Virxinia Pereira Renda. Muller de ideas propias, confidente de pensamentos e ideais
Detalle
Virxinia Nicolasa María de Gracia Pereira Renda naceu na Estrada, o 20 de outubro de 1884. Filla de Peregrina Renda López e de Camilo Pereira Freigenedo, avogado de renome que encarrilou a súa educación contratando un mestre particular. En 1907 certas circunstancias familiares levaron a Virxinia a visitar con certa frecuencia a cidade de Santiago de Compostela, pois nela tiña fixada a residencia a súa irmá Sara, casada con Alfredo Pérez Viodi. Alí coñeceu ao que sería o seu compañeiro de vida, Afonso Daniel Rodríguez Castelao, con quen casaría na Estrada no ano 1912. A aparición dunha desafortunada doenza ocular condicionaría o destino profesional de Castelao, afastándoo da práctica médica, que nunca chegou a exercer. A vida de Virxinia Pereira estivo marcada pola perda do seu único fillo, Afonso Xesús, que faleceu en 1928 con tan só catorce anos de idade. Co levantamento contra a República e o inicio inminente da Guerra Civil, Virxinia e Castelao comezaron o seu periplo por distintos lugares como Badaxoz, Valencia, Barcelona, a Unión Soviética, Estados Unidos, Cuba ou París. A súa condición nada tivo que ver coa vida acomodada propia da muller dun galeno. Na súa peregrinaxe con Castelao produciuse unha sutil participación de Virxinia en varios actos públicos (Nova York e Uruguai), chegando a substituílo na homenaxe a Manuel Irujo en Arxentina (1948). Durante o seu exilio en Bos Aires (1940), o matrimonio foi moi ben acollido. Castelao continuou coa súa carreira política e misión propagandística, ademais de desenvolver todas as súas facetas de artista global (novelista, debuxante, caricaturista, pintor, teórico da arte...). En todas elas estivo Virxinia presente, quen compartiu o seu fiel compromiso co galeguismo. De coidadora do seu fillo pasou a exercer de enfermeira do seu home. Castelao morreu o 7 de xaneiro de 1950 e Virxinia tivo que reiniciar un novo periplo cheo de reivindicacións, para que non morrese a súa memoria e o que iso representaba para Galicia. A partir dese momento a vida de Virxinia transcorrería entre Bos Aires e Galicia. Finalmente morreu en Madrid o 23 de decembro de 1969 e os seus restos descansan, xunto aos do seu querido fillo, no cemiterio de Figueroa.