Na imaxe podemos ver un grupo de alumnos, varios deles son galegos, cos seus diplomas, conseguidos tras finalizar os estudos de Contabilidade na Escola Nacional Mercantil de Pinar del Río. O segundo pola esquerda é Antonio Geada, natural de Alfoz, que emigrara a Cuba na década dos anos 20 do pasado século. A maioría dos emigrantes mariñaos e do resto de Galicia contaban con pouca formación académica. Sabían ler, escribir e as catro regras grazas moitas veces ao gran labor no eido educativo das escolas creadas polos emigrantes por todo o noso país e que na Mariña eran numerosas. Unha vez que chegaban ao país de acollida, o desexo de mellorar as súas condicións laborais lévaos a seguir formándose. Algunhas das principais entidades galegas na illa de Cuba, como o Centro Galego da Habana, crearon escolas para a formación dos seus socios, por exemplo o centro Concepción Arenal, no que se ofrecían cursos de contabilidade, idiomas, prácticas mercantís etc. e que tiveron unha grande acollida na colectividade. Conseguir unha maior formación académica supoñía un gran reto de tempo e esforzo. Vaise creando, así, na mentalidade da colectividade emigrada, unha asimilación clara entre progreso e educación, o que leva a realizar un inxente labor no eido educativo na terra nai.


