Material
Historias de ida e volta
A pegada indiana na Mariña lucense
A Torre dos Moreno, edificio singular de obrigada visita, Ribadeo, ca. 1915
Detalle
Este palacete modernista, considerado como a obra arquitectónica cosmopolita máis destacada de Ribadeo, non falta en ningunha guía turística de Galicia. Foi promovido cara a 1915 polos irmáns Pedro María e Juan Moreno Ulloa, naturais da vila de Ribadeo e emigrantes de éxito na Arxentina. Dedicábanse á explotación do campo en terras da Pampa e coméntase que fundaron un poboado con moeda propia, utilizado fundamentalmente como residencia dos traballadores contratados por eles.A longa distancia que separaba aos irmáns Moreno da súa terra natal non foi un impedimento para esquecela. Pola contra, destinaron parte da fortuna conseguida en terras arxentinas para favorecer a súa comunidade de orixe. A súa obra filantrópica na vila de Ribadeo foi moi notable. Unha comisión encargouse de tramitar a doazón para a construción dun cantón que levaría o seu nome, hoxe coñecido como Cantón dos Moreno. Tamén foron destinados cartos destes indianos para a reparación de varias rúas da vila, a urbanización da praza do Campo e a reconstrución da capela do Colexio Sagrado Corazón; ademais de importantes donativos ás escolas, o instituto de segundo ensino e centros culturais. En 1932 os seus sobriños fixéronse cargo das doazóns para o cemiterio de Ribadeo.
Esta casa tan singular foi construída baixo as directrices do arquitecto Julián García Núñez e o enxeñeiro Ángel Ardex. Unha das súas peculiaridades é que contaba cun ascensor e un sistema interno de recollida de lixo.
Os irmáns Moreno nunca retornaron da súa aventura migratoria e tampouco tiveron fillos, polo que a propiedade foi repartida entre distintos herdeiros, que non se fixeron cargo do seu mantemento. Finalmente foi adquirida por unha empresa asturiana, que será a encargada da súa rehabilitación para uso hostaleiro.


