Material
Historias de ida e volta
A pegada indiana na Mariña lucense
Jesús Rodríguez Murias e a escola de Rinlo, Ribadeo, 1912
Detalle
O ribadense Jesús Rodríguez Murias emigrou moi novo a Cuba, onde conseguiu facer fortuna ao dedicarse ao negocio do tabaco na illa. Foi un dos promotores e benfeitores da sociedade Unión Rinlega da Habana. Como lles acontecía ás veces a moitos emigrantes tras o seu retorno á terra natal, Jesús caeu enfermo e faleceu en 1909. O seu legado debía ir destinado á realización de obras benéficas e educativas, como a construción dun edificio escolar en Rinlo. O testamento que deixa dá conta dos seus desexos de contribuír ao benestar da súa comunidade de orixe, concretamente dos máis pequenos e desvalidos, os nenos e nenas da súa parroquia. A escola será cedida á sociedade habaneira Unión Rinlega para o seu mantemento económico. As rendas xeradas polo seu patrimonio tamén serviron para o mantemento do hospital de Ribadeo, así como para os habitantes máis pobres da vila.O servizo de traída de auga potable no concello de Ribadeo foi financiado co patrimonio de Jesús. As obras remataron en 1916 e tiveron un custo de 50 000 pesetas.
A coñecida como vella escola de Rinlo alberga na actualidade o centro sociocultural para o desfrute da veciñanza da parroquia.


