Material
Historias de ida e volta
Memoria e voces femininas da diáspora galega
Mercedes Vieito, xornalista pioneira na prensa da colectividade en Cuba, 1922
Detalle
A cubano-galega Mercedes Vieito Bouza naceu na Habana, filla duns humildes emigrantes naturais das Somozas que lle fomentaron a identidade galega desde moi pequena. Estes sentimentos de pertenza e orgullo por unha cultura e un país, que non chegou a coñecer ata finais de 1920, aparecen en todos os seus escritos na prensa da colectividade. Mais tamén se consideraba cubana plenamente integrada no seu país de nacemento. Na Universidade da Habana estudou maxisterio, profesión que exerceu coa creación dunha academia chamada "La Aurora" –nome que nos retrotrae ao concello natal dos seus pais–, dedicada ao ensino primario para nenos e nenas.Como xornalista comezou a traballar en 1903 na revista Galicia, onde asina co pseudónimo de “Zoraida”. En 1910 publicou tamén en Eco de Galicia artigos en que chegaba ao corazón das masas de emigrantes chegadas á illa. Na súa defensa dun rexionalismo patriótico, promoveu cos seus escritos o envío de remesas para a creación de escolas e bibliotecas en Galicia e impulsou o movemento agrarista deste período. De 1930 ata 1934 foi nomeada directora da revista, o que supuxo un fito na prensa da colectividade.