Material
Historias de ida e volta
Galicia onde todo retorna
Un teatro para o pobo de Vigo, 1997
Detalle
O verinés José García Barbón emigrou moi novo a Cuba, onde se converteu nun banqueiro e empresario de éxito. Debido a problemas de saúde, retornou a Galicia en 1884. Nun primeiro momento instalouse na súa vila natal pero en 1889 foi vivir a Vigo. Alí investiu o seu patrimonio nas principais empresas do momento contribuíndo á modernidade e prosperidade da provincia.Este indiano destacou pronto polo seu labor filantrópico. Realizou numerosas obras benéficas a prol da cultura e da educación, como a construción da Escola de Artes e Oficios ou do Teatro García Barbón. Tamén participou no desenvolvemento urbanístico de Vigo coa construción dun grupo de magníficas casas na rúa que hoxe leva o seu nome. Convencido da necesidade dun gran teatro para a cidade, doou o soar para a súa edificación.
O edificio actual foi encargado tras a súa morte polas súas sobriñas e herdeiras. Deseñado polo arquitecto Antonio Palacios, inaugurouse en 1927 como Teatro García Barbón en clara homenaxe á súa persoa. Trátase dun edificio monumental inspirado na Ópera de París, de estilo neobarroco e modernista, que funcionaba como teatro, cinematógrafo, auditorio e casino. Hoxe en día continúa a ser un dos epicentros da vida cultural da cidade.


