México D. F e comeza a traballar no Instituto Hispano-Mexicano Ruíz de Alarcón, organizado por refuxiados españois. De México trasládase a Uruguai, onde vivirá ata a súa volta definitiva a España en 1963.
En Montevideo colabora en xornais e revistas como
Marcha,
Imago Mundi e moi especialmente
El Día, e grava programas para Radio Ariel, desde onde organiza cursos que son seguidos por moitos oíntes. A experiencia radiofónica serviralle para, co tempo, promover a emisión de
Sempre en Galiza, programa decano da radio uruguaia. En 1944 participa, como ideólogo, na posta en marcha do Consello de Galiza. No exilio está en contacto coa Irmandade Galega de Montevideo, coa Casa de Galicia e co Centro Galego de Bos Aires, onde recibirá a Castelao, de quen tivo a oportunidade de escoitar en directo a lectura do célebre
Alba de gloria en 1948. No 56 participa na organización do I Congreso da Emigración Galega. Colabora con
Galicia emigrante e na
Historia de Galiza que coordina Otero Pedrayo, a quen abrazará de novo en 1947 cando don Ramón visita Bos Aires convidado polo Centro Galego.
En 1974, once anos despois de instalarse en España, reingresa no corpo diplomático e permanece dous anos en activo. Conferenciante e investigador culto e entusiasta, redacta interesantes traballos sobre o conde de Gondomar. En 1984 concédenlle o Pedrón de Ouro e en 2002, un ano antes da súa morte, o Premio de Tradución Plácido Castro, galardón que recolle emocionado, pois o de traducir foi sempre traballo do seu agrado. Dedicoulle horas á obra de Bertolt Brech, Rilke e Goethe,
Faleceu con noventa e seis anos, en Madrid, o 12 de marzo de 2003.
- Referencias
- OBRA
- En galego
- As Décadas de T. L. (1994)
- Colección de cántigas da Mahía (1995)
- En castelán
- La saudade (1953)
- Gondomar y su triunfo sobre Raleigh (1974)
- Gondomar y los católicos ingleses (1987)
- Traducións
- Poesías inglesas e francesas vertidas ao galego (1949) (en colaboración con Plácido Castro e Delgado Gurriarán)
- Os Sonetos a Orféu de Rainer María Rilke (1980)
- BIBLIOGRAFÍA
- Maseda Maseda, , Francisco Fidel (2011): «Tobío no Seminario de Estudos Galegos», Madrygal, Madrid, nº 14, pp. 139-147
- Mejía, , Carmen; Palomares, Verónica (2006): «Constanza Tobío Soler: A pluralidad intelectual de Lois Tobio», Madrygal, Madrid, nº 9, pp. 175-183
- Ríos, Xulio (2004): Lois Tobío. O diplomático que quixo e soubo exercer de galego no mundo. Vigo: Ir Indo
- Tobío, Lois (1994): As Décadas de L. T.. Sada: Ediciós do Castro