Historias de ida e volta: A pegada indiana na Mariña lucense:
Escola de Xove, 1927
A constitución de sociedades étnicas na emigración galega en América está intimamente ligada á idea de proliferación de escolas repartidas por toda a xeografía de Galicia. Co corpo alí e a mente aquí, moitos galegos e galegas vivían pensando na mellora e prosperidade dos familiares e veciños que quedaban nos lugares de orixe. Aínda que non se trata dunha pegada estritamente «indiana» no sentido de filantropía «particular», podemos amosar tamén a pegada colectiva que deixou a colectividade de emigrantes nas súas zonas de procedencia, froito dun traballo en equipo. Moitas veces, lonxe de grandes fortunas pero con grande esforzo e sacrificio, lograban os case os mesmos resultados que calquera indiano de gran renome.
Na Arxentina moitas das sociedades microterritoriais de emigrantes continúan en pé, aínda que os tempos viraron e hoxe cumpren o único obxectivo de manter viva a identidade cultural que une os seus socios á nosa Galicia.
Nesta imaxe apreciamos o edificio da entón escola de nenos e nenas, hoxe ocupada polo alumnado da escola infantil de Xove. Foi construída grazas á intervención do Centro Hijos del Partido de Vivero en Buenos Aires. Segue o modelo arquitectónico doutras escolas fundadas nos concellos veciños de Burela e Cervo pola mesma sociedade. Na fachada principal hai un frontón curvo de granito con pináculos e parapeto e nel aparece a seguinte inscrición: «Centro / Hijos del Partido de Vivero / Buenos Aires». Este edificio escolar foi cedido ao Concello de Xove o 11 de outubro de 1925, tras o remate das obras. Dous anos despois foi a súa inauguración oficial.