Recinto escolar do Círculo Habanero de La Devesa, Ribadeo | Imaxe. Debuxo | Consello da Cultura Galega
Imaxe. Debuxo

Recinto escolar do Círculo Habanero de La Devesa, Ribadeo

30/11/1920
O 3 de xullo de 1921 constitúese a asociación Círculo Habanero, Comisión Administrativa de La Devesa, na parroquia de Santalla da Devesa (Ribadeo). Entre os seus fins estaba: «Administrar dicho círculo bajo los dos puntos que abraza —instrucción y recreo— debiendo dedicar su mayor atención al funcionamiento de las escuelas con sujección al reglamanto que para su régimen formula y aprueba la Junta Directiva». Este acordo aparece reflectido no regulamento xeral da Sociedad de Instrucción y Recreo Círculo de La Devesa, fundada en 1911 e domiciliada na Habana, baixo a presidencia de José Acevedo Martínez.
Nesta imaxe pódese apreciar o alzado da fachada anterior do Círculo de La Devesa, asinado na Habana polo aparellador Domingo Baños Fernández con data 30 de novembro de 1920. O edificio foi inaugurado un ano máis tarde para funcionar como escola de ensino primario e centro cívico. Chama a atención o uso polivalente que tiña esta edificación pois tamén ofrecía servizos de biblioteca, casino e sala de reunións. No seu frontón triangular figura o nome da sociedade promotora «Círculo Habanero de La Devesa. Sociedad de Instrucción y Recreo». Na actualidade o edificio está rehabilitado e funciona como centro sociocultural.
Tipo de material
Imaxe. Debuxo
Data
30/11/1920
Entidades
Creación: Círculo Habanero de la Devesa, sociedad de instrucción y recreo
Localizacións
orixe: A Habana, Cuba
Localización física
Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega
Notas
Fondo: Consello da Cultura Galega. Arquivo da Emigración Galega