Historias de ida e volta: As asociacións microterritoriais da emigración galega en Arxentina:
Sociedad Saviñao y sus Contornos, anos 40
Esta entidade foi fundada en 1928 polos emigrantes naturais do concello do Saviñao residentes en Arxentina. A súa finalidade cultural e recreativa foi a base da súa creación, pero, como a maioría das sociedades étnicas alí establecidas, tamén tiña o ollo posto no outro lado do océano, na súa terra natal. Desde os seus inicios tiña a intención de construír unha torre cun reloxo na vila de Escairón, fin para o cal constituíu unha comisión. No ano 1944, incentivaron aos seus paisanos residentes na cidade de Rosario para que formasen unha sociedade homóloga, coa que tiveron moita vinculación.
Nesta imaxe, na que aparece o estandarte da entidade, pódense observar os membros da comisión directiva xunto a varias damas e os máis cativos do grupo.