Historias de ida e volta: A pegada indiana na Mariña lucense:
La Argentina, residencia do indiano José Álvarez Fernández na súa aldea natal de Vilaestrofe (Cervo), 2015
Pódese dicir que esta vila é o prototipo arquitectónico dunha casa indiana autóctona. O seu promotor foi un emigrante na Arxentina que acadou éxito económico e social. Emigrou a Bos Aires en 1884 e traballou nunha fábrica de tabacos, da que co tempo pasou a ser propietario. Casado cunha muller arxentina, converteuse nun home moi rico e retornou á súa aldea natal preto de 1910. Alí mandou construír unha casa grande, situada na actual estrada que une Sargadelos e San Román de Vilaestrofe. Para levar a cabo este proxecto decidiu contribuír cos seus cartos á construción desta estrada. Os seus veciños e veciñas recoñecerán cun monumento conmemorativo e unha placa o seu labor filantrópico a prol do progreso da comarca.
Nacido nunha casa humilde, decidiu restaurala e ampliala para incluír os elementos modernos e os luxos aos que estaba acostumado, pero tamén como un medio para obter prestixio ante os seus veciños. Arquitectonicamente esta casa, de planta rectangular, constrúese nun volume único, con dúas plantas e unha baixocuberta, coroada por unha cuberta de lousa a catro augas que remata nuns pináculos, típicos da zona. De escasa ornamentación, centrada nas pezas de cantaría das esquinas e nos remarques das fiestras, nas fachadas destacan as galerías, que achegan luminosidade ao conxunto. A casa está situada nun terreo de máis de 90 000 m2, pechado por un enreixado con motivos florais ornamentais. No extenso terreo salienta o xardín, con camelias e dúas grandes palmeiras, especies que nos lembran o continente americano.